Engráulidos

Engráulidos
Engraulidae

Bocareus (Engraulis encrasicolus)
Clasificación científica
Reino:Animalia
Filo:Chordata
Clase:Actinopterygii
Subclase:Neopterygii
Infraclase:Teleostei
Superorde:Paracanthopterygii
Orde:Clupeiformes
Suborde:Clupeoidei
Familia:Engraulidae
Gill, 1861
Subfamilias e Xéneros

A dos engráulidos (Engraulidae) é unha familia da orde dos clupeiformes que comprende numerosas especies de peixes denominados comunmente bocareus[1] ou bocartes[2].

Características

Cardume de bocareus.
  • Os peixes desta familia son pequenos, xeralmente en torno aos 15 cm de longo, aínda que algunhas especies poden alcamzar preto dos 50 cm.
  • A súa cor varía desde a azul escura até a gris clara, e presentan xeralmente unha banda prateada nos flancos.
  • O corpo, translúcido, é fusiforme e está cuberto de escamas grandes cicloides que se desprenden con facilidade.
  • A cabeza é grande, cos ollos cubertos por unha fina película, o fociño rematado en punta, e a boca, inferior, e moi ampla (ao que aluden os nomes populares galegos).
  • O maxilar superior é prominente.
  • A maioría das especies do Vello Mundo presentan escudos abdominais, que están ausentes nas do Novo Mundo, e que só teñen un escudo pelviano.
  • Forman densos cardumes que ascenden á superficie durante a noite desde profundidades medias para alimentarse de zooplancto. As especies máis grandes suplementan a súa dieta con outros peixes pequenos.[3]

Hábitat e distribución

Engraulis encrasicolus.
Engraulis ringens.

Os engráulidos habitan nas augas costeiras dos océanos Atlántico, Pacífico e Índico, así como no mar Mediterráneo, e en grandes lagos de auga tanto doce como salgada, en zonas e climas cálidos e temperados.[3]

Aínda que as especies da familia son moitas e están amplamente distribuídas, na zona mediterránea e na costa europea do océano Atlántico a pesca excesiva levou a unha sensíbel diminución das poboacións de Engraulis encrasicholus nos últimos vinte anos. O alarmante descenso de capturas na campaña do 2005 obrigou á Unión Europea a decretar un paro biolóxico no mar Cantábrico.[4]

Varias especies de engráulidos, en especial Engraulis ringens (unha anchoveta), habitan a franxa de augas frías da corrente de Humboldt. Os seus límites xeográficos abarcan os litorais peruano e chileno entre os 3° 30' e os 37° S. Nesta zona distínguense dous stocks: o norte-centro do Perú, entre os 3° 30' e os 16° S, onde se rexistran as maiores concentracións, e o stock sur Perú-norte Chile, entre os 16° e os 24°.[5] Debido a que estes peixes se desprazan de norte a sur no seu proceso de crecemento, no norte peruano védase regularmente a súa captura (o que non sucede na zona sur).[6][7]

Taxonomía

Descrición

A familia foi descrita en 1861 polo ictiólogo e paleontólogo estadounidense Theodore Nicholas Gill.[8]

Etimoloxía

O nome científico Engraulidae está formado normalmente sobre a raíz do nome do se xénero tipo, Engraulis, coa adición da desinencia do latín científico -ĭdae, propio das familias de animais.

Clasificación

Segundo o Sistema Integrado de Información Taxonómica (SIIT), e mais o Fossilworks, a familia divídese en dúas subfamilias,[9][10] que comprenden en total os seguintes 15 xéneros:

Thryssa baelama.
Anchoa hepsetus.
Engraulis japonicus.
  • Subfamilia Coiliinae [11]
    • Xénero Coilia
    • Xénero Lycothrissa
    • Xénero Papuengraulis
    • Xénero Setipinna
    • XéneroThryssa
  • Subfamilia Engraulinae [12]
    • Xénero Amazonsprattus
    • Xénero Anchoa
    • Xénero Anchovia
    • Xénero Anchoviella
    • Xénero Cetengraulis
    • Xénero Encrasicholina
    • Xénero Engraulis
    • Xénero Jurengraulis
    • Xénero Lycengraulis
    • Xénero Pterengraulis
    • Xénero Stolephorus

e un xénero incertae sedis:[9]

  • Xénero Pseudosetipinna

Porén, segundo o World Register of Marine Species (WoRMS) a familia comprende os seguintes 22 xéneros (sen distinguir subfamilias):[13]

  • Amazonsprattus
  • Anchoa
  • Anchoita
  • Anchovia
  • Anchiovella
  • Cetengraulis
  • Chaetomus
  • Coilia
  • Colia
  • Democoilia
  • Encrasicholina
  • Engrantis
  • Engraulis
  • Jurengraulis
  • Lycengraulis
  • Lycothrissa
  • Papuengraulis
  • Pseudosetipinna
  • Pterengraulis
  • Setipinna
  • Stolephorus
  • Thryssa

Utilidade

Moitas das especies son de grande importancia comercial, empregándose como alimento, para a fabricación de fariña de peixe, e tamén se utilizan como carnada.[3]

Pizza con anchoas e alcaparras.
Tapa de boquerones en vinagre.

Cómpre salientar que a fariña de peixe é o principal produto pesqueiro de exportación tanto do Perú como de Chile, países que producen o 70 % do total mundial.

Consumo humano

Os bocareus de varias especies, en particular Engraulis encrasicolus e Engraulis mordax, péscanse activamente para consumo humano. A primeira das especies ten unha grande importancia comercial. Péscase nas partes norte e ecuatorial do océano Atlántico centrooriental.[14] As capturas europeas e da África occidental oscilan anualmente entre as 200 000 e as 300 000 t.[15]

A segunda péscase principalmente en México na zona de pesca FAO 77, onde sa capturan anualmente de 10 000 a 50 000 t, mediante redes de cerco principalmente. Transfórmase sobre todo en fariña de peixe, e tamén se utilza como cardada para atúns e outros peixes e, ocasionalmente, en conserva para consumo humano.[16]

É corrente a preparación da primeira das especies anteditas en semiconserva baixo o nome de anchoas, para o que o peixe se limpa, salga e se presenta en aceite; nesta presentación forman parte de numerosos pratos, entre eles a ensalada César, varias salsas de peixe —a nước mắm vietnamita, a nam pla (น้ำปลา) tailandesa, a yúlù (魚露) chinesa e as shottsuru, ishiru e ikanago-jōyu xaponesas, ademais da salsa Worcestershire occidental—, sendo a anchoa un dos máis frecuentes ingredientes das pizzas.

Na cociña mediterránea empréganse tamén en filetes de bocareus crus curtidos en vinagre (boquerones en vinagre, típicos das tabernas de Madrid e doutras cidades e vilas).

Nos países do sueste asiático, os engráulidos secos son coñecidos como «ikan bilis», «setipinna taty», ou en Indonesia «ikan teri» («ikan» é a palabra malaia para peixe), ou «dilis» en Filipinas.

En Galicia

Das numerosísimas especies de engráulidos, só o coñecidísimo bocareu aparece citado por Rodríguez Villanueva e Vázquez, no tomo III da súa obra Peixes do mar de Galicia[17]

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

  • Nelson, Joseph S. (2006): Fishes of the World. John Wiley & Sons, Inc. ISBN 0-471-25031-7.
  • Nizinski, M. S. e Munroe, T. A. (1988): FAO species catalogue, volume 2: Clupeoid Fishes of the World, Engraulidae, pp. 764–780. Roma: FAO. FAO Fisheries Synopsis 125, ISBN 92-5-102340-9. Ver en PDF
  • Muus, Bent J.; Jørgen G. Nielsen; Preben Dahlstrøm e Bente O. Nyström (1998): Peces de mar del Atlántico y del Mediterráneo. Barcelona: Ediciones Omega. ISBN 84-282-1161-2.
  • Rodríguez Villanueva, X. L. e Xavier Vázquez (1992): Peixes do mar de Galicia. (III) Peixes óseos (continuación). Vigo: Edicións Xerais de Galicia. ISBN 84-7507-654-8.
  • van der Land, J.; Costello, M. J.; Zavodnik, D.; Santos, R. S.; Porteiro, F. M.; Bailly, N.; Eschmeyer, W. N. & Froese, R. (2001): "Pisces", en: Costello, M. J. et al. (eds.) (2001): European register of marine species: a check-list of the marine species in Europe and a bibliography of guides to their identification. París: Muséum national d'Histoire naturelle. Collection Patrimoines Naturels, 50. ISBN 2-85653-538-0. pp. 357–374.

Outros artigos

Ligazóns externas

🔥 Top keywords: