Centenario do Celta de Vigo

Centenario do Celta de Vigo, equipo de fútbol

O centenario do Celta fai referencia ao conxunto de actos e celebracións realizadas polo Real Club Celta de Vigo para conmemorar os cen anos desde a súa fundación o 23 de agosto de 1923. Durante os últimos meses de 2022 anunciáronse os primeiros actos e comezaron os preparativos. A presentación formal realizouse o 16 de novembro de 2022 na Sede sita na rúa Príncipe, onde se presentou o cartaz do Centenario e se comezaron a debullar os futuros actos. Durante o ano 2023, programáronse diferentes actividades sociais, culturais e deportivas para conmemorar os cen anos do equipo vigués.

As actividades deportivas centráronse principalmente na pretempada da Primeira División 2023-24. Desputáronse diferentes amigábeis, coma a Copa Centenario, que enfrontou ao Celta co Olympique Lyonnais; ou o Partido de Lendas, que enfrontou a diferentes futbolistas e exfutbolísticas históricos do club celeste fronte a outros exfutbolistas da elite mundial.

As aspiracións deportivas para o ano do centenario pasaban por unha mellora dos resultados e unha aposta por xogadores e adestradores contrastados, o cal levou a contratar a Rafa Benítez como director técnico. Benítez pasou a se converter no adestrador mellor pagado das historia do club. Porén, os resultados non acompañaron e rematou por se producir a ulterior destitución, dando paso ao adestrador do Celta Fortuna, Claudio Giráldez.

Outras actividades destacadas do Centenario foron a audiencia do cadro de xogadores co Papa Francisco en Roma, a exposición "Gol e Arte" no Museo do Mar de Vigo, a publicación dun documental e dun libro do Centenario[a], así como outros eventos culturais, concertos e actividades no estadio.

Antecedentes

Durante o ano 2022 o equipo directivo do Real Club Celta preparou en distintas reunións a planificación de actos que se ían celebrar ao ano seguinte.

O 16 de novembro de 2022 realizouse na Sede a presentación do cartel oficial do centenario, creado polo artista gráfico de Sargadelos, Xosé Vizoso. [1] nun acto presentado polo cómico Carlos Blanco[2]. O cartaz incluía a varios xogadores do Celta coa clásica equipación celeste, cos afeccionados sentados nas cadeiras do estadio e a Praza América de fondo. Isto débese a que nesa praza téñense celebrado éxitos do club. Por último, na parte superior do cartaz, aparecen deseñadas ondas azuis representando á ría de Vigo xunto co título "1923 Centenario 2023".

Primeiros actos

O 30 de novembro de 2022, na previa do enfrontamento do Celta fronte ao Sevilla FC no campionato de Liga, repartíronse 200.000 uvas para celebrar o Aninovo e anunciar o comezo dos festexos do centenario. O resto de celebracións planeadas para ese día tiveran que ser suspendidas pola chuvia.[3]

O 13 de xaneiro de 2023, no primeiro partido de Liga en Balaídos, o Celta retomou os actos cun recibimento ao equipo na previa contra o Villareal. O recibimento produciuse ás 19:23 horas, coincidindo coa data do ano de fundación. Ademais, repartiu centos de bufandas en conmemoración do centenario. Ditas bufandas foron entregadas de balde aos menores asistentes. Tratábase dunha bufanda negra con letras douradas, e co lema "A mellor afección comeza no berce". Posteriormente, minutos antes do encontro, estendeuse un tifo* conmemorativo no estadio desde a bancada de Río. Horas antes celebrouse a carón do estadio un concerto da banda Keltoi[4] e Miguel Costas, ex integrante de Siniestro Total.

Actividades deportivas e desenvolvemento

Rafa Benítez, o adestrador do Celta no ano do centenario.

Tras varias tempadas na que o club, malia estar asentado na Primeira División, non acadou resultados deportivos salientábeis, o presidente Carlos Mouriño manifestou o seu desexo de mellorar o eido deportivo e antepoñelo por enriba de outros.[5] Perante ás críticas sobre a priorización de outras parcelas alén da futbolística (expansión internacional, proxecto Galicia Sports 360 etc), o que foi presidente do centenario anunciou un cambio de rumbo para tentar reverter a inestabilidade deportiva, que levara, entre outras cousas, a pelexar varias tempadas pola permanencia ou a ter até 19 adestradores desde 2006. Así, o 3 de xullo de 2023, após de despediren o antigo adestrador Carlos Carvalhal,[6] presentouse a Rafa Benítez como novo técnico do club.[7]

O equipo do centenario

Seguindo a liña do salto de calidade na dirección técnica, a dirección deportiva do Celta realizou un importante esforzo económico para mellorar a calidade do equipo, investindo en maior medida que en anos anteriores.

Ademais da incorporación de Benítez o Celta contou co portugués Luís Campos como asesor deportivo. Campos realizara ditas competencias dende a tempada 2022-23, compatibilizando as súas labores no club celeste co traballo de director deportivo do Paris Saint-Germain FC. O asesor luso xa viñera de triunfar la Liga Francesa co Lille OSC, co que se proclamou campión da Ligue 1.

O cadro de xogadores do Real Club Celta de Vigo que competiu na tempada 2023-2024 da Liga e a Copa do Rey, consideradas polo club como a tempada do centenario, foi a seguinte:

PostoPaísXogador
1POR Agustín Marchesín
2DEF Carl Startfelt
3DEF Óscar Mingueza
4DEF Unai Núñez
5MED Renato Tapia
6MED Carlos Dotor
7MED Carles Pérez
8MED Fran Beltrán
10DIA Iago Aspas
11MED Franco Cervi
12DIA Anastasios Douvikas
13POR Iván Villar
PostoPaísXogador
14MED Luca de la Torre
15DEF Joseph Aidoo
17DIA Johnatan Bamba
18DIA Jørgen Strand Larsen
19MED Williot Swedberg
20DEF Kevin Vázquez
23DEF Manu Sánchez
28DEF Carlos Domínguez
29DIA Miguel Rodríguez
30MED Hugo Sotelo
?POR Vicente Guaita
?DEF Mihailo Ristic

Copa Centenario

A Copa Centenario foi a denominación oficial do club á 𝖷𝖷𝖵𝖨𝖨 edición do Memorial Quinocho. Foi o primeiro partido da pretempada celeste que se disputou en Balaídos, e o segundo partido no que todas as bancadas estaban dispoñíbeis tras a reforma de Marcador.

Detalles do partido

Celta de Vigo 1–0Olympique Lyonnais29 de xullo de 2023, 20:00 horas – Estadio de Abanca Balaídos, Vigo
Asistencia: 12.401
Árbitro: González Díaz (colexio asturiano)

Carles Pérez 70'
Informe

Partido de lendas

Artigo principal: Partido de lendas do centenario do Real Club Celta de Vigo.

O partido de lendas foi un encontro que homenaxeou a antigos xogadores históricos do Real Club Celta. O partido enfrontou a un combinado de ex xogadores celestes baixo a denominación "Lendas R.C. Celta", que se enfrontou a un combinado de xogadores destacados internacionais, liderados polo ex futbolista do Celta e do Real Madrid, o vigués Michel Salgado.

Detalles do partido

Lendas R.C. Celta 6 - 4Lendas All Star30 de agosto de 2023, 21:00 (CET) – Abanca Balaídos, Vigo
Asistencia: 15.609
Árbitro: Mateu Lahoz

Augusto Fernández 31' 40'
Juan Sánchez 38'
Cannobio 47'
Dani Abalo 55'
Mario Bermejo 63'
Informe

Luis García 6'
Morientes 21' 29' 77'
 

Crise de resultados e destitución de Benítez

Malia aporta deportiva por Rafa Benítez na tempada do centenario, que o levou a converterse no adestrador mellor remunerado da historia do club, o Celta decidiu prescindir del como reacción á mala xeira de resultados en Liga. Así, após da derrota no Bernabeu por 0 goles a 3 o o 12 de marzo de 2024[8], o club, presidido xa por Marián Mouriño, comunicou que Rafa Benítez deixaba de ser o adestrador do primeiro equipo.

O substituto foi Claudio Giráldez, que por aquel entón era o adestrador do equipo filial[9]. A súa boa traxectoria co Celta Fortuna, que o levara a clasificalo líder do grupo 1 da Primeira División RFEF na tempada 2023-24, sumado á clasificación para os play offs de ascenso a Segunda División na tempada 2022-23, fixo que a directiva confiase nel.

Coa chegada no novo adestrador, o Celta mellorou os resultados e acadou a permanencia na Primeira División na penúltima xornada cunha vitoria fronte ao Granada CF no estado dos Cármenes, onde venceu por 1 a 2 e pechou unha tempada que ameazara co descenso á Segunda División no ano do propio centenario. Finalmente, os descendidos foran o propio Granada, o Cádiz CF e a UD Almería.

Na derradeira xornada de Liga, o Celta xogou en Balaídos xa salvado. Isto deu pé e tranquilidade para celebrar unha festa de Fin de Centenario antes do encontro, que se celebrou o 26 de maio dese mesmo ano fronte o Valencia CF. Horas antes do partido, celebráronse diversos concertos nos arredores do estadio, entre os que destacaban A Roda, Batea, Festicultores ou Groove Amigos. Ademais, celebráronse outras actividades gastronómicas, un outlet da tenda oficial do RC Celta e actividades infantís.[10]

Anuncio de "As Celtas"

O 7 de maio de 2024, o RC Celta anunciou, nun acto na cidade deportiva de A Madroa, a creación da sección feminina do equipo. O nome escollido para a escuadra feminina foi As Celtas[11]. O equipo xurdiu da fusión coa Unión Deportiva Mos, que nesa tempada xogaba na Terceira Federación feminina. Ao acto acudiu o cadro de xogadores do Celta, incluído o adestrador, Claudio Giráldez, e os directivos. Tamén acudiron, en representación oficial, diferentes cargos da Xunta de Galicia, entre eles o Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo; e o Secretario Xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa.[12] Tamén estivo presente o presidente da Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán.

No acto repartíronse camisolas conmemorativas e posteriormente houbo varias actuacións de artistas galegos: Lil Kids e EME DJ. Ademais, leuse un manifesto coas bases e o espírito do equipo feminino.

Xa están aquí
Somos mulleres de terra e sementeira, mulleres de mar,
mulleres de ferro
Somos As Celtas

Actividades culturais

Audiencia co Papa

O 10 de xullo de 2023 o Papa recibiu en audiencia privada ao Celta de Vigo na Basílica de San Pedro da Cidade do Vaticano[13]. Xunto co equipo celeste, viaxaron dez afeccionados escollidos nun sorteo entre abonados do club con máis de dez anos de antigüidade.[14]

Durante a audiencia, o Papa Francisco destacou a importancia dos valores do deporte e o traballo en equipo. Ademais, salientou a conexión entre o club vigués e o pobo arxentino, nacionalidade do Papa, en relación coa emigración que viviu o pobo galego cara a terras arxentinas.[15]

...as súas cores [o branco e o celeste do Celta de Vigo] son as da Virxe Inmaculada e tamén os da camiseta arxentina, case coma se a nosa nai quixese unir as dúas beiras deste gran océano que máis que separarnos, uniunos para que non a esquezamos
Declaracións do Papa Francisco sobre a visita do Celta ao Vaticano.

O Celta agasallou ao pontífice cunha camisola asinada polos xogadores e co seu nome no dorsal, así como unha oliveira coma símbolo da cidade de Vigo e do centenario e unha metopa co escudo do club.[16]

Exposición "Gol e Arte"

A exposición "100 anos de RC Celta: Gol e Arte foi unha mostra cultural que se expuxo durante os meses de xaneiro a marzo de 2023 para conmemorar o centenario[17]. Expostas no museo do Mar de Galicia, estaba composta por arredor de trinta obras propiedade da Fundación Celta e que correspondían a pintores galegos de sona como Laxeiro, Pedro Solveira, Antón Pulido Novoa, Xaime Quesada, Leopoldo Varela, Lodeiro o Antonio Quesada[18].

Equipamento

A camiseta do RC Celta da tempada 2023-2024, fabricada e conceptualizada por Adidas, tamén incorporou diferentes motivos que facían referencia aos cen anos de historia do equipo, así como a outros elementos identitarios da cidade de Vigo, da súa contorna, do club e dos clubs fundacionais.

Primeira equipación

Escudos do Vigo Sporting e Real Club Fortuna de Vigo, os dous clubs fundacionais do Celta de Vigo.

A primeira equipación foi presentada o 8 de xullo de 2023. Igual que os anos anteriores, mantivo a tradicional cor celeste representativa do equipo. Nos ombreiros e nas mangas, presentaba tamén raias nun ton celeste diferente.

Na parte superior dereita dianteira descansaba o escudo do Celta sobre un fondo branco e unha liña diagonal azul, simbolizando a bandeira de Galicia. Outros parches que contiña a camiseta foron o logo de Adidas na parte superior esquerda, e a publicidade de Estrella Galicia no centro. Esta última, a diferenza de anos anteriores, estaba estampada en cor branca co resto dos detalles da camisola.

Na parte posterior, a camisola contén un parche en cor branca prateada coas iniciais "VSCCF" formando unha cadea, en referencia aos dous equipos que, a través da súa unión, foron os clubs fundacionais do Celta de Vigo: o Vigo Sporting (VS) e o Club Fortuna (CF), encadeados á "C" de Celta. Nesa mesma liña acontece o renomeamento do Celta B como Celta de Vigo Fortuna.

Por último, nun lateral estaban estampados uns versos do himno do centenario composto por C. Tangana.

Outras equipacións

A segunda equipación presentouse o 20 de xullo de 2023. A cor predominante era o vermello, facendo referencia á cor da cidade de Vigo e á cruz de Santiago presente no escudo.

Himno

Artigo principal: Oliveira dos cen anos.
C. Tangana, fillo de galego e celtista confeso, foi o compositor e creador do himno do centenario.

O 15 de marzo de 2023 o Celta confirmou que o rapeiro C. Tangana sería un dous autores do himno do centenario[19]. Malia ser de orixe madrileña, Antón Álvarez "Pucho", confesou en varias ocasións ser seareiro do club grazas ao seu pai, un xornalista nado en Vigo[20]

O anuncio da composición do himno produciuse mediante a colocación dunha lona na fachada dun edificio anexo á Sede de Príncipe. Dita lona reproducía un tweet do artista coas palabras "podo intentalo?" como resposta a unha enquisa que realizou Radio Vigo en Twitter preguntando quen era o artista preferido dos oíntes para compoñer o himno do centenario.[21]

A estrea oficial produciuse o 7 de xullo de 2023 co nome de "Oliveira dos cen anos", en referencia á oliveira como símbolo da cidade de Vigo e aos cen anos do centenario[22][23]. A preestrea oficial da 'Oliveira dúas cen anos. 1923-2023' celebrouse no teatro Afundación, nun acto ao que acudiu o propio compositor C. Tangana, os estamentos do club e diferentes persoeiros da cultura e da política galega[24].

O himno, Oliveira dos Cen anos, foi composto e escrito por C Tangana e producido polo seu equipo, os compositores Cristian Quirante Catalán 'Alizzz' e Pablo Drexler[25]. Porén, a parte vocal do himno foi interpretada pola Coral Casablanca de Vigo, a banda de pandereteiras Lagharteiras e a gravación de cánticos da peña celtista Tropas de Breogán[26]. Tamén, en menor medida, colaboraron artistas como Xisco Feijoo, Lilaina, Xosé Lois Romero, Quico Comesaña ou Sime de Keltoi![27]. A canción, escrita en galego, foi produto de meses de investigación da cultura popular galega por parte de C. Tangana, xunto a importantes referentes da cultura galega, como o escritor Pedro Feijoo, o músico Rodrigo Romaní -un dos fundadores de Milladoiro-, ou Alfredo Dourado, membro doutros clásicos do Folk galego como A Roda.

A acollida foi maioritariamente positiva. As enquisas dos diferentes xornais e as reaccións de diferentes persoeiros achegaban unha resposta positiva por parte do público e da afección. O videoclip na plataforma Youtube superou o millón de visualizacións apenas 48 horas despois da súa publicación[28].

O videoclip

O pergamiño Vindel, de Martín Codax, recolle o poema Ondas do mar de Vigo, referenciado na segunda estrofa do himno do centenario do Celta de VIgo, Oliveira dos cen anos.

O videoclip foi rodado e grabado en diferentes localizacións da contorna de Vigo. Nun primeiro fotograma aparece a illa de San Simón arrodeada dun mar calmo e baleiro, en clara referencia ás "ondas do mar de Vigo" da cantiga do poeta Martín Codax co título homónimo. Sobre a ponte que une as illas de Santo Antón e San Simón, un grupo de mulleres vestidas de negro e motivos tradicionais galegos, axitan unha bandeira co símbolo da oliveira negra da carátula do single.

Posteriormente, nun plano de noite, sucédense varios fotogramas en diferentes paraxes da ría. Primeiro sobre varias bateas e posteriormente sobre unha Ponte de Rande ateigada de pandeireteiras e seareiros celtistas da peña Tropas de Breogán con bengalas, bufandas e bandeiras, entre os cales aparece o propio C. Tangana.

Letra

Ademais de coproducir o himno e de dirixir o videoclip, C. Tangana foi o encargado de compoñer a letra.

Outros actos

  • A ONCE dedicou o 23 de agosto de 2023 á efeméride do centenario do Celta no seu cupón diario, onde demais rezaba o seu lema "100 anos de afouteza e corazón".[29]
  • A compañía cervexeira Estrella Galicia tirou unha edición especial de 12 botellas adicadas a diferentes xogadores históricos da entidade, con ilustracións de Davila[30].
  • O 23 de agosto, día no que hai 100 anos se fusionaran os equipos Real Vigo Sporting e Real Fortuna, colocouse a primeira pedra do proxecto Galicia Sports 360.
  • O mesmo 23 de agosto desde ano, na Biblioteca Pública Juan Compañel[b], colocouse unha placa conmemorativa para celebrar a unión dos equipos fundacionais do Celta, o Vigo Sporting Club e o Real Club Fortuna, que nese mesmo lugar e nese mesmo día do ano 1923, oficializouse a unión de ambos clubs. A placa reza: "Aquí naceu o RC Celta o 23 de agosto de 1923 grazas á xenerosidade de dous clubs, o Vigo Sporting Club e o Real Club Fortuna, e as súas afeccións, que amosaron que coa unión pódense acadar os máis grandes dos soños".[31]

Notas

Referencias

Véxase tamén

Outros artigos

Ligazóns externas