Fernando Vázquez

adestrador galego

Fernando Vázquez Pena, nado en Castrofeito (O Pino) o 24 de outubro de 1954, é un exfutbolista e actual adestrador de fútbol galego. O último equipo que adestrou foi o Deportivo da Coruña.

Fernando Vázquez
Información persoal
NomeFernando Vázquez Pena
Nacemento24 de outubro de 1954 (69 anos)
Lugar de nacementoO Pino
PosiciónDefensa
Información de club
Club actualDeportivo da Coruña (adestrador)
Carreira sénior
AnosEquiposAprs(Gls)
Arzúa
Negreira
Loxo
Adestrador
Loxo
Campo Rapado
1987–1991Lalín
1991–1994Racing de Ferrol
1994–1995Lugo
1995–1998Compostela
1998–1999Oviedo
1999–2000Mallorca
2000–2001Betis
2001–2002Las Palmas
2002–2003Rayo Vallecano
2003–2004Valladolid
2004–2007Celta de Vigo
2005–2008Galicia
2013–2014Deportivo da Coruña
2016Mallorca
2019–2021Deportivo da Coruña
Partidos e goles só en liga doméstica.
editar datos en Wikidata ]

Traxectoria

Fillo de familia numerosa, foi a el a quen lle tocou estudar, e así foi como acabou de mestre de inglés en Arzúa. Unha vez alí, comezou a colaborar moi activamente nas escolas deportivas de fútbol. Xogou no Sporting Lampón de Boiro a finais dos anos 70 e máis tarde no Loxo, en Touro, onde actuou como xogador-adestrador.[1][2]

En 1987 sacou o curso de adestrador nacional en Getxo, sendo o número 1 da súa promoción, na que se encontraba entre outros Vicente del Bosque.[3][4] Dende ese mesmo ano e ata 1991 foi adestrador do CD Lalín en Terceira División, con quen logrou dous ascensos a Segunda División B, nas campañas 1986–87 (despois de quedar terceiro) e 1990–91 (quedando como campión o ano despois de descender).

Na tempada 1991–92 foi contratado polo Racing de Ferrol, en Terceira División. Ese mesmo ano logrou o campionato e o ascenso a Segunda División B. Na tempada 1992–93 logrou un posto medio na táboa, quedando 12º clasificado. Na campaña 1993–94, a súa derradeira no Racing, o equipo alcanzou o 13º posto.

Na tempada 1994–95 adestrou o CD Lugo en Segunda División B, quedando no 11º posto da clasificación e alcanzando a terceira rolda da Copa do Rei.

Na tempada 1995–96 firmou pola SD Compostela, no seu debut en Primeira División. Co equipo santiagués logrou unha goleada fronte ao Deportivo da Coruña (4–0), fronte ao Real Oviedo (4–1) e importantes vitorias como fronte ao FC Barcelona (2–1) ou un empate contra o Real Madrid (3–3). Ese mesmo ano logrou o subcampionato de inverno, quedando ao final da campaña no 10º posto. Na tempada 1996–97 o equipo quedou nunha posición similar, logrando o 11º posto da clasificación. Na tempada 1997–98 presentou a súa dimisión tras a xornada 27, dicindo sentirse "premido".[5] O seu substituto foi Gabriel Leis, que non logrou salvar o equipo do descenso.

Na tempada 1998–99 fíxose cargo do Real Oviedo, con quen logrou quedar 14º na clasificación.

Na tempada 1999–00 foi contratado polo RCD Mallorca na segunda xornada, en substitución de Mario Gómez. Co equipo balear logrou un posto na media táboa, quedando 10º clasificado.

Na tempada 2000–01 firmou polo Real Betis co obxctivo de ascender a Primeira División. Na xornada 29 foi cesado debido ás dúbidas no xogo do equipo andaluz, que levaba varios partidos sen gañar. Foi substituído por Luis del Sol, que logrou o ascenso.

Na tempada 2001–02 foi contratado polo UD Las Palmas, equipo co que descendeu a Segunda División ao final da campaña, quedando a 2 puntos da salvación.

Na tempada 2002–03 firmou polo Rayo Vallecano, sendo cesado logo de 18 xornadas. O seu substituto foi José Luis Martín, nunha campaña na que o equipo madrileño tivo catro adestradores, descendendo a Segunda División como último clasificado.

Na tempada 2003–04 foi contratado polo Real Valladolid, que o cesou na xornada 34 debido aos malos resultados, sendo substituído por Antonio Sánchez Santos. Finalmente o equipo descendeu a Segunda División.

Na tempada 2004–05 fichou polo Celta de Vigo, co que logrou o ascenso a Primeira División logo de quedar segundo clasificado. Na tempada 2005–06 o equipo celeste quedou en sexto lugar, clasificándose para a Copa da UEFA. Na tempada 2006–07 foi destituído na xornada 29 debido aos malos resultados, sendo o seu substituto Hristo Stoichkov. Finalmente o Celta descendeu.

Entre 2005 e 2008 adestrou, xunto con Arsenio Iglesias, a selección galega.

Deportivo

Na tempada 2012–13 foi contratado polo Deportivo da Coruña, substituíndo trala xornada 23 ao técnico luso Domingos Paciência, que á súa vez substituíra a José Luis Oltra.[6] Estreouse con derrota fronte ao Sevilla FC a domicilio (3–1) e Real Madrid en Riazor (1–2), obtendo a continuación unha serie de bos resultados que sacaron momentaneamente ao equipo coruñés do descenso. De cara ao final de liga, unha serie de derrotas nos derradeiros partidos condenaron ao Deportivo á Segunda División (quedando a dous puntos da salvación e mesmo chegando salvado na derradeira xornada). Non obstante, o seu bo facer co equipo provocou que, unha vez finalizada a campaña, fora renovado por dúas tempadas, cunha máis se o equipo estivera en Primeira División.[7]

Na tempada 2013–14 de volta á Segunda División, o equipo de Vázquez comeza logrando bos resultados como visitante pero con problemas nos seus partidos como local, aínda que mellora e consegue ser campión de invierno. Finalmente, consegue o ascenso matemático á máxima categoría o 31 de maio de 2014, ao gañar por 1-0 ao Real Jaén na penúltima xornada.

O 8 de xullo de 2014 foi destituído, logo dunhas polémicas declaracións sobre a política de fichaxes. O club alegou "falta de confianza" no adestrador.[8]

Mallorca

O 18 de xaneiro de 2016 foi anunciado como adestrador do RCD Mallorca, en Segunda División, en substitución de Pepe Gálvez.[9][10]

O 6 de decembro de 2016 foi destituído debido aos malos resultados.[11] O seu substituto foi Javier Olaizola.[12]

Deportivo (2.ª etapa)

O 29 de decembro de 2019 iniciou a súa segunda etapa no Deportivo da Coruña,[13] substituíndo a Luis César Sampedro (que á súa vez substituíra a Juan Antonio Anquela), e collendo o equipo na última posición da táboa a 9 puntos da permanencia en Segunda División.[14] Comezou o seu novo paso polo Deportivo con seis vitorias nos seis primeiros partidos, que serviron para sacar ao equipo dos postos de descenso e catapultalo ata a 14ª posición.[15] Con todo, un mal final de tempada, con tres derrotas nos últimos catro partidos, fixo que o equipo acabase por descender á Segunda División B catro décadas despois.[16] O balance dende a súa chegada foi de 10 vitorias, 6 empates e 5 derrotas.

Comezou a tempada 2020/21 vendo os partidos dende a bancada por mor dos 9 partidos de sanción que arrastraba dende a campaña anterior, cando acumulara tres castigos por protestas ao árbitro e por dar instrucións dende a bancada estando xa sancionado.[17] O equipo mantívose invicto durante as sete primeiras xornadas, ocupando a primeira posición da táboa, pero dúas derrotas nos dous seguintes partidos, contra Celta B e Zamora, así como o pobre xogo do equipo provocou a súa destitución o 11 de xaneiro de 2021.[18]

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas