Micromatriz

Unha micromatriz ou microarray é un sistema de análise de moléculas usado en bioloxía molecular, que permite analizar en paralelo miles de moléculas cunha pequena cantidade de mostra biolóxica e nun pequeno espazo. É un lab-on-a-chip (laboratorio nun chip) múltiplex (mide moitos analitos nunha soa proba) do que hai varios tipos, que ás veces tamén se chama biochip ou chip xenético, porque ocupa espazos tan pequenos como os dun chip de computadora. Trátase dunha matriz bidimensional sobre un substrato sólido (xeralmente unha placa de vidro ou unha célula de película fina de silicio) que pode analizar grandes cantidades de material biolóxico usando un cribado de alto rendemento miniaturizado, un procesamento paralelo múltiplex e métodos de detección. O concepto e metodoloxía das micromatrices foron introducidos e ilustrados inicialmente nas micromatrices e anticorpos (tamén chamadas matrices de anticorpos) por Tse Wen Chang en 1983 nunha publicación científica[1] e nunha serie de patentes.[2] A industria do "chip de xenes" empezou a crecer significativamente despois da publicación científica de 1995 dos laboratorios de Ron Davis e Pat Brown na Universidade Stanford.[3] Coa aparición de varias compañías como Affymetrix, Agilent, Applied Microarrays, Arrayit, Illumina, e outras, a tecnoloxía dos micromatrices de ADN converteuse na máis sofisticada e máis amplamente usada, mentres que as micromatrices de proteínas, péptidos e carbohidratos[4] están tamén expandíndose.

A diagrama de Venn que mostra e contrasta algúns aspectos dos campos do bio-MEMS, lab-on-a-chip, e μTAS.

Tipos

Entre os diversos tipos de micromatrices están:

  • Micromatrices de ADN, como as micromatrices de ADNc, micromatrices de oligonucleótidos, micromatrices BAC e micromatrices de SNP.
  • MMChips, para a vixilancia de poboacións de microARN.
  • Micromatrices de proteínas.
  • Micromatrices de péptidos, para análises detalladas ou optimización de interaccións proteína-proteína.
  • Micromatrices de tecidos.
  • Micromatrices celulares (tamén chamadas micromatrices de transfección).
  • Micromatrices de compostos químicos.
  • Micromatrices de anticorpos.
  • Matrices de carbohidratos (glicomatrices).
  • Matrices fenotípicas.
  • Micromatrices de proteínas en fase inversa, micromatrices de lisados de soro.
  • Sensores de imaxes de reflectancia interferométrica (IRIS).

As persoas que traballan no campo da biotecnoloxía CMOS están desenvolvendo novos tipos de micromatrices. Por exemplo está a desenvolverse unha micromatriz de resonancia magética nuclear na que se usan nanopartículas magnéticas.[5]

Notas