Gripe de 1918

pandemia de gripe acontecida entre 1918 e 1920

Coñécese como gripe de 1918 unha pandemia de gripe que afectou a todo o planeta precisamente cando remataba a primeira guerra mundial. Entre xaneiro de 1918 e decembro de 1920 infectou 500 millóns de persoas, aproximadamente un cuarto da poboación da época [1], e matou entre 17 [2] e 50 millóns de persoas[3], un número tres veces maior que o de baixas na guerra.

Soldados de Fort Riley, Kansas, doentes de gripe nun hospital de Camp Funston.

Nome

Aínda que se ignora onde apareceu o virus, as primeiras noticias sobre a súa intensidade publicáronse en xornais españois. España era un país neutral no conflito que asolaba o resto de Europa, e tiña unha política de censura liberal, sen aplicar a censura previa na prensa[4]. Xa que logo, as informacións sobre a propagación da epidemia nin se suprimían nin se adozaban, e cando o rei Afonso XIII colleu a enfermidade en maio de 1918 a axencia Reuters informou da aparición en Madrid dunha estraña enfermidade da que non había constancia de mortos[5]. A partir de xuño incrementouse o uso do termo gripe española nas informacións da prensa internacional[6]. A prensa española da época para se referir á epidemia empregaba formas como soldado de Nápoles, dama española ou enfermedad de moda [7] e aparecían informacións levando a orixe da enfermidade a Francia, traída supostamente a España por emigrantes retornados. Noutros países tamén recibiu nomes locais, así en Alemaña os soldados denominárona ao primeiro Blitzkatarrh (catarro lóstrego) [8] e os militares británicos chamárona Flanders Flu[9].

Historia e características

"A ignorancia é máis destrutiva cá guerra". Folla volante publicada polas autoridades sanitarias de Illinois (EUA) para coutar a expansión da gripe; ca. 1919.

Con efecto, na primavera e comezos do verán de 1918, a enfermidade estendeuse por ambos os dous lados das frontes europeas, afectando a divisións enteiras. Declinou unhas semanas e logo, a finais do verán, rexurdiu moi violentamente. Os doentes sentían febre, dor de cabeza e dores nas articulacións. Curiosamente, moitos eran novos, a quen a gripe apenas afecta. Un 5% das vítimas morreron, algunhas en só dous ou tres días. Os seus pulmóns revelábanse nas autopsias completamente anegados de sangue; os rostros dos mortos tornábanse de cor violeta.

A epidemia afectou os campamentos militares de Europa e os Estados Unidos e pasou logo ás cidades portuarias e industriais, matando miles de persoas cada día e estendéndose finalmente por todo o planeta. Estímase que todos os seres humanos respiraron o virus e que a metade enfermaron.

No século XX houbo outras pandemias de gripe en 1957 e 1968 e a gripe A (2009).

O artigo "The Persistent Legacy of the 1918 Influenza Virus", de David M. Morens, Jeffery K. Taubenberger, e Anthony S. Fauci, publicado na edición dixital da revista The New England Journal of Medicine o 16 de xullo de 2009, estableceu que o virus gripal de 1918 deu lugar a unha cepa resistente da cal o virus A/H1N1 do 2009 é herdeira.

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

  • David M. Morens, M.D., Jeffery K. Taubenberger, M.D., Ph.D., e Anthony S. Fauci, M.D., "The Persistent Legacy of the 1918 Influenza Virus", Edición dixital do The New England Journal of Medicine, 16 de xullo de 2009, http://content.nejm.org/cgi/content/full/NEJMp0904819.
🔥 Top keywords: