Varanus

xénero de lagartos

Varanus
Rango fósil: Mioceno - Actual

Varanus albigularis
Clasificación científica
Reino:Animalia
Filo:Chordata
Clase:Reptilia
Orde:Squamata
Familia:Varanidae
Xénero:Varanus
Merrem, 1820
Especie tipo
Varanus varius
Shaw, 1790
Subxéneros
  • Empagusia
  • Euprepiosaurus
  • Odatria
  • Papusaurus
  • Philippinosaurus
  • Polydaedalus
  • Psammosaurus
  • Soterosaurus
  • Varaneades
  • Varanus

(ver texto para as especies)

Varanus é un xénero de lagartos de gran tamaño da familia dos varánidos, xeralmente chamados varanos (como todos os da familia) ou lagartos monitor. Son nativos de África, Asia e Oceanía, pero agora poden encontrarse en América como especies invasoras. Actualmente recoñécense un total de 79 especies deste xénero.

Teñen pescozos longos, poderosas colas e garras, e patas ben desenvolvidas. A lonxitude do adulto das especies existentes vai de 20 cm nalgunhas especies a uns 3 m no dragón de Komodo, aínda que o varánido extinto chamado megalania (Varanus priscus) puido chegar a lonxitudes de máis de 7 m. A maioría das especies son terrestres, mais tamén as hai arbóreas e semiacuáticas. Aínda que a maioría son carnívoros que comen ovos pequenos réptiles, peixes, aves e pequenos mamíferos, algúns tamén comen froita e vexetación, dependendo do lugar onde vivan.[1]

Aínda que normalmente son solitarios, son comúns grupos de ata 25 individuos en ecosistemas que teñen recursos de auga limitados.

Distribución

As distintas especies cobren unha vasta área que comprende África, o subcontinente indio ata China, e ao sur no sueste asiático ata Brunei, Indonesia, as Filipinas, Nova Guinea, Australia e illas do océano Índico e o mar da China Meridional. Abundan nas illas Tiomán e as illas Perhentian no estado malaio de Pahang. O Varanus stellatus africano atópase agora no sur de Florida[2] e en Singapur como especie invasora.

Hábitos e dieta

Os Varanus son, en xeral, case enteiramente carnívoros,[3] e comen insectos, crustáceos, arácnidos, miriápodos, moluscos, peixes, anfibios, réptiles, aves e mamíferos. A maioría ds especies aliméntanse de invertebrados cando son novos, pero despois, de adultos, cambian a alimentarse de vertebrados. Os adultos da especie máis grande, o dragón de Komodo, teñen unha dieta composta nun 50% de cervos, e ás veces atacan o home.[4] Ao contrario, as tres especies arbóreas de Filipinas, V. bitatawa, V. mabitang e V. olivaceus, comen principalmente froita.[5][6][7]

Bioloxía

O xénero Varanus ten a característica única entre os animais de que os seus membros son relativamente conservadores morfoloxicamente e presentan un rango de tamaños equivalente ao que vai dun rato a un elefante.[8] Características morfolóxicas de máis detalle como a forma do cranio e patas son variables, e están fortemente relacionadas coa ecoloxía de cada especie.[9][10]

Teñen grandes territorios e empregan técnicas de caza de persecución activa que lembran as de mamíferos de similar tamaño.[11] A súa natureza activa suscitou numerosos estudos sobre as capacidades metabólicas destes lagartos. O consenso xeral é que teñen as taxas metabólicas estándar máis altas de todos os réptiles existentes.[12]

Teñen un alto alcance aeróbico[12][13] que se poden permitir, en parte, pola anatomía do seu corazón. Mentres que a maioría dos réptiles se considera que teñen corazóns de tres cámaras, os corazóns destes varanos (igual que os das boas e pitóns) teñen un septo ventricular ben desenvolvido que separa completamente os lados pulmonar e sistémico do sistema circulatorio durante a sístole.[14] Isto permítelles xerar unhas diferenzas de presión equivalentes ás dos mamíferos entre os circuítos pulmonar e sistémico,[14] o que á súa vez asegura que o sangue oxixenado se distribúe rapidamente polo cropo sen inundar os pulmóns con sangue a alta presión.

Os estudos anatómicos e moleculares indican que todos os varánidos (e posiblemente todos os lagartos) son parcialmente velenosos,[15] pero o que ten un veleno potente é o dragón de Komodo.[16]Son animais ovíparos,[12] e algunhas especies, como unha femia grande de V. niloticus, poden poñer máis de 60 ovos,[17]. Poden cubrir os ovos con material do solo ou protéxenos no toco dunha árbore oca, segundo as especies. No dragón de Komodo observáronse casos esporádicos de partenoxénese.[18]

Evolución

O varano xigante extinto Varanus priscus (megalania)

A familia Varanidae probablemente se orixinou en Asia hai polo menos 65 millóns de anos,[19] aínda que algunhas estimacións atrasan a data ata o Mesozoico tardío (hai 112 millóns de anos).[20] Probablemente espallaron a súa área de distribución xeográfica a África hai entre 49 e 33 millóns de anos, posiblemente a través de Irán, e a Australia e o arquipélago indonesio hai entre 39 e 26 millóns de anos.[21]

Os varánidos separáronse dos seus parentes vivos máis próximos, os varanos sen oídos Lanthanotus(ás veces clasificados na mesma familia), durante o Cretáceo tardío.

Durante o Cretáceo tardío, os antepasados dos varanos crese que evolucionaron á vida anfibia e despois orixinaron formas completamente mariñas, os mosasauros, que chegaron a ter unha lonxitude de 17 m.

Críase que as serpes eran os réptiles vivos máis próximos aos varanos, pero propúxose recentemente que as serpes son un grupo irmán do clado das iguanas e anguimorfos.[15] Igual que as serpes, os varanos teñen linguas bífidas que usan para captar olores.[22]

Durante o Plistoceno, viviron formas xigantes de varanos o sueste asiático e Australasia, o fósil mellor coñecido é megalania (Varanus priscus, antes chamado Megalania prisca). Esta especie é un membro icónico da megafauna do Plistoceno de Australia, e pénsase que sobreviviu ata hai uns 50 000 anos.[23]

Nome

O nome xenérico Varanus deriva do árabe waral/waran ورن/ورل, que procede da raíz semítica ouran, waran ou waral, que significa "dragón" ou "besta lagarto".[24]

O nome de monitor ou lagarto monitor que se lle dá en varios idiomas[25] suxeriuse que se debe o seu hábito ocasional de poñerse de pé sobre as patas traseiras e "vixiar ou monitorizar",[24] ou do seu hábito suposto de "advertir ás persoas de que se aproxima un animal velenoso".[26]

Intelixencia

Dalgunhas especies de varanos fixéronse estudos sobre a súa intelixencia. Estudos feitos alimentando V. albigularis con distinto número de caracois mostraron que poden distinguir os números ata o seis.[27][28] V. niloticus pode cooperar para saquear niños de crocodilo cando buscan xuntos alimento: un dos varanos fai de isco ou reclamo para que a femia de crocodilo o persiga e se afaste do niño, mentres que outros individuos abren o niño e aliméntanse dos ovos. Cando o que fixo de reclamo volve tamén se alimenta dos ovos.[27][28] Observouse que os dragóns de Komodo (V. komodoensis) do Zoo Nacional de Washington, D.C., EUA, recoñecen os seus coidadores e parecen ter distintas personalidades.[28]

Usos

Mascotas

Varanus bengalensis ferido que está sendo curado en Lok Biradari Prakalp, India

Son uns dos réptiles máis utilizados no comercio de mascotas, especialmente Varanus exanthematicus e Varanus acanthurus, debido ao seu tamaño relativamente pequeno, baixo prezo, e carácter tranquilo cando os collen.[24] Entre as outras especies que se teñen en catividade están, Varanus albigularis ionidesi, V. timorensis, V. salvator, V. niloticus, V. indicus, V. prasinus, V. beccari, V. rudicollis, V.dumerilii, V. jobiensis, V. salvadorii e V. panoptes.[24]

Medicina

A carne de varano, especialmente a lingua e o fígado, cómese en partes da India e Malaisia como afrodisíaco.[29][30]

En zonas de Paquistán, distintas partes do varano úsanse para diversos propósitos medicinais. A carne cómese para aliviar as dores reumáticas, a graxa abdominal do animal úsase como pomada para as infeccións da pel, o aceite e graxa utilízanse para tratar as hemorroides ou dores crónicas, e o aceite como lubricante afrodisíaco (saande kaa tel).[31]

Pel

Realízase unha "explotación a gran escala" dos varanos para obter a súa pel, que se estima que é "de considerable utilidade" na industria da pel.[31] Un uso especial desta pel é para facer un instrumento de percusión da música carnática chamado kanjira.

Alimento

A carne destes varanos cómese como alimento en partes da India, Tailandia e África occidental. No Nepal úsana tanto como alimento coma con fins medicinais.[32]

Status de conservación

Segundo a Lista vermella da IUCN de especies ameazadas, a maioría das especies de Varanus están na categoría de "pouca preocupación", pero as poboacións están a diminuír globalmente.[33] Excepto cinco das especies, o resto están clasificadas pola Covención sobre o Comercio Internacional de Especies en Perigo da Fauna e Flora Silvestre (CITES) no Apéndice II, onde se inclúen especies que se poden definir grosso modo como especies que non necesariamente están ameazadas de extinción, pero que poden chegar a estalo se o comercio desa especie non se regula estritamente para evitar unha explotación incompatible coa supervivencia da especie na natureza. As cinco especies restantes (V. bengalensis, V. flavescens, V. griseus, V. komodoensis e V. nebulosus) están clasificadas no Apéndice I, que prohibe o comercio internacional desas especies.[34]

A especie Varanus flavescens está protexida en toda a súa área excepto en Bután, pero si no Nepal, a India, Paquistán e Bangladesh.[35]

Clasificación

V. bengalensis
V. timorensis
V. salvadorii
V. niloticus
V. ornatus
Varanus albigularis albigularis na sabana do Kalahari
Varanus salvator salvator
Varanus giganteus
Varanus macraei

Xénero Varanus

As especies marcadas con † están extinguidas

Subxénero Empagusia:

  • V. bengalensis
  • Varanus dumerilii
  • V. flavescens
  • V. nebulosus
  • V. rudicollis

Subxénero Euprepiosaurus:[36]

  • V. beccarii
  • V. boehmei
  • V. caerulivirens
  • V. cerambonensis
  • V. doreanus
  • V. finschi
  • V. indicus
  • V. jobiensis
  • V. juxtindicus
  • V. keithhornei[37]
  • V. kordensis
  • V. macraei
  • V. melinus[38]
  • V. lirungensis
  • V. obor
  • V. prasinus[39]
  • V. rainerguentheri
  • V. reisingeri [40]
  • V. spinulosus
  • V. semotus[41]
  • V. telenesetes
  • V. zugorum

Subxénero Odatria:

  • V. acanthurus
    • V. a. acanthurus
    • V. a. brachyurus
    • V. a. insulanicus
  • V. auffenbergi
  • V. baritji[42]
  • V. brevicauda
  • V. bushi
  • V. caudolineatus
  • V. eremius
  • V. gilleni
  • V. glauerti
  • V. glebopalma
  • V. hamersleyensis
  • V. kingorum
  • V. mitchelli
  • V. sparnus
  • V. storri
    • V. s. storri
    • V. s. ocreatus
  • V. timorensis
  • V. tristis
    • V. t. orientalis

Subxénero Papusaurus:

Subxénero Philippinosaurus:

  • V. bitatawa
  • V. mabitang'
  • V. olivaceus

Subxénero Polydaedalus:

  • V. albigularis
    • V. a. albigularis
    • V. a. angolensis
    • V. a. microstictus
  • V. exanthematicus
  • V. niloticus
  • V. ornatus
  • V. stellatus

Subxénero Psammosaurus:

  • V. griseus
    • V. g. griseus
    • V. g. caspius
    • V. g. koniecznyi
  • V. nesterovi

Subxénero Soterosaurus:

  • V. bangonorom[43]
  • V. cumingi
  • V. dalubhasa
  • V. marmoratus
  • V. nuchalis
  • V. palawanensis
  • V. rasmusseni [44][45]
  • V. salvator
    • V. s. salvator
    • V. s. andamanensis
    • V. s. bivittatus
    • V. s. macromaculatus
    • V. s. ziegleri

Subxénero †Varaneades:

  • V. amnhophilis

Subxénero Varanus:

  • V. giganteus
  • V. gouldii
  • V. komodoensis, dragón de Komodo
  • V. mertensi
  • V. panoptes
    • V. p. panoptes
    • V. p. horni
    • V. p. rubidus
  • V. priscus, megalania (extinguido)
  • V. rosenbergi
  • V. spenceri
  • V. varius

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

  • Merrem B (1820). Versuchs eines Systems der Amphibien: Tentamen Systematis Amphibiorum. Marburg: J.C. Krieger. xv + 191 pp. + one plate. (Varanus, new genus, p. 58). (en alemán e latín).

Ligazóns externas

🔥 Top keywords: