Francisco Diz

futbolista galego
(Redirección desde «Francisco Diz Vázquez»)

Francisco Diz Vázquez, nado na Coruña o 9 de setembro de 1910 e finado o 16 de abril de 1967, foi un futbolista galego. Xogaba de dianteiro e destacou no Deportivo da Coruña, onde formou unha famosa á esquerda xunto a Chacho. Tamén militou dúas tempadas no Real Madrid, co que gañou unha Copa do Presidente da República.

Diz
Información persoal
NomeFrancisco Diz Vázquez
Nacemento9 de setembro de 1910
Lugar de nacementoA Coruña
Falecemento16 de abril de 1967
PosiciónDianteiro
Carreira sénior
AnosEquiposAprs(Gls)
1928–1929Europa FC
1929–1930Emden
1930–1934Deportivo da Coruña56(20)
1934–1936Real Madrid8(2)
1936–1937Deportivo da Coruña
Partidos e goles só en liga doméstica.

editar datos en Wikidata ]

Traxectoria

Nacido na Coruña, xogou no Europa FC da mesma cidade, antes de pasar ao Emden, co que disputou a Terceira División na tempada 1929/30. No modesto club coruñés coincidiu con xogadores como Cachaza, Abelardo, Lolito, Medín ou Lelé, e obtivo a segunda posición do seu grupo, por detrás do Racing de Ferrol.[1]

No verán de 1930 fichou polo Deportivo da Coruña. Debutou en partido oficial no Campionato de Galicia, do que se proclamou campión esa tempada (1930/31). O 4 de xaneiro de 1931 xogou o seu primeiro partido na Segunda División, nunha derrota contra o Betis no Campo do Patronato de Sevilla.[2] Xogou catro tempadas no club branquiazul, formando unha célebre á esquerda con Chacho.[3] Gañou un segundo campionato galego e marcou 22 goles na Segunda División.

En 1934 recibiu ofertas de varios equipos, entre eles o FC Barcelona, que se interesou por el e mais por Chacho, viaxando os dous futbolistas coruñeses á cidade condal para xogar algúns partidos de proba. Alí chegaron a enfrontarse á selección brasileira de Leônidas, logrando un empate a catro goles.[4] Finalmente foi o Madrid FC o que fichou ao xogador, pechándose o traspaso en 10.000 pesetas para o Deportivo.[3][5]

Militou dúas tempadas no club madrileño, compartindo equipo entre outros con Zamora, Quincoces, os irmáns Luis e Pedro Regueiro, Lazcano ou o seu antigo compañeiro no Deportivo, Hilario; e proclamouse campión da Copa do Presidente da República en 1936. A continuación regresou á Coruña e xogou de novo no Deportivo, gañando un terceiro campionato galego.[6] Pouco despois sufriu unha grave lesión nunha perna durante un partido, presentándoselle unha gangrena que puxo fin á súa carreira deportiva.[7]

Trala súa retirada viviu na pobreza, recibindo donativos procedentes de colectas de persoas mundo do fútbol e de partidos benéficos para sufragar as súas estadías nos hospitais.[8][9][10] Faleceu dun infarto o 16 de abril de 1967 no hospital de Santiago de Compostela, onde estaba ingresado por un cancro nunha perna. A morte chegoulle mentres presenciaba no televisor un partido de fútbol entre o Córdoba e o Hércules.[11]

Palmarés

Deportivo da Coruña

Real Madrid

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas