Christian Santos

futbolista alemán

Christian Robert Santos Freire, nado o 24 de marzo de 1988 en Ciudad Guayana, é un futbolista venezolano, que xoga de dianteiro no Arenteiro, da Primeira División RFEF. Foi 13 veces internacional coa selección de Venezuela entre 2015 e 2018.

Christian Santos
Información persoal
NomeChristian Robert Santos Freire
Nacemento24 de marzo de 1988 (36 anos)
Lugar de nacementoPuerto Ordaz
Altura1,84 m.
PosiciónDianteiro
Información de club
Club actualArenteiro
Número7
Carreira xuvenil
SV Lippstadt 08
2003–2007Arminia Bielefeld
Carreira sénior
AnosEquiposAprs(Gls)
2008–2011Arminia Bielefeld II78(28)
2011–2013Eupen58(25)
2013–2014Waasland-Beveren0(0)
2014–2016NEC Nijmegen71(43)
2016–2018Alavés31(5)
2018–2020Deportivo da Coruña48(9)
2020–2021VfL Osnabrück29(8)
2021–2022Colo-Colo13(1)
2022–2023Juve Stabia14(2)
2024–Arenteiro6(4)
Selección nacional
2015–2018Venezuela13(1)
Na rede
Twitter: C_Santos11_ Editar o valor em Wikidata
Partidos e goles só en liga doméstica.
Club: actualizado a 20 de marzo de 2024.
Selección: actualizado a 14 de setembro de 2018.editar datos en Wikidata ]

Traxectoria

Inicios

Naceu en Ciudad Guayana, Venezuela, fillo dun emigrante galego de Ourense, e unha venezolana de ascendencia alemá,[1] e comezou a xogar ao fútbol na Hermandad Gallega de Puerto Ordaz. Con seis anos trasladouse coa súa familia a Alemaña, instalándose en Lippstadt. Alí seguiu xogando ao fútbol, nas categorías inferiores do SV Lippstadt 08 e posteriormente cos equipos xuvenís do Arminia Bielefeld.

Paso por Bélxica

Na tempada 2011/12, despois de cinco anos no filial do Arminia, marchou a Bélxica para xogar no K.A.S. Eupen, da Segunda División do país. Na súa primeira tempada no club belga foi o terceiro máximo goleador da competición, con 15 tantos, superado só por Hervé Onana e Moussa Gueye, mentres que na seguinte marcou 10 goles en liga.

En 2013 deu o salto á Primeira División de Bélxica, fichando polo Waasland-Beveren. Con todo, só disputou 15 minutos de liga en toda a tempada, nun partido ante o Standard de Liège, así como outros 13 na Copa de Bélxica.[2]

Explosión nos Países Baixos

Despois de tres anos en Bélxica chegou aos Países Baixos, fichando polo NEC de Nimega, da Segunda División. Na súa primeira tempada no fútbol neerlandés marcou 23 goles en liga, cifra só superada polo seu compañeiro de equipo Sjoerd Ars. Os goles de ambos catapultaron o equipo ata a primeira praza da táboa, proclamándose campións con 21 puntos de vantaxe sobre o segundo clasificado, o FC Eindhoven.[3] Xa na máxima categoría, liderou o ataque do equipo de Güeldres, con 16 goles en liga, conseguindo a permanencia con comodidade, e sumou dous goles máis na Copa dos Países Baixos.[4]

Deportivo Alavés

O seu bo nivel de xogo chamou a atención de varios clubs e en xullo de 2016 fíxose oficial a súa fichaxe polo Deportivo Alavés, da Primeira División española.[4] Debutou co equipo de Pellegrino na primeira xornada de liga, substituíndo a Gaizka Toquero nos minutos finais do partido ante o Atlético de Madrid no Vicente Calderón. Aínda que só dispuxo de 8 titularidades na liga, disputou un total de 21 partidos en dita competición, marcando 3 goles e acabando no noveno posto. Ademais, sumou dous goles en seis partidos na Copa do Rei, acadando o seu equipo a final, onde perdeu ante o FC Barcelona.[5]

Na tempada 2017/18 as súas cifras reducíronse a só 10 partidos de liga e 2 de Copa. Despois de non se adaptar ao fútbol do Alavés, chegou a un acordo co club para rescindir o seu contrato.[6]

Deportivo da Coruña

O 28 de xuño de 2018, fíxose oficial a súa fichaxe polo Deportivo da Coruña, da Segunda División.[7] Xogou dúas tempadas en Galicia, disputando un total de 49 partidos, a maioría deles saíndo dende o banco. Marcou 9 goles, un deles unha espectacular chilena contra o Huesca que lle deu a vitoria ao seu equipo.[8] Deixou o Deportivo tralo descenso do club á Segunda División B, fichando a continuación polo VfL Osnabrück.[9]

VfL Osnabrück

Disputou un total de 32 partidos co equipo da Baixa Saxonia, marcando 8 goles, pero non puido evitar o descenso do equipo, que acabou penúltimo na táboa da 2. Bundesliga e a continuación perdeu a fase de permanencia contra o FC Ingolstadt.[10]

Colo-Colo

En setembro de 2021 volveu a América do Sur, asinando como novo xogador do Colo-Colo chileno.[11] Xogou no equipo de Santiago menos dun ano, disputando un total de 15 partidos, 2 deles na Copa Libertadores. O seu rendemento estivo por debaixo das expectativas, xogando como titular só catro encontros e marcando un único gol diante do Palestino.[12]

Juve Stabia

Despois duns meses sen equipo, en outubro de 2022 converteuse en novo xogador do Juve Stabia, equipo italiano da Serie C.[12] Xogou un total de 15 partidos co equipo de Castellammare di Stabia, marcando dous goles, antes de deixar o país no mercado invernal.[13]

Unionistas de Salamanca

A continuación regresou ao fútbol español como novo xogador do Unionistas de Salamanca, da Primeira División RFEF. No seu segundo partido marcou dous goles fronte ao Linares, despois de saír do banco na segunda metade.[14] Acabou a tempada con 14 partidos e 4 goles, un deles o tanto que supuxo a vitoria por 2-1 sobre o seu exequipo, o Deportivo da Coruña.[15]

Universidad Central

En xullo de 2023 regresou á súa Venezuela natal para xogar por primeira vez no fútbol do país, asinando como novo xogador do Universidad Central, da Primeira División.[16] Debutou ante o Zamora e disputou un total de oito encontros co club.

Arenteiro

En febreiro de 2024 volveu a Galicia como novo xogador do Arenteiro, da Primeira División RFEF, onde cubriu o oco deixado polo seu compatriota Miku, que fixo o camiño inverso, retornando a Venezuela.[17] Debutou coa camiseta verde uns días despois, na 23ª xornada ante a Cultural Leonesa no Espiñedo, substituíndo a Manín no minuto 76 e facendo o único gol do encontro tres minutos despois.[18]

Selección venezolana

Debutou coa selección venezolana o 27 de marzo de 2015, nun encontro amigable contra Xamaica en Montego Bay no que o seleccionador Noel Sanvicente o colocou como titular.[19] Marcou o seu primeiro e único gol internacional no seu terceiro partido coa selección, facendo o único gol venezolano na derrota por 3-1 diante do Brasil no estadio Governador Plácido Castelo de Fortaleza, nun encontro correspondente á clasificación para o Mundial de 2018.[20]

En 2016 foi un dos 23 homes elixidos polo seleccionador Rafael Dudamel para a disputa da Copa América Centenario nos Estados Unidos. Xogou un só partido durante o torneo, ante México, no que lle deu unha asistencia a Velázquez para que este marcase o único gol do seu equipo (1-1).[21] O 12 de setembro de 2018 disputou o seu 13º e último encontro internacional, un amigable diante de Panamá no estadio Rommel Fernández.[22]

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas