Armadillo de seis bandas

especie de mamífero

O armadillo de seis bandas[1] (Euphractus sexcinctus) é unha especie de mamífero placentario da orde do cingulados, familia dos dasipódidos e subfamilia dos eufractinos, a única do xénero Euphractus.

Armadillo de seis bandas
Euphractus sexcinctus
Estado de conservación
Case ameazada (NT)
Case ameazada
Clasificación científica
Reino:Animalia
Filo:Chordata
Subfilo:Vertebrata
Clase:Mammalia
Subclase:Placentalia
Orde:Cingulata
Familia:Dasypodidae
Subfamilia:Euphractinae
Xénero:Euphractus
Wagler, 1830
Especie:E. sexcinctus
Nome binomial
Euphractus sexcinctus
(Linnaeus, 1758)
Distribución de Euphractus sexcinctus
Distribución de Euphractus sexcinctus

Distribución de Euphractus sexcinctus

É endémica da Arxentina, Bolivia, o Brasil, o Uruguai e Paraguai, contando tamén con poboacións illadas en Suriname. O seu corpo é usualmente de cor amarelada, ao que debe un dos seus nomes vulgares, armadillo amarelo (outro é armadillo de seis bandas), aínda que localmente se coñece tamén, nos países de fala castelá, como tatú poyú e tatú peludo.

Hábitat e distribución

O armadillo amarelo ocupa moitos hábitats de selvas e de pasteiros, principalmente de áreas abertas, como nas planicies do cerrado brasileiro.

Euphractus sexcinctus está presente nunha ampla zona de América do Sur, desde o sur de Suriname e o norte do Brasil, e en Bolivia, Paraguai, Uruguai, até o norte da Arxentina.[2] Non se encontra, porén, na provincia de Buenos Aires[3][4]

Durante máis de 20 anos pensouse que había unha poboación disxunta na fronteira entre o Brasil e Suriname.[5] Pero estudos recentes realizados no norte do Brasil confirman a presenza de Euphractus sexcinctus en Maranhão,[6] Amapá,[7] e noutras partes do norte do Brasil,[8][9] no noroeste,[10] e no centro e o leste de Pará.[11][12] A maioría destes rexistros encóntranse no cerrado e a sabana amazónica. A presenza desta especie no Perú debe ser confirmada. Habita desde o nivel do mar até polo menos os 1 600 m de altura.[13]

Historia natural

É un mamífero solitario, terrestre e omnívoro, alimentándose dunha ampla gama de materias vexetais e animais.

Protéxese en covas. Ao contrario da maioría das especies de armadillos, é máis diúrno que nocturno.[14]

Taxonomía

Descricións

O xénero Euphractus foi descrito en 1830 polo herpetólogo alemán Johann Georg Wagler, en Naturliches Syst. Amphibien: 36.[15]

A súa única especie, Euphractus sexcinctus, fora descrita en 1785 por Linneo, na 10ª edición do seu Systema Naturae, baiuxo o nome de Dasypus sexcinctus.[16]

Etimoloxía

O nome do xénero, Euphractus, está formado polo elemento do latín científico eu-, calco do grego antigo εύ- eú-, do adverbio εὖ , "ben", e a palabra grega φρακτός pharktós, "armado"; literalmente: "o ben armado",[17] derivada do verbo φράσσω prhássō, "cubrir, protrexer".

Sinonimia

Xénero

O xénero Euphractus, ademais deste nome que lle adxudicou Wagler, coñeceuse tamén polos sinónimos:[15]

  • Encoubertus McMurtrie, 1831
  • Pseudotroctes Gloger, 1841
  • Scleropleura Milne-Edwards, 1871
  • Scelopleura Trouessart, 1898
Especie

En canto á especie, ademais de polo nome Dasypus sexcinctus que lle dera Linneo, e do actualmente válido, tamén se coñeceu como:[16]

Armadillo de seis bandas, no zoo de Cincinnati.
  • Euphractus gilvipes Illiger, 1815
  • Euphractus pilosus Olfers, 1818
  • Euphractus gylvipes Minoprio, 1945

Subespecies

Na actualidade recoñécense, dentro de Euphractus sexcinctus as catro subespecies seguintes:[16]

  • Euphractus sexcinctus boliviae Thomas, 1907
  • Euphractus sexcinctus flavimanus Desmarest, 1804
  • Euphractus sexcinctus setosus Wied, 1826
  • Euphractus sexcinctus tucumanus Thomas, 1907

Estado da poboación

Desde o ano 2006 e até a actualidade (2016), a Unión Internacional para a Conservación da Natureza e dos Recursos Naturais (UICN) vén cualificando o status desta especie como NT (medianamente ameazada), debido á súa ampla distribución, suposta poboación grande, a que vive en numerosas áreas protexidas, á súa tolerancia a un certo grao de modificación do seus hábitats e porque é pouco probábel que estea declinando rapidamente a súa poboación como para cualificar o seu status nunha categoría ameazada. Porén, debido á pequena cantidade de áreas onde vive na sabana amazónica, a crecente ocupación humana e o avance das grandes empresas, as poboacións naturais ao norte do río Amazonas, na rexión norte do Brasil, deben ser controladas no futuro.[13]

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

  • Emmons, Louise H. & Francois Feer (1997): Neotropical Rainforest Mammals, A Field Guide, 2ª ed. Chicago: University of Chicago Press ISBN 0-226-20721-8.
  • McKenna, Malcolm C. & Bell, Susan K. (1997): Classification of Mammals Above the Species Level. Nova York: Columbia University Press. ISBN 0-231-11013-8.
  • Nowak, Ronald M. (1999): Walker's Mammals of the World. 6ª ed. Baltimore, Maryland, EE. UU.: The Johns Hopkins University Press. ISBN 978-0-8018-5789-8.
  • VV. AA. (1968): Enciclopedia Salvat de las ciencias. Tomo 6. Animales vertebrados. Pamplona: Salvat, S. A. de Ediciones, pp. 86–88.
  • Wilson, D. E. & Reeder, D. M., eds. (2005): Mammal Species of the World: A Taxonomic and Geographic Reference, 3rd ed. Baltimore, Maryland, USA: The Johns Hopkins University Press. ISBN 978-0-8018-8221-0.

Outros artigos

Ligazóns externas