Chacho

futbolista español

Eduardo González Valiño, máis coñecido como Chacho, nado na Coruña o 14 de abril de 1911 e finado na mesma cidade o 21 de outubro de 1979, foi un futbolista e adestrador galego, que xogaba de interior esquerdo. Considerado unha das maiores figuras da historia do Deportivo da Coruña e un dos xogadores máis talentosos do fútbol galego,[1] desenvolveu case toda a súa carreira no club coruñés, do que é o máximo goleador histórico, con 113 goles.

Chacho
Información persoal
NomeEduardo González Valiño
Nacemento14 de abril de 1911
Lugar de nacementoA Coruña
Falecemento21 de outubro de 1979
Lugar de falecementoA Coruña
PosiciónCentrocampista
Carreira sénior
AnosEquiposAprs(Gls)
1928–1934Deportivo da Coruña90(62)
1934–1936Atlético de Madrid43(19)
1936–1944Deportivo da Coruña74(24)
1945–1946Xuvenil10(11)
1945–1946Deportivo da Coruña4(1)
1946–1947 Xuvenil10(9)
Selección nacional
1933–1934España3(7)
Adestrador
1936–1937Deportivo da Coruña
1942Deportivo da Coruña
1949–1950Bergantiños
1950–1951Fabril
1951–1952Deportivo da Coruña
1955–1956Sporting Coruñés
1958–1959Español SD
1958–1959Galicia (xuvenís)
Na rede
FIFA: 47457 Editar o valor em Wikidata
Partidos e goles só en liga doméstica.

editar datos en Wikidata ]

Foi internacional coa selección española entre 1933 e 1934, marcando 7 goles en 3 partidos. Ostenta a maior media goleadora da historia da selección e é o xogador do combinado español que máis goles conseguiu nun mesmo partido, cos 6 que logrou no seu debut ante Bulgaria.

Traxectoria

Como xogador

Comezos

Nacido na Costa de San Agustín da Coruña,[2] comezou a xogar ao fútbol en clubs de barrio como o Racing Athletic, onde coincidiu con Irene González,[3] pioneira do fútbol feminino en Galicia,[4] e máis tarde xogou no Irene FC, equipo capitaneado pola propia Irene.[5][6] Militou tamén no Varela Silvari,[7] compartindo equipo co histórico gardameta Rodrigo.[8][9] Máis tarde pasou ao Ferrolán, un equipo infantil coruñés que destacou a mediados da década de 1920.[10][11]

Deportivo da Coruña (1ª etapa)

Aos 16 anos, Rodrigo levouno con el ao equipo infantil do Deportivo da Coruña,[12] aínda que continuou xogando partidos co Varela Silvari, co que gañou no verán de 1928 un campionato infantil da cidade da Coruña.[13] Para a tempada 1928/29 formalizou ficha co primeiro equipo do Deportivo, co que debutou en decembro nun partido amigable ante o Betanzos,[14] o mesmo equipo contra o que conseguiu os seus primeiros dous goles noutro amigable en agosto de 1929, nun partido de homenaxe a Luis Otero.[15]

O seu debut oficial co Deportivo produciuse o 27 de outubro de 1929, con 18 anos, nun encontro do Campionato de Galicia ante o Unión Sporting no Campo da Florida de Vigo. Nese partido conseguiu os seus dous primeiros goles oficiais coa camiseta branca e azul.[16] En decembro realizou a súa estrea na Segunda División, campionato que celebraba a súa segunda edición. Debutou na terceira xornada ante o Valencia no vello campo de Riazor, asinando o seu primeiro triplete como deportivista (3-1). Pechou a súa primeira campaña cun total de 8 partidos e 7 goles. Durante os seguintes anos compaxinou a súa actividade futbolística coa súa profesión de taquígrafo.[17][18]

Na tempada 1930/31 contou con máis minutos e rematou como o máximo goleador do equipo, con 18 tantos. Xa asentado na titularidade, formou unha célebre á esquerda con Diz, nunha dianteira que completaban habitualmente Pepe Torres, Triana e Paco León.

Na tempada 1930/31 conquistou o seu primeiro Campionato de Galicia, sendo o máximo goleador da competición con 14 tantos, e na 1931/32 foi un dos máis destacados na histórica vitoria sobre o Real Madrid nos oitavos de final da Copa do Presidente da República por un resultado global de 3-2. Marcou un gol en Riazor e foi o autor do tanto decisivo en Chamartín, que culminou a eliminación do vixente campión invicto de liga.[19][20] As súas boas actuacións fixeron que fose convocado por primeira vez pola selección española. En 1933 gañou o seu segundo campionato galego e en 1934, pouco despois de ser nomeado capitán do equipo,[21] fichou por dúas tempadas polo Atlético de Madrid, que acababa de subir a Primeira División.[22]

Atlético de Madrid

Debutou na máxima categoría na segunda xornada da tempada 1934/35, fronte ao Racing de Santander no Metropolitano, e foi titular en todos os restantes partidos do campionato, acompañado habitualmente na dianteira por Elícegui, Lafuente, Arocha e Sornichero. Marcou o seu primeiro gol en Primeira na sexta xornada ante o Betis e pechou a súa primeira campaña no Atlético cun total de 7 dianas. Na tempada 1935/36, a pesar de disputar menos partidos, dobrou a súa cifra goleadora, ata os 14 tantos entre todas as competicións.

Deportivo da Coruña (2ª etapa)

En xuño de 1936, un mes antes do golpe de Estado e do inicio da guerra civil, mercoulle a súa liberdade ao club madrileño por unhas 8.000 pesetas.[23] Volveu entón ao Deportivo, ao que regresaron tamén outros excompañeiros como Rodrigo, Hilario, Lelé ou Diz.[24] Asinou como xogador-adestrador,[25] función que realizou ata a chegada ao banco do xornalista Manuel Ponte "Plongeón" en 1937. Coa liga nacional suspendida durante o conflito, durante o cal foi chamado a filas polo bando franquista como soldado de artillaría, continuou disputando o Campionato de Galicia, proclamándose campión e máximo goleador na tempada do seu regreso ao club.

Foi aumentando tempada a tempada os seus números e o 15 de outubro de 1939 marcou nun derbi ante o Celta de Vigo en Balaídos o seu 80º gol oficial coa camiseta do Deportivo, igualando ao daquela máximo goleador histórico do club: Paco León. Superou esa cifra unha semana despois contra o Vigués en Riazor, manténdose dende entón como máximo goleador en solitario da historia do Deportivo.

Na tempada 1939/40 o interior esquerdo gañou o seu cuarto e último Campionato de Galicia e na campaña seguinte o equipo meteuse por segundo ano consecutivo na promoción de ascenso á Primeira División, que consistiu nun único partido no campo de Vallecas contra o Real Murcia. Adiantouse o equipo murciano por medio de Tito, pero Chacho puxo o empate preto do final, forzando unha prórroga na que Guimeráns marcou o gol que lle daba ao club galego o primeiro ascenso da súa historia á máxima categoría.[26] Contribuíu cun total de 12 goles durante a tempada, na que tivo como compañeiros máis habituais na dianteira a Elícegui, Breijo, Chao e Guimeráns.

Marcou cadanseu gol nos seus dous primeiros partidos co Deportivo en Primeira: un derbi ante o Celta e unha vitoria pola mínima sobre o Real Madrid que supuxo o primeiro triunfo coruñés sobre o club branco en liga.[27] Pechou a campaña con 11 partidos de liga e 4 goles, así como cun histórico cuarto posto na clasificación, só por detrás de Valencia, Real Madrid e Atlético Aviación.

En xuño de 1942 volveu ser nomeado adestrador do Deportivo, mentres que Celso Mariño pasou a ocuparse da preparación física tanto do conxunto de fútbol como das demais seccións do club.[28] Realizou a dobre función de xogador-adestrador ata a súa dimisión como técnico en novembro. A súa participación caeu durante esa tempada e a seguinte, nas que sufriu varios problemas físicos, e en xuño de 1944 deixou o club tras finalizar o seu contrato.[29] Con todo, reapareceu no equipo en decembro, para disputar un partido amigable ante o Betanzos no antigo campo de Riazor,[30] e aínda que durante as seguintes semanas se especulou coa posibilidade dun inminente regreso oficial ao club, este non se produciu.[31]

Deportivo Xuvenil

Non xogou en ningún equipo por un tempo pero seguiu adestrando, e en 1945 formalizou ficha co Deportivo Xuvenil para axudalo a ascender á Terceira División.[32] As súas grandes actuacións na fase de ascenso, entre elas os catro goles que marcou na goleada por 9-0 sobre o Deportivo Coia en Riazor ou un triplete ante o Noia,[33][34] propiciaron o ascenso do equipo á categoría de bronce.

Deportivo da Coruña (3ª etapa)

Pouco despois, en xaneiro de 1946, fíxose oficial a súa volta ao Deportivo,[35] co que disputou a parte final da tempada 1945/46. No terceiro encontro desta última etapa, marcou o seu 113º e derradeiro gol oficial co Deportivo, dándolle a vitoria ao seu equipo ante a Real Sociedad.[36]

Deportivo Xuvenil (2ª etapa)

Tras o remate da liga saíu cedido ao Xuvenil para xogar a Copa Galicia.[37] Na seguinte campaña foi cedido novamente ao Xuvenil, co que disputou sete partidos da Terceira División, logrando outros tantos goles.[38] Disputou o seu derradeiro encontro o 6 de abril de 1947, nun empate 2-2 diante do Galicia de Ferrol en Riazor.[39] No verán de 1947 rematou o seu contrato co Deportivo da Coruña, poñendo así fin á súa carreira como futbolista.[40]

Selección nacional

Chacho foi internacional coa selección española en tres ocasións, logrando 7 tantos. Debutou internacionalmente o 21 de maio de 1933, despois de ser convocado polo seleccionador José María Mateos para un partido amigable ante Bulgaria en Chamartín, converténdose no segundo xogador internacional da historia do Deportivo da Coruña, despois de Luis Otero. Formou na liña dianteira xunto a Luis Regueiro, Elícegui, Prat e Bosch, e anotou 6 dos 13 goles do seu equipo, na que foi a maior goleada da historia do combinado español (13-0).[41][42] Ademais, os seis goles de Chacho continúan a ser a cifra máis alta de tantos anotados por un futbolista da selección española nun mesmo partido.[42][43]

Volveu marcar no seu segundo partido internacional, unha nova goleada, desta vez por 9-0 sobre Portugal, e foi convocado por Amadeo García para a fase final do Mundial de 1934 en Italia. Quedou no banco no partido inaugural ante o Brasil e tamén nos cuartos de final ante a selección anfitrioa, pero foi titular na repetición deste último encontro en Florencia, despois de que rematase con empate a un gol e con numerosas baixas. Chacho formou na liña de atacantes xunto a Ventolrà, Regueiro, Bosch e Campanal, perdendo a eliminatoria por mor dun solitario gol de Giuseppe Meazza.[44]

Como adestrador

Trala súa retirada como futbolista decidiu emprender unha carreira como adestrador e na tempada 1949/50 dirixiu o Bergantiños,[45] onde tivo como pupilo a Arsenio, que anos máis tarde se convertería nunha das personalidades máis importantes do fútbol galego.[46] Esa mesma tempada pasou ao Fabril, co que foi subcampión do Campionato Galego de Afeccionados,[47] ao tempo que se formaba na Escola Galega de Preparadores, onde foi o número 1 da súa promoción.[48] Na tempada 1950/51 levou ao Fabril a proclamarse campión da Zona Norte da Serie A galega,[49] dirixindo un grupo de xogadores entre os que estaba de novo Arsenio e onde destacaban tamén Kaito González, Carlos Torres, Santamaría ou Guillén.[50]

En maio de 1951, pouco despois de cumprir os 40 anos, foi elixido pola directiva do Deportivo da Coruña para dirixir provisionalmente o equipo trala marcha de Jerónimo Díaz,[51] aínda que finalmente foi confirmado no cargo tamén para a tempada 1951/52.[52] Dirixiu a varios dos seus antigos compañeiros, entre eles Acuña, Ponte ou Carlitos así como a Corcuera, Oswaldo e Moll, membros da dianteira coñecida co alcume de "Orquestra Canaro", e en outubro subiu ao primeiro equipo a Arsenio, ao que fixo debutar nun partido ante o Barcelona.[53]

O equipo mantívose durante case toda a tempada na parte media da táboa e tras caer varias posicións acabou salvando por pouco a categoría, polo que a directiva do club decidiu prescindir dos servizos de Chacho. O presidente da entidade, Otero Peón, afirmou que o gran obstáculo de Chacho para triunfar como adestrador do Deportivo era "ser coruñés e ter confianza cos xogadores", alegando tamén falta de carácter.[54]

Trala súa saída definitiva do Deportivocontinuou vencellado ao fútbol coruñés, adestrando varios clubs modestos da cidade, como o Sporting Coruñés e o Español, dirixindo neste último ao seu fillo Jaime, alcumado Chacho III.[55][56] En novembro de 1958 foi nomeado adestrador da selección galega xuvenil, en substitución do seu antigo compañeiro na dianteira do Deportivo, Antonio Villar Chao.[57] Ocupou o cargo ata 1960, sendo sucedido por Rodrigo.

Faleceu na Coruña o 21 de outubro de 1979, aos 68 anos de idade.[43]

Estilo e legado

Considerado un dos mellores xogadores da historia do Deportivo da Coruña, destacaba pola súa clase e elegancia no xogo, os seus caneos, pases medidos e fortes disparos, así como pola súa intelixencia e visión de xogo.[58] Con todo, durante a súa carreira como futbolista estivo sempre discutido, e a afección coruñesa dividíase entre "chachistas" e "antichachistas", destacando os seus detractores o seu xogo lento e unha suposta apatía e desidia no xogo.[9][59][38][58]

Retirouse como o máximo goleador da historia do Deportivo, con 113 goles oficiais en 211 partidos, repartidos en 15 tempadas, liderando aínda hoxe a táboa de artilleiros do club, por diante de Diego Tristán (110 goles) e José Manuel Traba (108). Marcou ademais outro gol na tempada 1934/35 do Campionato Mancomunado ante o Racing de Ferrol, e tres máis na tempada 1936/37 do Campionato de Galicia contra o Unión Sporting, pero ambos resultados foron anulados posteriormente, no primeiro caso por mor da folga xeral revolucionaria de 1934 e no segundo pola retirada da competición do club vigués. Con todo,

En 1989 inaugurouse unha escultura dedicada a el xunto ao estadio de Riazor, obra do escultor coruñés Eladio Muíños.[60][61]

Familia

Era un dos dez fillos de Carlos González Rodríguez e Irene Valiño Pérez.[62] Era irmán entre outros de Baldomero González Valiño, "Mero", tamén futbolista e máis tarde presidente do Sporting Ciudad, e cuñado de Eduardo Viso, futbolista e adestrador.[63]

Foi pai dos tamén futbolistas Antonio e Jaime González Meilán, alcumados "Chacho II" e" Chacho III" respectivamente.

Estatísticas

ClubTempadaCategoríaLigaCopaC. RexionalOutros[N 1]Total
PartidosGolesPartidosGolesPartidosGolesPartidosGolesPartidosGoles
Deportivo da Coruña1929/30Segunda541023--87
1930/31Segunda42001016--1418
1931/32Segunda14463105--3012
1932/33Segunda8553107--2315
1933/34Segunda1591096--2515
1934/35-----31--31
Atlético de Madrid1934/35Primeira21671----281
1935/36Primeira1892144--2414
Total club39159244--5221
Deportivo da Coruña1936/37-----1010--1010
1937/38-----51--51
1938/39-----40--40
1939/40Segunda1641175112511
1940/41Segunda221110--112412
1941/42Primeira11420----134
1942/43Primeira9262----154
1943/44Primeira8200--0082
1945/46Segunda4100--0041
Xuvenil1945/46Serie A00----10111011
Deportivo da Coruña1945/46Segunda4100--0041
Total club11648239705422211113
Xuvenil1946/47Terceira109------109
Total club109----10112020
Total carreira16572321174581213283154

Palmarés

Xogador

Deportivo da Coruña
Deportivo Xuvenil

Adestrador

Fabril

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas