Ofensiva talibá de 2021

Ofensiva militar en Afganistán

A ofensiva talibá de 2021 é unha campaña militar dos talibáns e os grupos militantes contra o goberno de Afganistán e os seus aliados que empezou o 1 de maio de 2021,[1][2][3] cadrando coa retirada das tropas dos Estados Unidos e os seus aliados.[4]

Mapa de Afganistán que amosa a ofensiva talibá (15 de agosto de 2021).

Antecedentes

Dende a invasión de Estados Unidos de 2001 houbo focos de resistencia talibá. Na década de 2010 a diminución de tropas occidentais foi aproveitada polos talibáns para ir facendo avances e ocupar territorio afgán. Os intentos por lograr unha saída negociada ao conflito non deron resultado máis alá de treguas puntuais como as das festividades relixiosas festividades de Eid al-Fitr e Eid al-Adha en 2018.[5][6]

O 29 de febreiro de 2020, Estados Unidos e os talibáns chegaron a un acordo de paz,[7] logo do cal, Estados Unidos e a OTAN fixaron en 14 meses o prazo para retirada de Afganistán.[8] Paralelamente, a administración de Donald Trump patrocinou negociacións entre ao goberno de Afganistán e aos talibáns en Doha (Qatar) en setembro de 2020. Con todo non houbo resultados deste diálogo intra-afgán.[9] A retirada definitiva dos soldados dos Estados Unidos foi adiada polo presidente Joe Biden. Buscando ter os efectivos de volta para a conmemoración do vixésimo aniversario do 11S,[10] fixou a data de regreso dos derradeiros continxentes para o 31 de agosto de 2021.[11]

Desenvolvemento

Dende o comezo a ofensiva salientou polas rápidas conquistas territoriais dos talibáns,[12] así como as súas ramificacións nacionais e internacionais.[13] A partir da primavera de 2021, e durante os primeiros tres meses da ofensiva, os talibáns fixeron avances significativos nas zonas rurais, incrementando o número de distritos controlados de 73 a 223, illando progresivamente os centros urbanos[14].[15] Paralelamente, os talibáns lograron un importante fito diplomático cando, en xullo de 2021, Abdul Ghani Baradar visitou en China ao ministro de exteriores da República Popular chinesa pois o cumio outorgoulle lexitimidade ao movemento talibán.[16]

Os feitos precipitáronse dende o 6 de agosto, cando os talibáns capturaron Zaranj, cidade do suroeste do país preto da fronteira iraniana e que foi a primeira capital de provincia capturada.[17] Nos días seguintes, entre o 7 e o 9 de agosto os talibáns centraron o seu avance no norte, conseguindo a toma de Qunduz, un enclave estratéxico no paso cara Asia Central e as zonas mineiras.[18] A incapacidade das forzas armadas para frealos fixo que pouco tempo, os insurxentes, controlaron máis da metade das trinta e catro capitais provinciais de Afganistán,[19][20][21] e o 10 de agosto, os talibáns apoderáranse do 65% da área do país.[22] Para o 13 de agosto os talibáns gañaran dúas das cidades máis importantes de Afganistán: Herat,[23] terceira urbe do país, e Kandahar,[24] a máis poboada logo de Cabul.

Logo de Kandahar, os talibáns comezaron a cercar Cabul, a capital.[25] Nesa altura o temor dun colapso do Estado afgán estendeuse entre as capitais occidentais que comezaron a organizar plans de repatriación dos seus cidadáns.[26][27] Aínda que o 10 de agosto, os oficiais estadounidenses estimaron que Cabul podería caer en poder dos talibáns en 30 a 90 días,[28] os talibáns confiaban en facerse con ela de forma inminente.[29] Finalmente, o 15 de agosto, Associated Press informou que os talibáns chegaran a Cabul.[30] Ademais, fíxose público de que o presidente Ashraf Ghani fuxira do país, caendo o goberno da República.[31] Tamén ese día as forzas afgás entregaran a base aérea de Bagram.[32] Aínda que os talibáns dixeron que agardaban unha transferencia do poder, entraron na cidade xustificando a decisión por cuestións de orde pública e ocuparon o Palacio Presidencial.[33][34] Logo destes feitos, Abdul Ghani Baradar proclamou dende Doha (Qatar) a vitoria do movemento talibán.[35]

Ante está situación Estados Unidos asegurouse o control do aeroporto de Cabul para evacuar ao persoal diplomático e cidadáns americanos e dos países aliados que nas horas previas á entrada dos talibáns na capital deran orde de abandonar o país.[36] Mais, a afluencia de moitos afgáns que, temerosos dos talibáns, buscaban obter refuxio provocaron problemas na xestión do aeródromo e escenas de pánico.[37][38]

Reaccións

A toma do poder talibán causou unha fonda preocupación na comunidade internacional polo respecto do novo goberno cara aos dereitos humanos, especialmente das mulleres.[39] Nos seus primeiros anuncios, procuraron calmar estes temores. Así, o voceiro dos talibán, Zabiullah Mujahid, afirmou que se respectarían os dereitos das mulleres "dentro da lei islámica", unha amnistía para os que traballaron para os países estranxeiros e para administración afgá, e o compromiso de non protexer a Al Qaida ou outros grupos terroristas.[40]  Mais aos poucos días sucedéronse as novas sobre violacións dos dereitos humanos por parte dos talibáns. Deste xeito, os medios de comunicación informaron da morte de persoas que protestaban contra os talibáns en manifestacións espontáneas.[41] Doutra parte, a ONU recibiu un informe que alertaba da elaboración de listas de colaboradores dos países occidentais para a súa persecución e de quebrantamentos dos dereitos da muller e a infancia,[42][43] e Amnistía Internacional reportou a "tortura e morte" de nove homes da comunidade hazara.[44]

A caída do goberno de Afganistán e das súas forzas armadas, que durante case 20 anos foran sostidas por Estados Unidos e os países da OTAN provocou críticas nos Estados Unidos e os seus aliados. Mentres que o presidente dos Estados Unidos, Joe Biden, e o secretario xeral da OTAN, Jens Stoltenberg, afirmaron que se cumpriran cos obxectivos que motivaran a intervención de 2001;[45][46] en Europa as voces foron máis críticas cuestionando o xeito da retirada.[47][48][49] O xeneral Mark Milley, xefe do Estado Maior das forzas armadas dos Estados Unidos, cualificou como "un éxito loxístico pero un fallo estratéxico" a retirada das tropas de Afganistán ante o comité de defensa do Senado o 28 de setembro de 2021.[50]

Fronte a implantación dun novo réxime talibán organizouse unha resistencia no val do Panjshir dirixida por Ahmad Massoud, a quen se lle uniría o vicepresidente con Ghani, Amrullah Saleh.[51][52] O 18 de agosto de 2021, nun chamamento internacional pediu a axuda loxística e militar aos países occidentais para a resistencia, agora denominada Fronte Nacional de Resistencia.[53] Este grupo estaría integrado por máis de 6 000 persoas.[54] Con todo, algúns analistas internacionais dubidaron da súa operatividade nun enfrontamento armado considerando que o seu obxectivo sería influír nas negociacións cos talibáns.[55] O 22 de agosto, os talibáns fixeron público que centos dos seus soldados ían cara ao val do Panjshir para controlalo, Massoud reafirmouse na súa vontade de diálogo aínda que advertiu aos talibáns de que estaban dispostos á loita.[56]

Notas


Véxase tamén

🔥 Top keywords: