Ramón González Figueroa

futbolista español

Ramón González Figueroa, nado na Coruña en 1898 e finado na mesma cidade o 4 de novembro de 1977, foi un futbolista galego. Xogaba de dianteiro e destacou especialmente no Vigo Sporting e no Deportivo da Coruña. Foi internacional coa selección española, coa que gañou a medalla de prata nos Xogos Olímpicos de 1920.

Ramón González
Información persoal
NomeRamón González Figueroa
Nacemento1898
Lugar de nacementoA Coruña
Falecemento4 de novembro de 1977
PosiciónDianteiro
Carreira sénior
AnosEquiposAprs(Gls)
1914–1917Fabril
1917–1918Real Club Coruña
1918–1923Vigo Sporting
1923Celta de Vigo
1924–1931Deportivo da Coruña
Selección nacional
1920España
Partidos e goles só en liga doméstica.

editar datos en Wikidata ]

A súa fichaxe polo Deportivo da Coruña en 1923, xunto ás de Otero, Isidro e Chiarroni, pouco despois de que a fusión do Vigo Sporting co Fortuna dese orixe ao Celta de Vigo, provocou unha batalla legal entre os dous clubs e foi o detonante da actual rivalidade Celta-Deportivo.

Traxectoria

Comezou xogando no Fabril, dende o mesmo ano da creación do club, e tras un curto paso polo Real Club Coruña marchou a Vigo, onde xogou no Vigo Sporting.[1] Co club vigués disputou o Campionato de Galicia, proclamándose campión nas tempadas 1918/19, 1919/20 e 1922/23. Disputou ademais a Copa de España, marcando dous goles na edición 1922/23.

O 11 de marzo de 1923 foi o autor do único gol no derradeiro derbi entre o Vigo Sporting e o Fortuna de Vigo, pouco antes de que estes dous equipos se fusionasen para formar o Celta de Vigo.[2] Tras o nacemento do Celta, os xogadores do Vigo Sporting Otero, Chiarroni e Ramón González abandonaron o club e ficharon polo Deportivo da Coruña. O feito foi considerado unha afronta para o club vigués e sería un dos detonantes da histórica rivalidade co equipo coruñés. As protestas do Celta, que acusaron o Deportivo de ter subornado aos xogadores vigueses, levaron a Federación Galega a inhabilitar os tres futbolistas tránsfugas, acusándoos de profesionalismo, mentres que o Deportivo foi descualificado do Campionato de Galicia.[3] Porén, o Deportivo recorreu ante a Real Federación Española de Fútbol, a cal se pronunciou en favor dos herculinos e anulou a sanción contra o club por entender que non existira suborno, instando á FGF a que readmitise o Deportivo no campionato, aínda que si mantivo a sanción sobre os tres xogadores por existir duplicidade de fichas.[4][5] A FGF enviou un escrito de protesta á RFEF, mais esta reafirmouse na súa decisión,[6] polo que a FGF convocou unha asemblea extraordinaria[7] na que acordou por maioría aceptar o veredicto da RFEF.[8]

En 1924 puido xogar finalmente co Deportivo, converténdose xa en abril dese ano no capitán, e co tempo, nun dos xogadores máis emblemáticos do club.[9] Unha das súas primeiras grandes actuacións co club chegou en xuño dese mesmo ano, cando lle marcou 7 goles en dous partidos ao Dundee FC escocés.[10][11] En 1927 recibiu un forte golpe nun partido en Pontevedra, que o mantivo inconsciente durante case un día, motivo polo que estivo de baixa varios meses. Aínda que cun rendemento menor tralo seu regreso, continuou no club branquiazul ata 1930, xogando os dous últimos anos na Segunda División, trala creación das ligas nacionais.[12] En 1931 regresou para xogar un último partido contra o Racing de Ferrol no antigo Campo de Riazor, correspondente ao Campionato de Galicia.[13]

Selección española

Participou coa selección española nos Xogos Olímpicos de 1920 en Antuerpen, conseguindo a medalla de prata e converténdose no primeiro medallista olímpico coruñés.[14]

Familia

Casou con María Pereiro Rey, irmá do tamén futbolista do Deportivo Emilio Pereiro, coa que tivo un fillo, chamado tamén Ramón. Foi tío de Luis e Ramón Precedo, ámbolos dous futbolistas e adestradores.[15]

Palmarés

Vigo Sporting

Deportivo da Coruña

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas