Deportivo da Coruña en competicións europeas

artigo de listas da Wikimedia

O Deportivo da Coruña disputou máis dun cento de partidos en competicións europeas, dende o seu debut na Copa da UEFA 1993/94. Os seus mellores resultados obtívoos na Liga de Campións, competición que disputou durante cinco anos consecutivos, acadando tres veces os cuartos de final e chegando ata semifinais na edición 2003/04, na que quedou eliminado contra o Porto. Disputou tamén nunha ocasión as semifinais da Recopa de Europa, na 1995/96, caendo contra o Paris Saint-Germain.

O brasileiro Bebeto foi o autor dos primeiros dous goles europeos do Deportivo.

Historia

Antecedentes

O primeiro enfrontamento do Deportivo da Coruña contra un equipo europeo estranxeiro data do 16 de abril de 1911, cando xogou un amigable contra o Vie au Grand Air du Médoc francés no antigo campo de Riazor, ante uns 3000 espectadores.[1] Gañou o equipo galego por 3-2, con goles de Macho, Virgilio e Álvarez.[2] Durante as seguintes décadas o club continuou xogando partidos amigables contra equipos europeos, sobre todo portugueses,[1] destacando as súas actuacións no Trofeo Teresa Herrera, no que adoitaban participar algúns dos mellores equipos de Europa.[3]

Primeiras participacións na Copa da UEFA

Na tempada 1992/93, con Arsenio Iglesias no banco e só dous anos despois do seu ascenso á Primeira División tras dúas décadas de ausencia, o Deportivo acabou a liga na terceira posición, por detrás do FC Barcelona e o Real Madrid, logrando así a súa primeira clasificación para unha competición europea oficial. O 14 de setembro de 1993 o Deportivo debutou na Copa da UEFA, contra o Aalborg no Aalborg Stadion, da cidade danesa de Aalborg. O club coruñés viaxou sen as dúas máximas estrelas, Bebeto e Mauro Silva, que estaban concentradas coa selección brasileira,[4] e formou con Liaño na portería; López Rekarte, Đukić, Voro e Paco Jémez na defensa; Nando, Fran, José Ramón e Donato no medio do campo; e Claudio e Manjarín na dianteira. O encontro rematou con vitoria danesa por 1-0, grazas a un gol de Søren Thorst na segunda parte.[5] Con todo, no partido de volta no estadio de Riazor, o Deportivo goleou aos daneses por 5-0, con tres goles de Bebeto e dous de Claudio.[5][6]

A primeira participación europea do club rematou na terceira rolda contra o Eintracht Frankfurt, despois de eliminar na rolda anterior ao Aston Villa. Ese ano acabou como subcampión de liga, polo que na tempada 1994/95 repetiu participación na Copa da UEFA, chegando de novo ata a terceira rolda, despois de eliminar ao Rosenborg e o TIrol Innsbruck. Na terceira rolda o rival foi o Borussia Dortmund. O Deportivo venceu na ida en Riazor por 1-0 cun gol de Bebeto, pero na volta no Westfalenstadion, un gol de Michael Zorc igualou a eliminatoria. O encontro foi á prórroga, na que Alfredo puxo por diante ao equipo galego, ata que nos tres últimos minutos, dous goles de Riedle e Ricken deixaron fóra aos branquiazuis, de novo ante un equipo alemán.[7]

O adestrador Arsenio Iglesias foi o primeiro en clasificar o Deportivo para unha competición da UEFA.

Semifinal da Recopa 1995/96

O Deportivo proclamouse campión da Copa do Rei 1994/95, o que lle deu o pase para a seguinte edición da Recopa de Europa, que disputaban os campións das competicións de copa das diferentes federacións europeas. Estreouse na competición contra o APOEL de Nicosia, obtendo un empate na ida en Chipre e a vitoria en Riazor cunha histórica goleada por 8-0, con tantos de Bebeto (3), Radchenko (2), Begiristain, Donato e Aldana.[8] Nos oitavos de final o equipo de Toshack eliminou ao Trabzonspor turco con dúas vitorias e un global de 4-0, sendo os goleadores de novo Bebeto e Donato, con dous tantos cada un. Na seguinte rolda o rival foi Zaragoza, vixente campión do torneo, ao que o Deportivo gañou pola mínima na ida en RIazor, cun gol do coruñés David. No partido de volta na Romareda, os de Víctor Fernández lograron o empate cun tanto de Morientes na primeira parte, pero outro gol de Bebeto deulle ao equipo galego unha histórica clasificación para as semifinais da competición. Con todo, o Paris Saint-Germain frustrou o intento do Deportivo de acadar unha final europea, logrando a vitoria nos dous partidos, nos dous casos por un gol a cero, tantos marcados por Djorkaeff e Loko.[9][10]

A seguinte participación europea foi na Copa da UEFA 1997/98, na que sufriu a súa eliminación máis rápida, ao perder xa a primeira eliminatoria contra o Auxerre. Regresou dous anos despois, xa con Javier Irureta no banco, e eliminou nas dúas primeiras roldas ao Stabæk noruegués e ao Montpellier francés. Na terceira rolda enfrontouse ao Panathinaikos grego, ao que derrotou na Coruña por 4-2, con goles de Donato, Djalminha, Pauleta e un en propia meta do peruano Percy Olivares. No partido de volta en Atenas o adiantouse o Panathinaikos cun gol de Asanović, pero o empate de Roy Makaay certificou o pase do Deportivo aos oitavos de final. A continuación enfrontouse ao Arsenal de Wenger, perdendo case todas as opcións xa no partido de ida en Highbury, no que os londinienses obtiveron un 5-1 con goles de Dixon, Henry (2), Bergkamp e Kanu, mentres que Djalminha fixo o único gol galego.[11] O resultado do encontro de volta foi de 2-1, quedando así fóra da competición.

Debut na Liga de Campións

Juan Carlos Valerón é, xunto con Fran, o futbolista do Deportivo con máis partidos europeos (66)

En abril do ano 2000 o Deportivo proclamouse campión de liga, polo que accedeu por primeira vez na súa historia á Liga de Campións. Quedou encadrado no grupo E, xunto a Panathinaikos, Hamburgo e Juventus. Debutou na máxima competición europea o 13 de setembro do ano 2000, no Estadio Spyros Louis de Atenas contra o Panathinaikos. Formou con Molina, Manuel Pablo, Naybet, Romero, Donato, Víctor, Emerson, Fran, Mauro Silva, Pandiani e Diego Tristán. O polaco Krzysztof Warzycha adiantou ao equipo grego na primeira parte, ata que Naybet puxo o empate preto do final do partido, que rematou 1-1.[12] A súa primeira vitoria na Champions chegou só seis días despois no estadio de Riazor contra o Hamburgo. O Deportivo adiantouse no primeiro tempo cun gol de Pandiani que foi empatado na segunda parte por Barbarez. Xa no tempo de desconto, Lionel Scaloni fixo o 2-1 definitivo.[13] O equipo coruñés mantívose invicto durante toda a primeira fase de grupos e, aínda que só logrou gañar outro partido (contra o Panathinaikos en Riazor), acabou como líder do grupo, conseguindo así o pase á segunda fase de grupos.

Nesta, quedou encadrado no grupo B, xunto a Paris Saint-Germain, Milan e Galatasaray. Na primeira xornada derrotou ao equipo francés no Parque dos Príncipes, e a pesar das dúas derrotas nos seguintes dous partidos, obtivo sete dos nove últimos puntos, subindo ata a primeira praza do grupo e logrando unha histórica clasificación para os cuartos de final. Especialmente lembrado é o encontro da quinta xornada contra o PSG en Riazor, no que o equipo de Luis Fernández se puxo 0-3 tras dous goles de Leroy e un de Jay-Jay Okocha, antes de que o Deportivo protagonizase unha histórica remontada con catro goles de cabeza: un triplete de Pandiani (que saíra dende o banco) e o outro de Tristán.[14][15]

O seu rival en cuartos foi o Leeds United, adestrado polo irlandés David O'Leary. O equipo inglés deixou encamiñada a eliminatoria no partido de ida en Elland Road, con tres goles de Harte, Smith e Ferdinand, contra un Deportivo que notou as ausencias de Donato e Mauro Silva.[16][17] No partido de volta na Coruña, os braquiazuis realizaron un gran partido e estiveron a piques de empatar a eliminatoria, gañando por 2-0 con tantos de Djalminha e Tristán, pero foi insuficiente para continuar na competición.[18]

Asentamento na elite

Trala súa primeira participación na Liga de Campións, o Deportivo continuou disputando a competición durante varios anos, conseguindo destacados resultados. Na tempada 2001/02 volveu quedar invicto na fase de grupos e acadou de novo o primeiro posto, por diante de Manchester United, Lille e Olympiacos. Obtivo catro empates e dúas vitorias, ambas contra o Manchester de Ferguson, campión da última Premier League, ao que derrotou por 2-1 en Riazor e por 2-3 en Old Trafford. Na segunda fase os seus rivais foron o Arsenal, o Bayer Leverkusen e a Juventus. Dous goles de Tristán e Makaay serviron para derrotar ao equipo inglés en Riazor na primeira xornada. A continuación, o equipo sufriu unha derrota por 0-3 contra o Leverkusen no BayArena e empatou a cero goles contra a Juventus no Stadio delle Alpi. Cos catro equipos empatados a catro puntos, chegouse á cuarta xornada, na que o Deportivo derrotou á Juve en Riazor con tantos de Tristán e Djalminha (2-0), mentres que o Arsenal goleou por 4-1 ao Bayer Leverkusen.

Diego Tristán é o máximo goleador do Deportivo en competición europea, con 16 tantos, 15 deles na Liga de Campións.

Na penúltima xornada enfrontouse ao Arsenal no antigo estadio de Highbury. Nese encontro, considerado un dos mellores da súa historia, o Deportivo foi moi superior a un Arsenal que acabaría gañando ese ano a Premier, e no que xogaban entre outros estrelas como Seaman, Campbell, Vieira, Pires, Bergkamp ou Henry.[19] O resultado foi de 0-2, sendo Valerón e Naybet os autores dos tantos, e significou o pase matemático aos cuartos de final, por segundo ano consecutivo.[19] O seu rival nos cuartos foi o Manchester, ao que xa se enfrontara na primeira fase, pero nesta ocasión os resultados foron opostos. O Manchester gañou na ida en Riazor por 0-2, cun gran gol de David Beckham e outro de Van Nistelrooy, e conseguiu tamén a vitoria en Old Trafford, esta vez por 3-2, con dous tantos de Solskjær e un de Giggs.[20][21]

Na tempada 2002/03 iniciou a Liga de Campións xogando contra o Bayern de Múnic no Estadio Olímpico de Múnic. Impúxose o equipo coruñés por 2-3, cun triplete de Roy Makaay, e entrou na historia como o primeiro equipo español en derrotar ao Bayern no seu estadio.[22] Gañou tamén ao Lens en Riazor, ao Bayern tamén en Riazor e ao Milan en San Siro, clasificándose para a seguinte fase na segunda posición, empatado a puntos co primeiro, o Milan. Na segunda fase quedou encadrado no Grupo D, xunto coa Juventus, o Manchester United e o FC Basel. Logrou sete puntos de nove posibles en Riazor, cun empate contra a Juve e vitorias contra Manchester e Basel, pero non puido sumar ningún punto fóra da casa. O equipo inglés ocupou a primeira praza final, con 13 puntos, mentres que os outros tres remataron nun triplo empate a sete puntos, ocupando o Deportivo o último posto.[23]

Ás portas da final continental

Na tempada 2003/04 o Deportivo da Coruña rexistrou a mellor participación europea da súa historia. A diferenza das tempadas anteriores, nas que lograra a clasificación como campión ou subcampión de liga, esta vez fíxoo como terceiro, polo que tivo que disputar unha rolda previa contra o Rosenborg, ao que superou tras empatar a ceros no Lerkendal Stadion e gañar pola mínima en Riazor, cun tanto de Albert Luque. Xa na fase de grupos, entrou no grupo C, con AEK, PSV e Monaco.

O seu primeiro partido foi contra o AEK no Apostolos Nikolaidis de Atenas, onde se adiantou rapidamente o equipo galego cun gol de Pandiani, ata que preto do final empatou o equipo de Dušan Bajević por medio de Tsiartas.[24] A continuación o Deportivo afrontou dous partidos seguidos en Riazor, logrando dúas vitorias: 2-0 contra o PSV de Guus Hiddink, con tantos de Sergio e Pandiani, e 1-0 contra o Monaco de Didier Deschamps, con gol de Tristán.[25][26] O 5 de novembro de 2003, no estadio Lois II de Mónaco, o Deportivo sufriu a súa maior derrota en competición europea e unha das maiores da súa historia en calquera competición, encaixando un 8-3 contra o Monaco. Catro dos goles monegascos anotados por Dado Pršo, que celebraba ese día o seu 29º aniversario, mentres que os demais foron obra de Jérôme Rothen, Ludovic Giuly, Jaroslav Plašil e Édouard Cissé.[27][28] Con todo, o equipo repúxose e no seguinte encontro venceu ao AEK por 3-0, anotando Héctor, Valerón e Luque.[29] O derradeiro partido da primeira fase foi contra o PSV no Philips Stadion de Eindhoven. O Deportivo chegou ao encontro con 10 puntos, empatado co Monaco e con tres puntos de vantaxe sobre o PSV. Os neerlandeses precisaban gañar por 2-0 ou por máis de tres goles en caso de que os galegos marcasen. Adiantouse o PSV con dous goles de De Jong e Robben, que deixaban ao Deportivo virtualmente eliminado da competición. Irureta introduciu entón un cambio ofensivo, substituíndo a Sergio por Luque, e no primeiro balón que tocou, o catalán anotou un gol dende 35 metros que obrigaba ao equipo neerlandés a anotar tres goles máis.[30] O partido rematou despois de que Pandiani e De Jong marcasen un gol máis para cada equipo, e o Deportivo clasificouse segundo por detrás do Monaco.

O Estadio Municipal de Riazor, na Coruña, no que o Deportivo xoga os seus partidos como local.

Para esta edición da Liga de Campións, a UEFA suprimiu a segunda fase de grupos, recuperando os oitavos de final da antiga Copa de Europa,[31] e o Deportivo quedou emparellado coa Juventus de Lippi. O primeiro partido xogouse en Riazor e rematou con vitoria galega por 1-0, despois de que Luque rematase cunha volea un mal despexe de Thuram e superase a Buffon.[32] Dúas semanas despois, no Stadio delle Alpi de Turín, un solitario gol de Pandiani serviu para certificar o pase aos cuartos de final por terceira vez na historia do club. O seguinte rival foi outro equipo italiano, o Milan de Carlo Ancelotti, vixente campión de Europa. A ida en San Siro acabou 4-1 para os italianos, a pesar do gol de Pandiani no minuto 11, que foi remontado con dous tantos de Kaká, un de Shevchenko e outro de Pirlo. Dúas semanas despois, o 7 de abril de 2004, o partido de volta en Riazor converteuse nun dos encontros máis lembrados da historia do club e da Liga de Campións, pois o Deportivo logrou unha remontada que parecía case imposible, eliminando ao Milan cun 4-0, tralos goles conseguidos por Pandiani, Valerón, Luque e o capitán Fran.[33][34][35]

O Deportivo acadou así por primeira e única vez na súa historia as semifinais da Liga de Campións, onde se enfrontou ao FC Porto, adestrado por José Mourinho. O partido de ida no Estádio do Dragão acabou con empate a cero, e co polémico cartón vermello amosado polo árbitro Markus Merk ao defensa deportivista Jorge Andrade, por dar un suave golpe co pé ao seu compañeiro da selección portuguesa e amigo Deco.[36][37] Deste xeito o Deportivo non puido contar co portugués para o partido de volta en Riazor, e tampouco con Mauro Silva, este último sancionado por acumulación de cartóns amarelos. O partido de volta decidiuse no minuto 60, despois de que César derribase a Deco na área e Pierluigi Collina asubiase penalti. Molina non puido deter por pouco o lanzamento do brasileiro Derlei, que cruzou a portería e deixou ao Deportivo ás portas da súa primeira final continental.[38][39]

Decaemento

A partir da tempada 2004/05 o club padeceu un empeoramento dos seus resultados. Esa campaña foi a quinta consecutiva disputando a Liga de Campións, á accedeu despois de superar ao Shelbourne irlandés na fase previa. Con todo, os braquiazuis non conseguiron ningunha vitoria na fase de grupos, tampouco ningún gol, e sufriron unha nova goleada por parte do Monaco, que conseguiu un 0-5 en Riazor.[40] O Deportivo sumou só dous puntos, en senllos empates a cero co Olympiacos en Riazor e co Liverpool en Anfield.[41][42]

Na tempada seguinte o club da Coruña só puido acceder á Copa Intertoto, ao acabar a liga na oitava praza. Entrou na segunda rolda e eliminou sucesivamente ao Budućnost Podgorica, ao Slaven Belupo e ao Newcastle, acadando a final, na que se enfrontou a dobre partido ao Olympique de Marsella na busca dun billete para a Copa da UEFA. Na ida en Riazor a vitoria foi para o Deportivo por 2-0, con goles de Rubén Castro e Iván Carril, pero na volta no Vélodrome os franceses gañaron 5-1, con tantos de Ribéry, Méïté, Niang (2) e Oruma.[43]

Regreso á UEFA

Formación do Deportivo da Coruña contra o CSKA en Moscova en 2008.

Tras uns anos sen presenza en Europa, o Deportivo regresou en 2008 á Copa Intertoto, xa cun novo formato. Accedeu en terceira rolda, onde venceu ao Bnei Sakhnin israelí, logrando así o pase á segunda rolda clasificatoria da Copa da UEFA. Nesta derrotou ao Hajduk Split croata e conseguiu a clasificación para a UEFA case unha década despois.[44] Na primeira rolda da competición o seu rival foi o Brann noruegués. No partido de ida no Brann Stadion de Bergen, gañou o equipo local por 2-0, con goles de Bjarnason e Solli, mentres que na volta o resultado foi o mesmo, pero con vitoria do Deportivo, con dous tantos de Colotto.[45][46] Tras unha prórroga sen goles, a eliminatoria foi á quenda de penaltis, onde Aranzubía detivo tres lanzamentos e deu ao Deportivo o billete para a fase de grupos.[46]

Encadrado no grupo H, e con partidos a unha soa volta, o Deportivo comezou perdendo 3-0 contra o CSKA de Moscova no estadio Luzhniki de Moscova, con dous goles de Dzagoev e un de Vágner Love.[47] A continuación gañou por 3-0 ao Feyenoord de Makaay en Riazor, cun gol de Lopo, outro de Guardado e outro de Hofland en propia meta.[48] No terceiro encontro empatou a un gol co Lech Poznań en Polonia, xogándose o pase á seguinte rolda no cuarto e último partido, contra o Nancy na Coruña.[49] Un gol de Bodipo no último cuarto do partido clasificou ao club galego no segundo lugar do grupo.[50] O rival do Deportivo en dezaseisavos de final foi o Aalborg dinamarqués. O partido de ida disputouse no Energi Nord Arena de Aalborg, e o equipo branco e vermello deixou encamiñada a eliminatoria cun 3-0, con dous goles de Due e un de Jakobsen.[51] O 26 de febreiro de 2009 en Riazor, o Deportivo disputou o seu derradeiro partido europeo ata a data, volvendo perder contra o equipo danés. A pesar do gol inicial de Sergio, o Aalborg remontou con tres goles obra de Shelton, Johansson, Enevoldsen, e deixou ao club galego fóra da competición.[52]

Balance

CompeticiónPXPGPEPPGFGCDif% G
Liga de Campións622517207879−140.32
Recopa de Europa8422143+1150.00
Copa da UEFA32145134336+743.75
Copa Intertoto108021810+880.00
Total112512437153128+2545.54

Resultados

TempadaCompeticiónRoldaClubLocalVisitanteTotal
1993-94Copa da UEFA1ª rolda Aalborg5–01–05–1
2ª rolda Aston Villa1–10–12–1
3ª rolda Eintracht Frankfurt0–11–00–2
1994-95Copa da UEFA1ª rolda Rosenborg4–1 (pro)1–04–2
2ª rolda Tirol Innsbruck4–02–04–2
3ª rolda Borussia Dortmund1–03–1 (pro)2–3
1995-96Recopa de Europa1ª rolda APOEL8–00–08–0
2ª rolda Trabzonspor3–00–14–0
Cuartos de final Real Zaragoza1–01–12–1
Semifinais Paris Saint-Germain0–11–00–2
1997-98Copa da UEFA1ª rolda Auxerre1–20–01–2
1999–00Copa da UEFA1ª rolda Stabæk2–01–02–1
2ª rolda Montpellier3–10–25–1
3ª rolda Panathinaikos4–21–15–3
4ª rolda Arsenal2–15–13–6
2000-01Liga de Campións1ª fase de grupos Panathinaikos1–01–1
Hamburgo2–11–1
Juventus1–10–0
2ª fase de grupos Paris Saint-Germain4–31–3
Milan0–11–1
Galatasaray2–01–0
Cuartos de final Leeds United2–03–02–3
2001–02Liga de Campións1ª fase de grupos Olympiacos2–21–1
Manchester United2–12–3
Lille1–11–1
2ª fase de grupos Arsenal2–00–2
Bayer Leverkusen1–33–0
Juventus2–00–0
Cuartos de final Manchester United0–23–22–5
2002–03Liga de Campións1ª fase de grupos Bayern de Múnic2–12–3
Milan0–41–2
Lens3–13–1
2ª fase de grupos Juventus2–23–2
Manchester United2–02–0
Basel1–01–0
2003–04Liga de Campións3ª rolda de clasificación Rosenborg1–00–01–0
Fase de grupos AEK Athens3–01–1
PSV Eindhoven2–03–2
Monaco1–08–3
Oitavos de final Juventus1–00–12–0
Cuartos de final Milan4–04–15–4
Semifinais Porto0–10–00–1
2004–05Liga de Campións3ª rolda de clasificación Shelbourne3–00–03–0
Fase de grupos Olympiacos0–01–0
Monaco0–52–0
Liverpool0–10–0
2005Copa Intertoto2ª rolda Budućnost Podgorica3–02–14–2
3ª rolda Slaven Belupo1–00–34–0
Semifinais Newcastle United2–11–24–2
Final Olympique de Marsella2–05–13–5
2008–09Copa Intertoto3ª rolda Bnei Sakhnin1–01–23–1
Copa da UEFA2ª rolda de clasificación Hajduk Split0–00–22–0
1ª rolda Brann2–02–02–2 (3–2 p.)
Fase de grupos CSKA Moscova3–0
Feyenoord3–0
Lech Poznań1–1
Nancy1–0
Dezaseisavos de final Aalborg1–33–01–6

Estatísticas

Xogadores con máis partidos

XogadorLiga de CampiónsRecopaCopa da UEFAIntertotoTotal
Valerón48010866
Fran43617066
Romero5007865
Scaloni5205764
Mauro Silva43214059
Víctor4507658
Naybet46010056
Sergio3909755
Molina4600854
Diego Tristán4500550
Manuel Pablo31010950
Donato26717050

Máximos goleadores

XogadorLiga de CampiónsRecopaCopa da UEFAIntertotoTotal
Diego Tristán1500116
Makaay1203015
Pandiani1300013
Bebeto067013
Djalminha50409
Víctor60118
Valerón50016
Donato03306
Luque50005
Naybet40004
Sergio20114
Claudio00404
Rubén Castro00044

Adestradores con máis partidos

AdestradorLiga de CampiónsRecopaCopa da UEFAIntertotoTotal
Irureta6208070
Arsenio0012012
Lotina0010212
Toshack08008
Joaquín Caparrós00088

Notas

Véxase tamén

Outros artigos

Ligazóns externas