James Todd Spader, nado en Boston, Massachusetts, o 7 de febreiro de 1960,[1] é un actor estadounidense. Os seus papeis son recoñecidos polos particulares toques excéntricos e dramáticos nas súas películas, tales como Pretty in Pink, Sex, Lies, and Videotape, Crash, Stargate, Wolf ou Secretary. Os seus papeis máis famosos na televisión son do avogado Alan Shore na serie The Practice, a súa spin-off Boston Legal, polo que gañou tres premios Emmy e o seu máis recente papel, Raymond Reddington na serie The Blacklist, onde se aprecia a calidade de actor. Tamén participou coa voz e captura de movemento do robot Ultron na película de Marvel Studios, Avengers: Age of Ultron.
Spader naceu en Boston (Massachusetts), fillo do matrimonio entre James Todd Spader e Jean Spader, ámbolos dous mestres de escola. Durante a súa educación primaria, asistiu a The Pike School (onde a súa nai lle ensinou arte) e matriculouse na Brooks School (onde o seu pai ensinaba) durante un ano en North Andover, Massachusetts. Máis tarde, trasladouse á Phillips Academy pero a abandonou, cando estaba a piques de comezar a universidade, abandonou o noveno grao para marchar a Nova York e estudar interpretación no Michael Chekhov Studio.[2] Antes de se converter nun actor a tempo completo, desempeñou unha gran variedade de postos de traballo, tales como instrutor de ioga, axudante de camareiro, chofer de camión, mozo de cuadra, e cargador de coche de ferrocarril.
Spader conseguiu debutar no cine con Team-Mates (1978), unha comedia que sería continuada por Endless Love (1981), drama romántico dirixido por Franco Zeffirelli. Aínda que o seu verdadeiro inicio nun papel principal foi en Pretty in Pink.
Por mor de chama-la atención pola súa boa aparencia e carisma e grazas tamén ás súas actuacións en Endless Love e Pretty in Pink, puido actuar en varias cintas posteriores con notable solidez, en papeis de corte moi psicolóxico e excéntrico, interpretando papeis de mozos de boa familia, educados, carismáticos e inquisitivos, que se ven envolvidos en situacións escuras e complexas.
Algunha das películas que máis representan o carisma de Spader son Bad Influence (1990), con Rob Lowe, no que encarna a un mozo avogado que é manipulado por un amigo e levado cara a escuras pasaxes de maldade. Outras películas, como Dream Lover (1993) xunto con Mädchen Amick e Secretary (2002), conteñen un estilo actoral máis desenvolvido.
No ano 2001 participou na película Stickup (Golpe baixo) pasando así ao xénero de acción.
En 2003 liderou a repartición da serie de David E. Kelley, The Practice (titulada Los Practicantes en Latinoamérica e El avogado en España), pola cal gañou un premio Emmy ao mellor actor en serie dramática. Protagonizou con William Shatner a serie Boston Legal, tamén de Kelly e spin-off de The Practice. Por esta tamén gañou o Emmy ao mellor actor principal en drama, o que o converteu no primeiro actor en gañar o mesmo premio interpretando ao mesmo personaxe en distintas series.
A pesar de que deixara os estudos en noveno grao, actualmente recoñéceselle como un dos mellores actores de culto da súa xeración, gañándose aclamacións por parte da crítica.
En 2011 incorporouse ao elenco de The Office para substituír a Steve Carell, que até entón e durante sete tempadas interpretara a Michael Scott, o xefe da oficina. Uniuse interpretando a un novo director, tras a participación de Will Ferrell en catro episodios como xefe substituto.
En 2012 participou na película Lincoln, na que interpreta o personaxe W.N. Bilbo, que é contratado por Lincoln para que o axude na súa campaña.
En 2013, interpretou a Raymond Reddington na serie The Blacklist, papel no que interpreta a un dos criminais máis buscados polo FBI que decide entregarse. Na serie, que se estreou en setembro de 2013 na NBC, Spader actúa xuntos coa actriz Megan Boone, quen interpreta a axente Elizabeth Keen. Tamén foi nomeado ao Globo de Ouro como mellor actor en drama.
En 2015, interpretou o robot Ultron en Avengers: Age of Ultron.[3]
James Spader coñeceu a súa primeira esposa, Victoria Wheel,[2] a comezos da década dos 80, pouco tempo despois de chegar a Nova York, cando traballaba nun estudo de ioga. Victoria adoitaba acompañalo nas gravacións e nas viaxes. Casaron en 1987 e tiveron dous fillos, Sebastian e Elijah, e Spader divorciouse dela en 2004. Posteriormente, tivo relacións con Leslie Stefanson,[4] coa que tivo un fillo en agosto de 2008. Nunha entrevista en 2014, afirmou que tiña un trastorno obsesivo-compulsivo.[5]
- Festival Internacional de Cine de Cannes
Ano | Categoría | Película | Resultado |
---|
1989 | Premio de interpretación masculina[15][16] | Sex, Lies, and Videotape | Gañador |
- Premios Globo de Ouro
Ano | Categoría[17] | Traballo | Resultado |
---|
2005 | Mellor actor de serie de televisión - Drama | Boston Legal | Nomeado |
2014 | Mellor actor de serie de televisión - Drama | The Blacklist | Nomeado |
2015 | Mellor actor de serie de televisión - Drama | The Blacklist | Nomeado |
- Premios Primetime Emmy
Ano | Categoría[18] | Traballo | Resultado |
---|
2004 | Mellor actor - Serie dramática | The Practice | Gañador |
2005 | Mellor actor - Serie dramática | Boston Legal | Gañador |
2007 | Mellor actor - Serie dramática | Boston Legal | Gañador |
2008 | Mellor actor - Serie dramática | Boston Legal | Nomeado |
- Premios do Sindicato de Actores
Ano | Categoría | Traballo | Resultado |
---|
2006 | Mellor actor de televisión - Comedia[19] | Boston Legal | Nomeado |
2006 | Mellor repartición de televisión - Comedia | Boston Legal | Nomeado |
2007 | Mellor actor de televisión - Drama[20] | Boston Legal | Nomeado |
2007 | Mellor repartición de televisión - Drama | Boston Legal | Nomeado |
2008 | Mellor actor de televisión - Drama[21] | Boston Legal | Nomeado |
2008 | Mellor repartición de televisión - Drama | Boston Legal | Nomeado |
2009 | Mellor actor de televisión - Drama[22] | Boston Legal | Nomeado |
2009 | Mellor repartición de televisión - Drama | Boston Legal | Nomeado |
2012 | Mellor repartición de televisión - Comedia[23] | The Office | Nomeado |
2013 | Mellor repartición[24] | Lincoln | Nomeado |