Sendeiro da costa de Gales

O sendeiro da costa de Gales (galés: Llwybr Arfordir Cymru) é un paseo de longa distancia que percorre toda a liña costeira de Gales. Foi inaugurado o 5 de maio de 2012, e comprende 1.400 km de camiño entre Chepstow, no sur, ata Queensferry, no norte.[1]

Liña da costa de Gales, cos puntos de comezo e fin do camiño.
Pedra de Chepstow que marca o límite sur do sendeiro, co logo do "dragón cuncha".
Logo do sendeiro da costa de Gales.

Gales é o primeiro país do mundo en ofrecer unha ruta ó longo de toda a súa costa. O sendeiro pasa por once Reservas Nacionais da Natureza e outras reservas, como as controladas por The Wildlife Trusts ou a Royal Society for the Protection of Birds (RSPB).[2] Lonely Planet calificou a costa de Gales no primeiro lugar na súa clasicafición das 10 mellores de 2012.[3]

Características

O sendeiro da costa de Gales foi inaugurado o 5 de maio de 2012 como o primeiro sendeiro costeiro do mundo en cubrir toda unha nación.[4][5][6] Dende o seu punto de comezo, percorre toda a costa galesa de Chepstow no sur ata Queensferry no norte. Moitas partes xa tiñan camiños establecidos como o Camiño do Norte de Gales, a ruta costeira de Anglesey e o Sendeiro de Llŷn. O sendeiro de Pembrokeshire xa estaba pensado como un sendeiro nacional,[7] e no 2011 foi elixido pola revista National Geographic como o segundo mellor destino costeiro do mundo.[8][9]

O camiño discorre a través de 1.400 quilómetros da paisaxística costa, dende a desembocadura do río Dee, ó longo da costa norte de Gales, coas súas vilas costeiras, sobre o estreito de Menai na illa de Anglesey, dende a península de Llyn pola baía de Cardigan, a través do único parque nacional costeiro de Gran Bretaña en Pembrokeshire, a través de Gower, polo paseo marítimo da baía de Cardiff e na zona do mercado de Chepstow.[1] Toda a ruta é accesible para sendeiristas e, mesmo nalgunas seccións pode ser utilizada por ciclistas, familias con carriños de bebé, persoas con mobilidade reducida ou xinetes.[2]

A responsabilidade xeral de establecer a ruta acadouse co Consello de Campo de Gales (agora Recursos Naturais de Gales), mais a xestión sobre o terreo corresponde ás 15 áreas do goberno local que atravesa.[10] Cinco sendeiros sinalizados como de longa distancia na costa xa estaban establecidos en Pembrokeshire, Anglesey , Gwynedd , Ceredigion e na costa norte de Gales. Estes formaron a base para cinco das oito áreas xeográficas que agora conforman a ruta. As tres áreas restantes compóñense dos condados individuais, combinados e cidades dos condados costeiros.[11]

Galería

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas