Ferenc Plattkó

Ferenc Plattkó, nado en Budapest o 2 de decembro de 1898 e finado en Santiago de Chile o 2 de setembro de 1983,[1] tamén coñecido como Ferenc Platko ou Francisco Platko, foi un futbolista e adestrador húngaro de orixe austríaca. Durante as décadas de 1910 e 1920 xogou como porteiro en varios equipos húngaros, austríacos, serbios e españois, sendo o FC Barcelona o equipo no que máis anos militou. Foi 6 veces internacional coa selección húngara entre 1917 e 1923.[2]

Plattkó
Información persoal
NomeFerenc Plattkó
Nacemento2 de decembro de 1898
Lugar de nacementoBudapest
Falecemento2 de setembro de 1982
Lugar de falecementoSantiago de Chile
Posicióngardameta
Carreira sénior
AnosEquiposAprs(Gls)
1917–1920Vasas
1920–1933WAC7(0)
1921–1922KAFK
1922–1923MTK Hungaria17(0)
1923–1930Barcelona189(0)
1930Ripensia Timișoara
1932–1933Recreativo de Huelva8(0)
1933Mulhouse
Selección nacional
1917–1923Hungría6(0)
Adestrador
1932–1933Mulhouse
1933–1934Roubaix
1934–1935Barcelona
1935Académico do Porto
1935–1936EE.UU. olímpica
1936–1937Venus București
1937Dacia Unirea
1937Gloria Galați
1938Cracovia
1939–1940Colo-Colo
1940River Plate
1941Colo-Colo
1941–1945Chile
1942Magallanes
1942–1943Santiago Wanderers
1949Boca Juniors
1950Chile
1953Colo-Colo
1953Chile
1955–1956Barcelona
1965San Luis de Quillota
Partidos e goles só en liga doméstica.

editar datos en Wikidata ]

Posteriormente traballou como adestrador en Europa e América do Sur, destacando o seu paso polos bancos do FC Barcelona, do Colo-Colo, do River Plate, do Boca Juniors e da selección chilena. Foi unha das primeiras lendas do FC Barcelona e foi compañeiro de equipo de Paulino Alcántara, Josep Samitier e Sagibarba. A súa valentía como porteiro foi inmortalizada por Rafael Alberti no poema Oda A Platko. Despois de retirarse como xogador volveu ao club como adestrador en dúas ocasións (1934–35, 1955–56), aínda que os seus maiores éxitos como técnico logrounos en Chile, gañando tres veces o campionato chileno á fronte do Colo-Colo.

Era irmán dos tamén adestradores István Plattkó e Károly Plattkó.

Traxectoria

Como futbolista

Comezos

Iniciou a súa carreira como gardameta de fútbol na súa Budapest natal, xogando no Vasas SC entre 1917 e 1920. Despois dun breve paso polo Wiener AF de Viena, volveu ao Vasas, onde xogou unha tempada máis. Entre 1917 e 1923, foi seis veces internacional con selección de Hungría, Na tempada 1921/22 foi adestrador e porteiro do KAFK Kula da cidade serbia de Kula onde gañou o campionato da subasociación Subotica obtendo o ascenso á Segunda División do Reino dos Serbios, Croatas e Eslovenos. En 1922 o MTK xogou dous amigables contra o FC Barcelona, rematando ambos con empate a 0-0. O FC Barcelona, impresionado con Plattkó, ofreceulle un contrato.

Barcelona

Un Plattkó ferido durante a final da Copa do Rei de 1928 contra a Real Sociedad inspirou ao poeta Rafael Alberti a escribir a súa Oda a Plattko.

Chegou ao FC Barcelona como substituto do mítico Ricardo Zamora, pero pronto se consolidou como unha lenda por dereito propio. Militou sete anos no FC Barcelona entre 1923 e 1930. Durante ese tempo gañou seis Campionatos de Cataluña, tres Copas do Rei e o primeiro título de liga da historia.[3] O momento máis lembrado da súa carreira foi a final da Copa do Rei de 1928. O FC Barcelona enfrontábase á Real Sociedad en Santander, e Plattkó sufriu un choque contra uns xogadores da Real, quedando sen sentido e coa cabeza ensanguentada. Sacado do campo, reapareceu minutos despois, coa cabeza vendada, e aínda que recibiu novos golpes, conseguiu acabar o partido, sendo ovacionado polos seareiros.[3] O poeta Rafael Alberti quedou tan impresionado coa súa valentía, que uns días despois escribiu un poema na súa honra titulado Oda a Platko.[4] Tamén se encontraba na bancada Carlos Gardel, que incluíu unha mención a Plattkó no seu tango "Patadura".[3]

Deixou o Barcelona en 1930 e rematou a súa carreira como xogador no Recreativo de Huelva, en 1931.

Selección húngara

Debutou coa selección húngara o 15 de xullo de 1917, nunha vitoria por 1-4 sobre a selección austríaca en Viena, compartindo equipo con xogadores como Schaffer ou Schlosser. Disputou un total de 6 partidos con Hungría, sendo o derradeiro deles unha goleada por 1-6 contra Suíza o 11 de marzo de 1923.

Como adestrador

Inicios en Europa

Trala súa retirada, axiña comezou a súa carreira como adestrador, traballando en Francia co FC Mulhouse e o Racing Club de Roubaix, antes de regresar ao FC Barcelona como adestrador para a tempada 1934/35. A pesar de guiar ao club a outro Campionato de Cataluña, só puido ser sexto na liga española, e para a tempada seguinte foi substituído polo irlandés Patrick O'Connell.

A continuación pasou por equipos de diferentes países europeos, e tivo un breve paso pola selección olímpica dos Estados Unidos. Adestrou o Académico do Porto en Portugal e o Venus București, co que conquistou a liga romanesa na tempada 1936/37. Tamén en Romanía, dirixiu o Dacia Unirea e o Gloria Galați, e máis tarde o Cracovia polaco.

América do Sur

En 1939 emigrou a América do Sur, onde se acabou consolidando como adestrador. En 1939 comezou a primeira das súas tres etapas no Colo-Colo, guiando o equipo a gañar o Campionato de Chile, o segundo da historia do club. En 1940 dirixiu ao River Plate na Arxentina antes de regresar ao Colo-Colo en 1941, gañando un novo Campionato de Chile. En 1941 fíxose cargo da selección chilena, á que dirixiu tanto no Campionato Suramericano de 1942 como no de 1945,[5] acadando no segundo deles o terceiro posto, só por detrás da Arxentina e o Brasil.[6] Durante esa época tamén adestrou outros dous clubs chilenos, o Magallanes e o Santiago Wanderers. En 1949 pasou polo banco do Boca Juniors e en 1953 volveu a Colo-Colo por terceira vez, gañando o seu terceiro Campionato de Chile. Dirixiu á selección chilena noutras dúas etapas máis, en 1950 e 1953.

Regreso ao Barcelona

Para a tempada 1955/56 regresou ao FC Barcelona. Liderado no campo por Ladislao Kubala e Luis Suárez, o Barcelona gañou 10 partidos consecutivos de Liga, récord que o club non volveu superar ata medio século despois, cando o conseguiu Frank Rijkaard en 2005. A pesar desta marca, o CF Barcelona só puido ser segundo na Liga por detrás do Athletic de Bilbao. Na tempada seguinte, despois dunha derrota por 1-3 contra o Espanyol nos cuartos de final da Copa, o club rompeu o seu contrato e foi substituído por Josep Samitier.

Últimos anos

Despois duns anos no Brasil como observador de xogadores. regresou a Chile, onde en 1965 asumiu o posto de adestrador do San Luis de Quillota, da rexión de Valparaíso, na primeira división, onde puxo fin definitivamente á súa carreira. Faleceu en Santiago de Chile o 2 de setembro de 1983.[1]

Vida persoal

Tivo dous irmáns, István Plattkó e Károly Plattkó, que o seguiron a España, onde se consolidaron como adestradores. István adestrou, entre outros, ao Real Valladolid, Granada CF e RCD Mallorca, mentres que Károly pasou tamén polo Valladolid, Celta de Vigo, Girona e Sporting de Gijón.

Palmarés

Como futbolista

FC Barcelona

Como adestrador

FC Barcelona
Venus București
  • Liga I (1): 1936/37.
Colo-Colo

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

  • Dénes, Tamás; Sándor, Mihály; Bába, Éva B. (2014). A magyar labdarúgás története I.: Amatorök és álamatorök (1897–1926) (en húngaro). Campus Kiadó. ISBN 978-963-9822-11-5. 

Ligazóns externas