Triscaidecafobia

A triscaidecafobia (do grego τρεισκαιδέκα, treiskaideka ‘trece’, derivado de τρεῖς, treîs ‘tres’, καὶ, kai ‘e’, e δέκα, deka ‘dez’; xunto con φοβία, fobía, de φόβος, fobos ‘medo’, ‘temor’) é o medo irracional ao número 13. Considérase normalmente unha superstición. A fobia específica ao venres 13 chámase parascevedecatriafobia (a Parasceve é a preparación da Pascua), collafobia, ou ben, friggatriscaidecafobia (a palabra Friday, ‘venres’ ou ‘sexta feira’ en inglés, procede do nome da deusa viquinga Frigga). O medo ao martes 13 chámase trezidavomartiofobia.

Orixe e relación do 13 coa cultura

A Última Cea, de Leonardo da Vinci.

Esta aversión probabelmente xurdiu na Idade Media. O trece é o seguinte número primo despois do once —o simbolismo do once era crucial, debido á súa practicidade e calidade matemática—. Vencellouse co feito de que, segundo o cristianismo, había 13 persoas na Última Cea de Xesucristo, e que este foi condenado a morrer na cruz pouco despois. Relacionouse tamén con que un calendario lunisolar seguramente ten 13 meses nalgúns anos, mentres que os anos dos calendarios calendario solar gregoriano e o calendario lunar musulmán sempre teñen 12 meses. Tamén é significativo que o capítulo 13 do libro da Apocalipse, atribuído a San Xoán, estea dedicado ao Anticristo e a Besta.[1]

A triscaidecafobia ten relación tamén coa civilización viquinga. Considérase que Loki, no panteón nórdico, era o deus número 13. Isto "cristianizouse" posteriormente indicando que Satán era o 13.º anxo.

No antigo Exipto considerábase que a décimo primeira fase do ciclo da vida era a morte, isto é, a vida despois da morte, que se consideraba unha vida ideal.[2]

Outro feito sobre o venres 13 é a captura dos cabaleiros templarios, que morreron na fogueira o venres 13 de outubro de 1307. O día que acabou o poder dos monxes guerreiros puido imputarse a unha cuestión de mala sorte. Porén, tamén ten relación coa maldición de Jacques de Molay, último gran mestre dos Cabaleiros templarios. Este, estando xa na fogueira, convocou ante o tribunal de Deus ao rei Filipe IV de Francia e ao Papa Clemente V —os artífices daquela destrución da orde do Amorne—. Tanto o rei coma o Papa morreron antes do prazo dun ano, como o gran mestre predixera.

A carta da Morte nunha baralla de tarot é a número 13, malia que neste caso representa a transformación e o cambio.[3]

En xeral, o 13 é considerado un número "malo" sinxelamente por ser o inmediatamente posterior ao 12. Isto débese a que o 12 é un número popularmente utilizado en moitas culturas, por ser un número altamente composto.

Supersticións e aversións co número 13

Algúns edificios omiten o piso 13 e saltan do piso 12 ao 14 para evitar a anguria que provoca a triscaidecafobia. Isto tamén se aplica en ocasións aos números das casas ou dos cuartos (por exemplo, nos hospitais).[4][5] O caso anterior tamén é común nas filas de asentos nos avións. Os da aeroliña española Iberia, a italiana Alitalia, a emiratí Emirates e a panameña Copa Airlines non contan con este número: a fila que segue á 12 é a 14.[6][5]

Algunhas cidades evitan a 13ª avenida. Porén, no centro da cidade de Bogotá, a capital de Colombia, hai unha encrucillada entre a rúa 13 e a carreira 13. Algo similar ocorre na cidade estadounidense de Sacramento, cunha intersección entre a 13th Street (rúa 13) e a 13th Avenue (avenida 13).

Ningunha persoa de España terá o documento de identidade número 13. O ditador Francisco Franco, precursor deste sistema de identificación persoal, reservou para si o número 1, e o resto de documentos dunha cifra para a súa familia. A Familia real española ten reservados os números de dous díxitos: o rei emérito Xoán Carlos ten o 10, a raíña Sofía o 11, e a filla máis vella, a infanta Elena, o 12. Á súa segunda filla, a infanta Cristina, corresponderíalle o 13, mais debido a esta superstición, ese DNI quedou sen titular, e foille asignado o 14.[7]

O compositor e pintor austríaco Arnold Schönberg padecía triscaidecafobia. Curiosamente, naceu e morreu o día 13 do mes, á idade de 76 anos (7 + 6 = 13).

Na novela de John Ronald Reuel Tolkien O hobbit, publicada en 1937, os protagonistas son trece ananos. Para non ter mala sorte na viaxe, pídenlle ao mago Gandalf que atope un décimo cuarto membro para a súa compañía.[8]

O álbum musical Room for Squares, do compositor e cantante estadounidense John Mayer, consta de 14 pistas. Porén, a número 13 é de 2 segundos de silencio (o mínimo de duración dunha pista conforme os estándares), e non aparece na portada do álbum.

O álbum Alivio de luto, de Joaquín Sabina, tampouco mostra este número; á pista número 12 séguea a pista "+uno".

No álbum Destrangis, de Estopa, a última canción, Ojitos rojos, non está numerada como 13, senón como "Bonus track".[9]

Todos os discos da banda uruguaia No Te Va Gustar carecen dunha pista 13, e pasan da 12 á 14. En Spotify a pista 13 é de 6 segundos de silencio.

Logotipo da misión Apollo 13.

O Apollo 13 foi lanzado ás 13:13 EST do 11 de abril de 1970 dende o complexo 39 (tres veces trece). Durante o seu voo, sufriu un estoupido que puxo en perigo a tripulación, polo que foi necesario abortar a misión.[10] Hai quen se refiren a esta misión lunar como a proba definitiva de que o 13 trae mala sorte. Trátase dunha teoría facilmente refutable, pois non houbo vítimas mortais. De feito, houbo misións estadounidenses e soviéticas con peores resultados que non foron designadas co devandito número.[11]

O caza alemán desenvolvido tras o Hei 112 foi denominado Hei 100 para evitar a desafortunada designación Hei 113, pois Adolf Hitler sufría triscaidecafobia.[12] Así mesmo, nos EUA nunca existiu un "caza F-13", pola superstición de gran parte da tripulación.[13]

Ao longo da súa historia, a compañía automobilística francesa Renault contou cunha serie de modelos numerados. Dende o Renault 3 até o Renault 25 existen modelos con todos os números, agás co 13.[14]

O piloto de motociclismo español Ángel Nieto foi campión do mundo de motociclismo en 13 ocasións, mais sempre indicaba que foi campión "en 12+1 ocasións".[15][16] Por outra parte, na maioría das competicións de automobilismo e motociclismo non se asigna o número 13,[17] coa excepción de NASCAR, que si o utiliza nalgún vehículo da categoría.[17]

Hai deportistas que deciden desafiar a mala sorte e utilizan o número 13, por exemplo, Pastor Maldonado, piloto de F1. Cando a Federación Internacional do Automóbil (FIA) permitiu escoller, a partir da tempada 2014, calquera dorsal entre o #2 e o #99, o piloto venezolano escolleu o #13 para acabar coa mala sorte.[18][17] Porén, esa foi a súa última tempada en dita competición. Tamén son famosos os casos dos baloncestistas Wilt Chamberlain e Steve Nash. Este último consideraba o 13 como número de bo agoiro, e sempre o levou na súa camisola. A excepción foi en Los Angeles Lakers, onde levou o 10, pois o dorsal 13 de Chamberlain fora retirado.[19][20] Na selección de fútbol de Alemaña, desde hai décadas, a estrela do equipo leva o número 13. Iniciou esta tendencia o dianteiro Gerd Müller nos anos 1970. Michael Ballack levou ese dorsal até a súa retirada en 2012, e dende entón utilízao Thomas Müller.

No Mundial de Fútbol de 1982, o xogador chileno Carlos Caszely levaba a camisola número 13 no partido contra Austria. Nese encontro errou un penalti, o que marcou a súa carreira profesional.[21] No Mundial de Fútbol de 2006, Andrés Iniesta debutou na selección española co dorsal 13.[22] Na selección de fútbol de España elixíanse os dorsais por orde de antigüidade, polo que a Iniesta deixáronlle o número que non quería ninguén.[23][24]

O programa de deseño gráfico CorelDRAW cambiou a numeración ao chegar á versión trece, e denominouna CorelDRAW X3 (en que o X representa o 10 en números romanos). De xeito similar, o paquete Microsoft Office pasou da versión 12 (Office 2007) á 14 (Office 2010). Segundo Jensen Harris, o Lead Program Manager para o Microsoft's Office User Experience Team, o 13 foi omitido debido á aversión polo número.[25] WinZip tampouco sacou unha versión número 13, pasou directamente da 12 á 14.[26]

A rede do Metro de Madrid ten 12 liñas, e a próxima en entrar en servizo será a liña 14, co que evita o número 13.[27] Pola súa banda, a Empresa Municipal de Transportes de Madrid nunca tivo unha liña regular co número 13.[28]

A edición de 2012 do programa de telerrealidade español Gran Hermano, que sería a décimo terceira, foi denominada Gran Hermano 12+1, co fin de evitar este número.[29]

Supersticións e fobias similares

A tetrafobia é o medo ao número 4. Na China, o Xapón e Corea, é común que os hoteis e os hospitais non teñan cuarta planta. A palabra xaponesa shi (死), que quere dicir morte, pronúnciase igual có 4, así que o 4 adoita pronunciarse como yon. Nalgúns hospitais non existe a habitación número 42 (shi-nin). Trátase dun número de moi mal agoiro, xa que se pode traducir como "prepararse para morrer". Da mesma forma, algunhas maternidades non posúen o cuarto 43 (shi-san), xa que se pronuncia igual que "parto morto".

En Italia, o número da mala sorte é o 17, pois en números romanos escríbese XVII. Ao reordenar as súas letras atópase VIXI, expresión latina antigamente usada nas lápidas que significa "vivín", é dicir, "a miña vida é pasado".[30]

Doutra banda, a hexakosioihexekontahexafobia, tamén chamada trihexafobia, é o medo irracional ao 666, tamén coñecido no cristianismo como "o número da besta". Esta fobia orixínase no libro da Apocalipse, en concreto na pasaxe 13:18 (capítulo 13, versículo 18), que indica que ese número está ligado a Satanás ou ao Anticristo.

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

  • Bowen, J.: Friday the 13th. Salon Mag. 13 de agosto de 1999.
  • Coriat, I. H.: Abnormal Psychology 2, vi, p. 287, 1911.
  • Ferm, V.: A Brief Dictionary of American Superstitions. Nova York: Philosophical Library, 1965.
  • Krischke, W. This Just Might Be Your Lucky Day. Frankfurter Allgemeine Zeitung. 1 de novembro de 2001.
  • Lachenmeyer, Nathaniel: 13: The Story of the World's Most Popular Superstition. Nova York: Four Walls Eight Windows (2004). ISBN 1-56858-306-0.
  • Mikkelson, D. P. e Mikkelson, B.: Friday the Thirteenth.
  • Scanlon, T. J. et al.: Is Friday the 13th Bad for Your Health? British Medical Journal, Dec. 18-25, 1993, 1584-1586.
  • Thea, Christopher: What A Dollar Has To Tell You -13 Gentle Reminders- / O Que Un Dólar Ten Para Dicirche -13 Sutís Suxestións- Outskirts Press (2004) ISBN 978-1-932672-49-7

Ligazóns externas