Ramón Grosso
Ferramentas
Xeral
Imprimir/exportar
Noutros proxectos
Grosso | |||
---|---|---|---|
Información persoal | |||
Nome | Ramón Moreno Grosso | ||
Nacemento | 8 de decembro de 1943 | ||
Lugar de nacemento | Madrid | ||
Falecemento | 13 de febreiro de 2002 | ||
Lugar de falecemento | Madrid | ||
Altura | 1,76 m. | ||
Posición | Dianteiro | ||
Carreira xuvenil | |||
Santo Domingo el Sabio | |||
1959–1963 | Real Madrid | ||
Carreira sénior | |||
Anos | Equipos | Aprs | (Gls) |
1963–1964 | Plus Ultra | 15 | (13) |
1964 | → Atlético de Madrid | 12 | (3) |
1964–1976 | Real Madrid | 265 | (54) |
Selección nacional | |||
1963–1964 | España afeccionados | 9 | (9) |
1964 | España B | 1 | (0) |
1967–1970 | España | 14 | (1) |
Adestrador | |||
1984 | Real Madrid Castilla | ||
1987 | Real Madrid Castilla | ||
Na rede | |||
Partidos e goles só en liga doméstica. [ editar datos en Wikidata ] | |||
Ramón Moreno Grosso, nado en Madrid o 8 de decembro de 1943 e finado na mesma cidade o 13 de febreiro de 2002, foi un futbolista español que xogaba como dianteiro.
Desenvolveu case toda a súa carreira futbolística no Real Madrid, co que militou durante 12 tempadas, disputando un total de 366 partidos oficiais nos que marcou 75 goles. Gañou 11 títulos, entre eles a Copa de Europa de 1966.[1] Foi sogro de Paco Llorente e avó de Marcos Llorente, ambos tamén futbolistas.
Nacido en Madrid, ingresou no equipo xuvenil do Real Madrid aos 15 anos. Na tempada 1963/64 debutou co filial, o Plus Ultra, na Terceira División. En xaneiro de 1964 saíu cedido ao Atlético de Madrid, que ocupaba postos de descenso a Segunda. Con este equipo debutou na Primeira División, diante do Murcia, marcando o gol da vitoria nos minutos finais.[1]
Co equipo salvado, regresou ao Real Madrid, co que disputou a Copa do Xeneralísimo esa mesma tempada. Marcou un gol en cada un dos seus primeiros dous partidos co primeiro equipo branco, eliminando ao Indautxu por un resultado global de 10-2.
Aínda que tiña como compañeiros a xogadores como Amancio, Gento ou Puskás, Grosso foi o máximo goleador do equipo nas súas dúas primeiras tempadas completas, marcando 17 goles na 1964/65 e 11 na seguinte. Debutou na Copa de Europa o 23 de setembro de 1964, marcando un tanto na vitoria por 2-5 ante o Boldklubben 1909 en Odense.
Nos anos seguintes xogou en varias posicións, chegando mesmo a colocarse como porteiro nun partido do Trofeo Ramón de Carranza ante o Boca Juniors. Retirouse en 1976, aos 32 anos de idade.[2] O balance dos seus 12 anos no club branco foi de 366 partidos oficiais e 75 goles.[1] Conquistou sete ligas, tres Copas do Xeneralísimo e a Copa de Europa 1965/66, na que actuou como titular na final contra o Partizan.[3]
Durante as seguintes décadas continuou traballando no Real Madrid como adestrador na canteira. Na campaña 1986/87 dirixiu o Real Madrid Castilla na Segunda División durante 23 xornadas. O 24 de marzo de 1991, trala destitución de Alfredo Di Stéfano e antes do nomeamento de Radomir Antić, actuou como adestrador interino do primeiro equipo, ao que dirixiu nun empate 1-1 diante do Real Oviedo.[4]
Foi 14 veces internacional coa selección española. Debutou o 1 de febreiro de 1967, nun empate sen goles contra Turquía no estadio Ali Sami Yen, correspondente á fase de clasificación para a Eurocopa de 1968,[5] e marcou o seu único gol coa selección no segundo partido entre os dous equipos, unha vitoria por 2-0 en Bilbao.[6]
Despois dunha longa loita contra o cancro, morreu o 13 de febreiro de 2002 no seu Madrid natal, aos 58 anos de idade.[5]
Casou con Amparo Mateo, coa que tivo cinco fillos. A filla máis vella, María Ángela, casou co futbolista do Real Madrid Paco Llorente.[7][8] O seu neto Marcos Llorente é tamén futbolista.[1]