Vicente Celeiro

futbolista galego

Vicente Celeiro Leal, coñecido simplemente como Vicente, nado en Vilalba o 30 de maio de 1962, é un exfutbolista galego. Dianteiro histórico do Deportivo da Coruña, foi xunto a Traba a principal referencia ofensiva do equipo na década de 1980. Con 82 goles, é o sétimo máximo goleador do Deportivo, e en 1988 foi autor dun dos tantos máis célebres da historia do club, evitando o descenso a Segunda B na última xornada e salvando a entidade dunha posible desaparición.[1] Militou tamén no Celta de Vigo, no Lugo e no Racing Vilalbés.

Vicente Celeiro
Información persoal
NomeVicente Celeiro Leal
Nacemento30 de maio de 1962
Lugar de nacementoVilalba
PosiciónDianteiro
Carreira xuvenil
Racing Vilalbés
1978–1980Deportivo da Coruña
Carreira sénior
AnosEquiposAprs(Gls)
1980–1981Fabril
1981–1989Deportivo da Coruña269(65)
1989–1991Celta de Vigo35(3)
1991–1992Lugo23(3)
1992–1995Racing Vilalbés
Partidos e goles só en liga doméstica.

editar datos en Wikidata ]

Traxectoria

Inicios

Nacido en Vilalba, comezou a xogar ao fútbol aos 11 anos nun colexio de Mondoñedo, e máis tarde ingresou na canteira do Racing Vilalbés.[2] Aos 16 anos entrou a formar parte do equipo xuvenil do Deportivo da Coruña, no que militou durante dúas campañas.[2]

Deportivo da Coruña

Na tempada 1980/81 subiu ao Fabril, da man do adestrador Luis Rodríguez Vaz, e xogou co filial na Terceira División. A metade de tempada, o 25 de xaneiro de 1981, debutou co primeiro equipo na Segunda DIvisión B, nun encontro ante a Arandina no que xogou de titular debido á obrigación de aliñar un futbolista sub-20. Foi substituído por Fernando Muñoz no minuto 23 da primeira parte.[3][4]

Comezou a campaña 1981/82 nas filas do filial, pero en novembro Vaz substituíu o cesado Pepe Martínez no primeiro equipo, e o adestrador levou consigo do Fabril a Agulló e ao propio Vicente. Debutou na Segunda División na xornada 13, nunha vitoria por 2-1 ante o Burgos, e dúas semanas despois marcou o seu primeiro gol coa camiseta do primeiro equipo deportivista, recollendo unha asistencia de Traba para bater ao gardameta austríaco Hubert Baumgartner nunha vitoria por 3-0 sobre o Recreativo de Huelva en Riazor.[5]

Titular indiscutible durante os seguintes sete anos e medio, formou unha prolífica dianteira xunto a Traba nas primeiras tempadas, e máis tarde acompañou no ataque a xogadores como Verón ou Donowa. Na tempada 1982/83 anotou 12 goles e debutou coa selección española sub-21, pero viviu o momento máis duro da súa carreira deportiva cando o Deportivo sufriu unha dramática derrota na derradeira xornada ante o Rayo Vallecano en Riazor e perdeu o ascenso despois de se ter mantido entre as tres primeiras prazas durante as 21 xornadas anteriores.[6][7]

A súa mellor cifra goleadora conseguiuna na campaña 1986/87, na que marcou un total de 22 goles, sendo o terceiro máximo goleador da categoría de prata, só por detrás de Baltazar e Alzugaray. Con todo, foi na seguinte tempada, a 1987/88, na que anotou o seu gol máis célebre, co que entrou definitivamente na historia do deportivismo.[8] O equipo de Arsenio realizou unha mala campaña, ocupando postos de descenso en case tódalas xornadas da segunda volta. Chegou ao derradeiro partido na antepenúltima posición, a dous puntos da salvación, polo que debía gañar ao Racing de Santander e agardar por resultados favorables noutros encontros para evitar un descenso a Segunda División B que parecía feito. Os seus rivais directos estaban a perder os seus respectivos partidos, pero o Deportivo non conseguía desfacer o empate a cero goles en Riazor, ata que no minuto 92 un tanto de Vicente fixo cambiar a situación e consumou a salvación do club coruñés.[6][9][1]

A seguinte tempada foi a derradeira de Vicente no Deportivo, equipo que deixou no 10º posto da clasificación. Pechou a súa etapa na Coruña cun total de 325 partidos e 85 goles. No momento da súa marcha era o cuarto futbolista con máis partidos na historia do club e o seu cuarto máximo goleador histórico, ocupando na actualidade os postos 11º e 7º respectivamente en ditas clasificacións.[10]

Celta de Vigo

Para a tempada 1989/90 fichou polo Celta de Vigo, buscando xogar na Primeira División despois de oito anos militando en Segunda.[6] Debutou na máxima categoría na segunda xornada, ante o Sevilla, e na súa primeira campaña en Vigo xogou un total de 18 partidos entre liga e Copa do Rei. Non conseguiu ningún tanto e o equipo acabou descendendo a Segunda División. Na seguinte tempada participou en 25 partidos e anotou 3 goles.

Lugo e Racing Vilalbés

Na tempada 1991/92 vestiu a camiseta do Lugo na Segunda División B, disputando un total de 28 partidos nos que logrou 3 goles. Contribuíu á segunda praza do equipo adestrado por Xulio Díaz e marcou un gol na promoción,[11] que culminou co primeiro ascenso a Segunda da historia do club.

En 1992 regresou a Vilalba e ao Racing Vilalbés, no que xogou durante tres campañas na Terceira División, ata a súa retirada en 1995.

Selección nacional

Foi internacional coa selección española sub-21 nunha ocasión, o 16 de febreiro de 1983, sendo o único xogador entre os seus compañeiros que militaba na Segunda División. Foi en Utrecht, nun partido de clasificación para a Eurocopa sub-21 de 1984 ante a selección dos Países Baixos, na que militaban futbolistas como Koeman, Rijkaard ou Van Basten.[12] Vicente formou na dianteira xunto a Amarilla e Urbano, e o seu equipo caeu goleado por 5-0.[13]

Vida persoal

Trala súa retirada do fútbol instalouse en Vigo e pasou a traballar como asesor de vendas de material médico.[14] Casou con Carmen Vidal, coa que tivo dous fillos: Borja e Adrián.[15]

Notas