Lisozima

composto químico

Os lisozimas[1][2] (ou lisocimas[3]), tamén chamados muramidases ou N-acetilmuramida glicanhidrolases, son enzimas do grupo das glicósido hidrolases (EC 3.2.1.17) que danan a parede celular bacteriana formada por peptidoglicano ao catalizaren a hidrólise dos enlaces glicosídicos β(1-4) entre os residuos de ácido N-acetilmurámico e N-acetil-D-glicosamina do peptidoglicano, e tamén entre os residuos de N-acetil-D-glicosamina da quitina das paredes dos fungos [4].

Lisozima
Cristal de lisozima.
Identificadores
Número EC3.2.1.17
Número CAS9001-63-2
Bases de datos
IntEnzvista de IntEnz
BRENDAentrada de BRENDA
ExPASyvista de NiceZyme
KEGGentrada de KEGG
MetaCycvía metabólica
PRIAMperfil
Estruturas PDBRCSB PDB PDBe PDBj PDBsum
Gene OntologyAmiGO / EGO
Modelo do lisozima.
Número CAS: 9001-63-2.
Número EC: 3.2.1.17.

O lisozima abunda en certas secrecións corporais humanas como as bágoas, saliva, leite humano e moco. Tamén está presente en gránulos citoplasmáticos dos neutrófilos polimorfonucleares do sangue (PMN). Poden atoparse grandes cantidades de lisozima na clara dos ovos. Os lisozimas de tipo C están moi relacionadas coa alfa-lactoalbumina en secuencia e estrutura, e forman parte da mesma familia de moléculas.

Nos humanos, o lisozima está codificada polo xene LYZ, situado no cromosoma 12.[5][6]

Funcionamento

O enzima actúa atacando o peptidoglicano, hidrolizando o enlace glicosídico β(1-4) entre os seus dous compoñentes básicos, o ácido N-acetilmurámico e a N-acetilglicosamina. Isto faino uníndose á molécula de peptidoglicano, especialmente das bacterias grampositivas) polo seu sitio de unión na gran fenda que ten o enzima entre os seus dous dominios.Segundo o Mecanismo de Phillips, o lisozima únese a un tramo de seis azucres da molécula, o hexasacárido. O lisozima distorsiona o cuarto azucre deste hexasacárido (o anel D) que adopta unha conformación en media cadeira. Neste estado tensionado, o enlace glicosídico pode romper doadamente.

As cadeas laterais dos aminoácidos ácido glutámico en posición 35 (Glu35) e ácido aspártico 52 (Asp52) son fundamentais na actividade deste enzima. O Glu35 actúa como un doante de protóns ao enlace glcosídico, cortando o enlace C-O no substrato, e o Asp52 actúa como un nucleófilo para xerar un interemediato glicosil enzima. O intermediato glicosil enzima reacciona despois cunha molécula de auga, dando o produto da hidrólise.

Patoloxía

O lisozima forma parte do sistema inmunitario innato. Os niveis reducidos de lisozima foron asociados con displasia broncopulmonar nos neonatos.[7] Os leites maternizados en po para a alimentación de meniños carecen de lisozima, que si está presente no leite materno, e os meniños alimentados con estes preparados teñen 3 veces máis probabilidades de ter diarreas.[8] Como a lisozima é unha forma natural de protección de patóxenos grampositivos como Bacillus e Streptococcus,[9] unha deficiencia na alimentación do neno en lisozima podería explicar o incremento da incidencia da enfermidade.

A pel é unha barreira protectora contra moitas bacterias debido á súa acidez e sequidade, pero a membrana conxuntiva do ollo está protexida pola secreción de enzimas, principalmente lisozima e defensina. Se esta protección falla pode producirse conxuntivite.

En certos cancros (especialmente leucemia mielomonocítica) a excesiva produción de lisozima polas células cancerosas poden levar a niveis tóxicos de lisozimas no sangue. Niveis altos de lisozima no sangue poden orixinar insuficiencia renal e diminución do potasio sanguíneo.

Algunhas formas de amiloidose teñen como causa a mutación do xene do lisozima, o que orixina a acumulación deste enzima en varios tecidos.[10]

Historia

As propiedades antibacterianas da clara do ovo, debidas ao lisozima que contén, foron observadas primeiro por Laschtschenko en 1909,[11] aínda que non foi ata 1922 que se empezou a utilizar o nome "lisozima", acuñado por Alexander Fleming (1881–1955), o descubridor da penicilina.[12] Fleming observou a acción antibacteriana do lisozima cando trataba cultivos bacterianos con mucosidade nasal dun paciente que sufría un arrefriado.[12]

A estrutura tridimensional do lisozima da clara do ovo de galiña foi descrita por David Chilton Phillips (1924–1999) en 1965, ano en que obtivo o primeiro modelo deste enzima con resolución de 2 Å por cristalografía de raios X.[13][14] A estrutura foi presentada publicamente na Royal Institution en 1965.[15]O lisozima foi a segunda estrutura proteica e a primeira enzimática en ser resolta por métodos de difracción de raios X, e o primeiro enzima en ser completamente secuenciado que contiña todos os 20 aminoácidos proteinoxénicos comúns.[16]Grazas a estes traballos de Phillips, o lisozima foi o primeiro enzima para o que se suxeriu un mecanismo detallado e específico de catálise.[17] Isto levou a Phillips a proporcionar unha explicación de como os enzimas aceleran unha reacción química en termos das súas estruturas físicas. O mecanismo orixinal proposto por Phillips foi revisado posteriormente.[18]

Howard Florey (1898–1968) e Ernst B. Chain (1906–1979) tamén fixeron investigacións sobre lisozimas.

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas

🔥 Top keywords: