Campionato de Galicia de fútbol 1919/20

O Campionato de Galicia da Serie A 1919/20 foi a sexta edición do Campionato de Galicia de fútbol organizado pola Federación Galega de Fútbol. Comezou en decembro de 1919 e rematou en marzo de 1920. O primeiro posto do torneo outorgaba a clasificación para a Copa de España.[1]

Participaron o Vigo Sporting Club, o Deportivo da Coruña, o Real Club Coruña e o Pontevedra Athletic Club,[2] porén o Real Club Coruña retirouse do campionato antes da primeira xornada[3] e o Pontevedra Athletic non se presentou a xoga-los partidos,[4] deixando o torneo nun cara a cara entre o Vigo Sporting e o Deportivo da Coruña. O torneo foi disputado en forma de liga a dúas voltas.[2]

O partido da primeira volta do campionato xogado en Coia entre o Vigo Sporting e o Deportivo da Coruña foi gañado por 5−1 polos olívicos.[5] O 22 de febreiro debían xoga-lo Deportivo da Coruña e o Vigo Sporting en Riazor o encontro correspondente á segunda volta, mais o Vigo Sporting non se presentou alegando que non fora avisado da data do encontro con suficiente antelación e que estaba interesado en que o partido fose asubiado por un árbitro colexiado.[6] A Federación Galega de Fútbol non considerou válidas as alegacións e concedeu os puntos do encontro ó Deportivo, ficando así os dous equipos empatados a 10 puntos na conclusión do campionato.[6] A FGF tamén acordou que o día 29 se xogase en Riazor un encontro de desempate,[6] que finalizou igualado cun 2−2 no marcador.[7] A FGF decidiu que se disputase un novo partido de desempate en Oviedo o día 14 de marzo.[8] O Vigo Sporting enviou unha reclamación á Real Federación Española de Fútbol[9] e esta acordou considera-lo partido xogado o 29 de febreiro como correspondente á segunda volta do campionato, de xeito que xa non se levou a cabo o segundo desempate e foi proclamado campión o Vigo Sporting.[10][11]

Calendario

Xor.DataEstadioLocalVisitanteResultado
121 de decembroCoiaVigo SportingDeportivo da Coruña5–1Informe
229 de febreiroRiazorDeportivo da CoruñaVigo Sporting2–2Informe

Clasificación

PosEquipoXGEPGFGCDGPtsClasificación ou descenso
1.Vigo Sporting651073+411Clasificación para a Copa de España 1920
2.Deportivo da Coruña641137−49
3.Pontevedra Athletic00000000Retirados
4.R.C. Coruña00000000

Os puntos dos partidos do R.C. Coruña e do Pontevedra Athletic foron concedidos ós seus rivais non retirados.

Notas