Salto de esquí

deporte de inverno

O salto de esquí é un deporte olímpico de inverno creado en Noruega a principios do século XIX. Espallouse por Europa e América do Norte a principios do século XX principalmente por medio de Sondre Norheim, considerado o pioneiro do esquí moderno.[1][2]

Saltador de esquí durante o voo.

As pistas de salto están clasificadas segundo a distancia que os esquiadores percorren no aire, e ten especificacións sobre a área de saída, a curvatura e a zona de salto. Cada salto é avaliado de acordo coa distancia e o estilo de execución. A puntuación da distancia está en relación ao K-point, liña trazada na área de aterraxe, algúns metros antes do final do outeiro, e que serve como referencia para os saltos. A puntuación de cada xuíz que avalía o estilo pode acadar un máximo de 20 puntos, sendo descontados puntos en caso de erros, imprecisións ou imperfeccións no salto, no voo ou na aterraxe.[3]

A técnica dos saltos evolucionou co transcurso dos anos, pasando de saltos cos esquís paralelos, o corpo curvado cara a adiante ata os cadrís e os brazos estendidos cara a fronte (técnica Kongsberger, a primeira largamente utilizada), ata os saltos cos esquís en forma de V, o corpo enteiramente curvado cara a adiante e os brazos estendidos cara a atrás, xunto ao cóccix (estilo V, a técnica empregada maioritaramente dende comezos da década de 1990).[4]

Deporte maioritariamente masculino durante varias décadas, o salto de esquí comezou a ter gran participación feminina na década de 1990, mais a primeira competición oficial recoñecida pola Federación Internacional de Esquí non tivo lugar ata 1998 en Suíza. Os eventos femininos foron incluídos no Campionato do Mundo de Esquí Nórdico de 2009 e na Copa do Mundo en 2011. Logo dun intento frustrado de incluílo nos Xogos Olímpicos de Inverno de 2010, as mulleres participaron por primeira vez nos Xogos Olímpicos de Inverno de 2014 celebrados en Sochi (Rusia).[5]

Ademais dos Xogos Olímpicos de Inverno, o Campionato do Mundo e a Copa do Mundo, as principais competicións de salto de esquí son o Torneo dos Catro Trampolíns, o Holmenkollen Ski Festival e o Campionato do Mundo de Voo de Esquí. O récord de distancia, rexistrousenun salto do saltador esloveno Peter Prevc, que saltou 250,0 m en 2015, superando o récrod de 246,5 m do noruegués Johan Remen Evensen, que databa de 2011.[6]

Historia

Primeira edición do Holmenkollen Ski Festival, en 1892.

Así como a maioría das modalidades de esquí nórdico, o salto de esquí naceu en Noruega no século XIX. Aínda que hai rexistros de saltos dende finais do século XVIII, Ole Rye é considerado o primeiro saltador da historia, ao acadar unha distancia de 9,5 m en 1808. Atribuíuse ao noruegués Sondre Norheim o título de "pai" do deporte moderno ao vencer na primeira competición con premios nun evento que tivo lugar en 1866 na cidade norueguesa de Høydalsmo. As primeiras competicións tiveran lugar algúns anos antes, tamén en Noruega.[1][2][7] O primeiro concurso do que se ten constancia celebrouse en Trysil (Noruega) o 22 de xaneiro de 1862; nesta primeira competición os xuíces xa outorgaron puntos por estilo ("elegancia e suavidade"), e nela os participantes tiveron que realizar tres saltos sen caer e as regras foron acordadas de antemán.[8]

A primeira gran competición de salto de esquí tivo lugar en 1875 no outeiro de Husebybakken. En 1890 a causa das malas condicións da neve e á falta de estruturas para acomodar o público crecente, o evento tivo que ser posposto, e finalmente foi trasladado en 1892 ó outeiro de Holmenkollbakken, converténdose co paso dos anos nun dos principais campionatos do mundo, manténdose ata hoxe.[1]

A finais do século XIX, Sondie Nordheim e o tamén esquiador Karl Hovelsen emigraron aos Estados Unidos e comezaron a desenvolver o esquí neste país. Ao mesmo tempo, comezaron a aparecer os primeiros clubs de esquí en Alemaña. En 1924, o salto formou parte do programa da primeira edición dos Xogos de Inverno, en Chamonix (Francia), e foi disputado en todas as edicións posteriores.[1]

Carina Vogt, primeira campioa olímpica en categoría feminina.

En 1929, adestradores noruegueses chegaron a Sapporo para adestrar a saltadores xaponeses.[8]

En 1935 foi fundada en Planica (Eslovenia) a primeira pista de ski flying (voo de esquí), como son chamadas as pistas que permiten voos máis longos. Nesta pista foi realizado o primeiro salto de máis de cen metros de distancia (polo austríaco Josef Bradl en 1936) e o primeiro de máis de douscentos metros de distancia (polo finlandés Toni Nieminen en 1994).[1][9]

O primeiro Campionato do Mundo de Esquí Nórdico no que se realizaron probas en dúas pistas, normal e longa, foi o de 1962 en Zakopane (Polonia). Na tempada 1990-91 as competicións foron divididas en cualificadora e final, o que permitiu o aumento no número de participantes nos eventos.[1]

Aínda que o salto de esquí está dentro do programa dos Xogos Olímpicos de Inverno dende 1924, a pista normal non foi incluída ata os IX Xogos Olímpicos de Inverno, celebrados na localidade austríaca de Innsbruck en 1964. Posteriormente, en 1988 incluíuse a proba por equipos como terceira proba da modalidade.[2] Porén, non foi ata os XXII Xogos Olímpicos de Inverno, celebrados na cidade rusa de Sochi en 2014, cando se introduciu a competición feminina no programa olímpico; na final, celebrada o 11 de febreiro de 2014, a alemá Carina Vogt proclamouse a primeira campioa olímpica de salto de esquí en categoría feminina.[5]

Regras

Pista

Modelo dunha pista de salto de esquí. A-B = área de saída; t = zona de salto; HS = distancia total da rampla; P-L = área de aterraxe; K = K-point.
Pistas do Parque Olímpico de Whistler, que acolleu o salto de esquí nos Xogos Olímpicos de Inverno de 2010.

As pistas de salto de esquí están compostas pola rampla (construída) e polo outeiro (construído ou natural), e están clasificadas de acordo coa distancia que os esquiadores percorren no aire, entre a saída da rampla e a aterraxe. Cada pista posúe un K-point, unha especie de "obxectivo" que os saltadores deben acadar e que é un pouco máis curto que o fin do outeiro. As medidas de cada clase de pista son as seguintes:[3]

Tipo de pistaDistanciaK-point
Pista curtaata 49 mata 44 m
Pista media50 m a 84 m45 m a 74 m
Pista normal85 m a 109 m75 m a 99 m
Pista longamáis de 110 mmáis de 100 m
Voo de esquímáis de 185 mmáis de 170 m

A estrutura da pista está composta por un plano inclinado que comprende os posibles puntos desde onde os saltadores toman impulso (a escolla do lugar exacto do inicio é realizada polos árbitros antes do inicio da competición), unha curva cuxo ángulo diminúe a medida que o punto final se aproxima, e a zona de salto, outro plano inclinado. O outeiro comeza debaixo da zona de salto e esténdese ata a área de aterraxe, na que está situado o K-point.[3]

A área de saída debe ter os lugares de partida separados por unha distancia de 40 cm e estar deseñada de xeito que propicie a máxima velocidade posible de engalaxe. A área de aterraxe debe estar cuberta de neve, non pode ter ningún obstáculo e os laterais deben estar protexidos por gardacarrís. Os lugares de competición tamén deben ter unha torre na cal os cinco xuíces se sitúen en cabinas individuais, para avaliar os saltos sen a interferencia dos outros xuíces, e unha plataforma para os adestradores.[3]

Arbitraxe

A coordinación das competicións de salto de esquí é realizada polo Comité de Competición, composto polo Xefe de Competición (que xestiona o evento), o Secretario (responsable de entregar aos xuíces a documentación do evento, como listas de partida e resultados, e de atender as protestas dos competidores), o Xefe de Pista (que prepara a pista sobre a cal os esquiadores saltan), o Medidor Oficial (responsable de situar os marcadores de distancia na pista e medir a súa medida total), o Xefe de Cálculos (que contabiliza a puntuación de cada salto), o Xefe de Seguridade (que controla a entrada e saída de persoas na área de competición), o Xefe de Instalacións Técnicas (responsable do funcionamento dos equipamentos de medición electrónica de distancia, de arrefriamento da pista, de comunicación etc), o Xefe de Equipamentos (que distribúe os equipamentos para os demais membros do comité) e o Xefe de Primeiros Auxilios (que coordina a atención e o rescate de calquera persoa que o precise, incluídos os espectadores).[3]

Competición

Fase de voo.

Durante o descenso, o saltador non pode empregar bastóns ou calquera tipo de asistencia, mesmo externas (como un empurrón na saída). O salto só é autorizado cando toda a área de competición (pista, outeiro e área de aterraxe) están libres. Un semáforo (de dúas ou tres fases) e un reloxo próximos á barra de saída indican a actitude a ser tomada polo saltador. Os eventos máis importantes, como os Xogos Olímpicos de Inverno e os Campionatos do Mundo, posúen semáforos de tres fases; na fase vermella o sinal está acompañado dun reloxo de conta regresiva e durante todo este tempo o atleta deberá ficar no lateral da pista; na fase amarela o cronómetro segue en conta progresiva e o atleta terá de 10 a 45 segundos (segundo decidan os xuíces) para colocarse na barra; e na fase verde, que dura dez segundos, o saltador deberá obrigatoriamente saír da barra nese tempo.[3]

Cada salto é puntuado de acordo coa distancia percorrida e o estilo executado. Na avaliación do estilo, os xuíces deben ter en conta todos os movementos do saltador, desde a engalaxe ata a aterraxe, considerando os aspectos de precisión, perfección, estabilidade e impresión xeral. Son avaliadas a utilización da eficiencia aerodinámica do corpo e do esquí, a postura dos brazos, pernas e esquís durante o voo, a sucesión de movementos durante a aterraxe e a posición durante a desaceleración. Cada nota pode chegar a un máximo de vinte puntos.[3]

Preparación para a aterraxe na posición Telemark.

As tres fases do salto (voo, aterraxe e desaceleración) son avaliadas do seguinte xeito: na fase de voo, os saltadores deben facer un movemento agresivo de engalaxe, asumir a posición ideal de voo de forma rápida e suave e iniciar a preparación para a aterraxe no momento axeitado. A dedución máxima de puntos para esta parte é de cinco. Na aterraxe, o saltador debe verticalizar o corpo, posicionar os brazos cara a adiante ou arriba, deixar os esquís paralelos, posicionar unha perna fronte a outra e dobrar os xeonllos, de xeito que consiga unha aterraxe suave e equilibrada. A perna de detrás debe estar aínda máis flexionada que a de diante (esta posición é chamada de Telemark, e o saltador que non a execute pode perder dous puntos do total de cinco que se poden dar nesta parte). Na desaceleración, o saltador debe manter a posición Telemark durante 10 ou 15 metros e enseguida retornar á postura vertical, de xeito suave e relaxado cos esquís paralelos (nesta parte poden outorgarse un máximo de sete puntos).[3]

Pista de Predazzo (Italia), na que é posible percibir a área de aterraxe, o K-point e a liña que marca o fin da pista.

Cada un dos cinco xuíces dá a súa nota, sendo rexeitadas a maior e a menor e sumadas as tres restantes, xerando a nota final de estilo.[3]

A distancia do salto é calculada a partir do punto final da engalaxe ata o punto no que o primeiro pé do saltador toca o chan. Se o atleta cae na aterraxe, o punto considerado é aquel no que calquera parte do seu corpo toca o chan. Ao longo da pista deben estar situados fiscais responsables de indicar a distancia do salto. Aquel en cuxo campo visual ocorra a aterraxe deberá marcar a distancia cunha precisión de medio metro, colocando a súa man próxima á marca no lateral da pista que indique a distancia. Os medios metros son sinalados cun brazo erguido. Os equipamentos electrónicos para a medición da distancia están permitidos, mais a presenza de fiscais sempre é obrigatoria.[3]

A puntuación da distancia é atribuída en relación ao K-point. Os saltadores que conseguen exactamente esa marca reciben 60 puntos. Para cada metro máis ou menos, é sumada ou restada, respectivamente, unha cantidade de puntos determinada previamente e que varía de acordo coa posición do K-point. Por exemplo, en pistas con K-point de 80 m a 99 m, cada metro equivale a dous puntos, isto é, un esquiador que salte 103 m nunha pista con K-point de 90 m recibe 86 puntos (103 - 90 = 13 x 2 = 26 + 60 = 86). Na mesma pista, un esquiador que salte 85,5 m recibe 51 puntos (85,5 - 90 = - 4,5 x 2 = - 9 + 60 = 51).[3]

A puntuación final do salto é a suma das puntuacións do estilo e da distancia. Se esa suma resulta un número negativo (un salto extremadamente curto, por exemplo), será atribuída a puntuación cero ao saltador. Se dous ou máis atletas terminasen a competición coa mesma puntuación, declárase un empate e os atletas clasifícanse na mesma posición.[3]

Técnica

Técnica Kongsberger, a primeira largamente utilizada.

Ata a década de 1920, o salto de esquí non tiña un estilo determinado. Os primeiros saltadores que desenvolveron unha técnica para mellorar os saltos foron Jacob Tullin Thams e Sigmund Ruud. A técnica Kongsberger, que recibiu ese nome porque foi creada na cidade norueguesa de Kongsberg, consistía en curvar a parte superior do tronco ata a altura do cadril e manter os brazos estendidos e os esquís paralelos. A distancia media dos saltos feitos nesa posición subiu de 45 m a máis de 100 m.[4]

Na década de 1950, o suízo Andreas Daescher e o alemán Erich Windisch modificaron a técnica Kongsberger e colocaron os brazos para atrás, acompañando a extensión do tronco. Bautizada cos sobrenomes dos dous atletas, a técnica serviu de modelo para o deporte ata a década de 1970, cando o alemán Jochen Danneberg introduciu unha nova forma de descender a pista ata a engalaxe. En lugar de manter os brazos estendidos por diante do corpo, Danneberg colocou os brazos para atrás, aumentando así a súa eficiencia aerodinámica.[4]

O suízo Simon Ammann executando un salto no Estilo V.

A última gran revolución no salto de esquí foi feita polo sueco Jan Boklov, que creou en 1985 o Estilo V, no cal os esquís, durante o voo, non fican paralelos, senón formando un ángulo, como na letra V. A técnica xurdiu por accidente, cando Boklov errou a engalaxe e, mesmo así, fixo o mellor salto da súa vida. Repetiu o "erro" e conseguiu o mesmo bo resultado. Daquela o sueco mellorou a nova técnica ata gañar a Copa do Mundo de 1989. Inicialmente ridiculizado, o Estilo V mostrouse máis efectivo, aumentando a distancia media dos saltos en cerca dun 10%. Mesmo así, saltadores máis experimentados resistíronse a empregalo, o que abriu espazo nas competicións para novos saltadores audaces. Un deles, o finlandés Toni Nieminen, conquistou aos 16 anos de idade o ouro na pista longa individual e por equipos e o bronce na pista normal dos Xogos Olímpicos de Inverno de 1992, cando a técnica aínda comezaba a popularizarse e o seu dominio representaba unha enorme vantaxe (de feito, todos os gañadores de medallas desa edición usaron o Estilo V). Mesmo castigada polos xuíces nos primeiros anos de uso, a distancia maior compensaba a perda de puntos e a técnica pasou a ser a máis empregada.[2][4][10][11]

O aumento da importancia da aerodinámica na práctica do atleta fixo que moitos saltadores forzasen a perda de peso corporal para aumentar a distancia dos seus saltos. Algúns chegaron a desenvolver casos de anorexia e bulimia. Para evitalo, a Federación Internacional estabeleceu en 2004 unha relación entre peso e altura do atleta e tamaño dos esquís, co fin de compensar a ganancia de aerodinámica causada por un factor como a perda de peso provocada artificialmente.[12]

Equipamento

Gregor Schlierenzauer executando un salto. Na foto pódese observar todo o equipamento utilizado polos saltadores.

Os esquís empregados no salto son fabricados especialmente para este deporte e non poden superar o 145% da altura do atleta. Porén, o saltador debe ter un índice de masa corporal mínimo de 21 para empregar esquís de lonxitude máxima, unha medida para compensar ganancias de eficiencia aerodinámica conseguidas por atletas moi delgados. O ancho dos esquís varía entre 9,5 e 10,5 centímetros, e o peso do esquí en quilogramos debe ter un valor igual á lonxitude en metros.[13][14]

As botas están fabricadas con materiais flexibles, o que permite ao saltador inclinarse cara a adiante durante o salto. As fixacións das botas nos esquís deben ser paralelas e estar situadas de xeito que como máximo o 57% da lonxitude do esquí estea por diante dos pés. Na rexión do calcañar hai unha corda que mantén a bota unida ao esquí ao mesmo tempo que permite o movemento desa parte do pé.[13]

Mentres que algunhas modalidades de esquí permiten o uso de máis dun material na fabricación do traxe (un tecido máis reforzado en determinadas partes da roupa, por exemplo), no salto de esquí o traxe debe estar fabricado completamente do mesmo material, xeralmente microfibra, que debe ser elástico e aerodinámico, permitindo que pase o aire e que o saltador camiñe normalmente, non podendo ser moi apertado. Os saltadores tamén empregan cascos, anteollos de protección e luvas. Porén, o uso de bastóns está prohibido.[14][15][16]

Participación feminina

Eva Ganster en 2005, primeira saltadora de esquí en entrar no Libro dos Récords.

O salto de esquí foi durante moito tempo unha disciplina maioritariamente masculina, con poucas mulleres destacadas e sen ningunha competición feminina ata finais do século XX. A primeira muller en destacar na modalidade foi a duquesa-condesa Paula Lambert, que estabeleceu en 1911 un récord persoal de 22 metros. Esa marca, tamén récord mundial, foi superada en 1926 pola norueguesa Olga Balsted-Eggen, que saltou 26 m. A súa compatriota Johanna Kolstad conseguiu o récord mundial ao ano seguinte e estabeleceu diversas marcas ata acadar 71,5 m en 1937.[17]

Durante varias décadas non volveu sobresaír nesta modalidade ningunha muller, ata que en 1976 Anita Wold comezou a participar no Torneo dos Catro Trampolíns e estabeleceu o récord feminino en Sapporo, con 97,5 m. A primeira muller que superou os cen metros foi a finlandesa Tiina Lehtola, que alcanzou 110 m en 1981.[17]

A principios da década de 1990, algunhas mulleres comezaron a ser incluídas na clasificación da Federación Internacional de Esquí, mais a falta de saltadoras aínda era un problema para a realización de competicións femininas. A alemá Eva Ganster foi a primeira muller que saltou en pistas de voo de esquí e entrou no Libro dos Récords en 1997 tras saltar 167 m na pista de Kulm (Austria). Na mesma pista, a austríaca Daniela Iraschko estabeleceu un novo récord en 2003 ao saltar 200 m, a maior distancia saltada por unha muller ata hoxe.[17][18]

Sarah Hendrickson en 2010, primeira campioa da Copa do Mundo feminina.

A primeira competición feminina recoñecida pola Federación Internacional tivo lugar en 1998 durante o Campionato do Mundo Júnior de Sankt Moritz (Suíza). Posteriormente realizáronse outros eventos, e a partir de 2004 as mulleres pasaron a disputar a Copa Continental, realizada en varias etapas en países europeos. O salto de esquí feminino foi engadido ao programa da Universiada de Inverno de 2005 en Innsbruck (Austria), e pasou a formar parte do Campionato Mundial de Esquí Nórdico en 2009, na edición de Liberec (República Checa). Durante o verán de 2007 realizouse unha versión feminina do Torneo dos Catro Trampolíns, e en 2011 creouse a Copa do Mundo feminina, con periodicidade anual e disputada en varias etapas, tendo como primeira campioa a estadounidense Sarah Hendrickson. Para integrar cada vez a máis mulleres no universo do salto de esquí, introduciuse unha competición mixta no programa do Grand Prix de Verán en 2012.[17]

Houbo un intento de incluír a competición feminina de salto de esquí no programa dos Xogos Olímpicos de Inverno de 2010 celebrados en Vancouver (Canadá), mais a petición foi rexeitada polo Comité Olímpico Internacional pola falta de competidoras de alto nivel. Nin sequera a batalla xudicial librada na Corte Suprema do Canadá, na que o equipo feminino dos Estados Unidos acusaba ao COI de violar a Carta Canadense de Dereitos e Liberdades ao negar ás mulleres o dereito de participar na competición, fixo ao Comité cambiar de idea. A competición só foi incluída no programa olímpico en 2011, sendo disputada por primeira vez na edición de 2014, en Sochi (Rusia).[19][20] Finalmente, o 11 de febreiro de 2014 tivo lugar a primeira final de salto de esquí en categoría feminina nuns Xogos Olímpicos, que rematou coa vitoria da alemá Carina Vogt, que foi acompañada no podio pola austríaca Daniela Iraschko-Stolz (prata) e a francesa Coline Mattel (bronce).[5]

Principais competicións

Nova pista de Holmenkollen, construída para o Campionato do Mundo de 2011.
  • Xogos Olímpicos de Inverno: o salto de esquí está presente desde a primeira edición dos Xogos Olímpicos de Inverno. Se ben ata os Xogos Olímpicos de Inverno de 1964, celebrados na cidade austríaca de Innsbruck, foi disputado nunha pista, nesa edición engadiuse a pista longa ao programa. Nas primeiras edicións o tamaño da pista non estaba estandarizado, variando entre os 61 m (1932) e os 80 m (en 1936 e 1960). En 1964, coa inclusión da pista longa, os tamaños definíronse entre os 70 m e os 90 m, cambiando algunhas veces ao longo do tempo ata as medidas actuais de 95 m e 125 m, acompañando a evolución do deporte. A proba por equipos dispútase na pista longa e foi incluída en 1988, mentres que a feminina tivo lugar por primeira vez en 2014 en pista normal. A competición está dominada polos países escandinavos como Noruega e Finlandia, e alpinos, como Austria. Estes tres países conquistaron 74 das 123 medallas olímpicas disputadas entre 1924 e 2010.[21][22][23]
  • Campionato do Mundo: comezou a ser disputado en 1925, e consiste en eventos de salto de esquí, esquí de fondo e combinada nórdica. A partir de 1982 pasou a contar con probas por equipos e en 2009 estreou a competición feminina. A edición de 2013, en Val di Fiemme (Italia), incluíu un evento de equipos mixtos.[24][25]
  • Copa do Mundo: realizada desde a tempada 1979-80 ten lugar cada ano en varias etapas. Disputada maioritariamente en países europeos, tivo probas disputadas no Canadá, nos Estados Unidos e no Xapón, sendo este o único país asiático que acolle etapas. Na tempada 2011-12 comezou a disputarse a categoría feminina, con algunhas etapas exclusivamente femininas e outras compartidas polos dous sexos.[26][27][28]
Copa entregada ao vencedor do Torneo dos Catro Trampolíns.
  • Torneo dos Catro Trampolíns: comezou a disputarse na Noitevella de 1953 na pista de Garmisch-Partenkirchen (Alemaña), e tamén ten etapas en Oberstdorf, no mesmo país, e en Innsbruck e Bischofshofen (ambas en Austria). Rapidamente se converteu nun evento de gran popularidade, atraendo ata hoxe un gran número de espectadores e de renomeados saltadores. O alemán Sven Hannawald foi o único en vencer os catro eventos na mesma tempada, en 2001-02. Este torneo forma parte da Copa do Mundo.[29]
  • Holmenkollen Ski Festival: é a competición de salto de esquí máis antiga do mundo, disputada dende 1892 en Noruega. Nos últimos anos formou parte da Copa do Mundo, mais acolleu o Campionato do Mundo catro veces (a última en 2011) e os Xogos Olímpicos de Inverno de 1952. Localizada dentro dun complexo de deportes de inverno, a pista, que foi reconstruída e modernizada dezaoito veces, tamén acolle competicións da combinada nórdica.[30][31][32]
  • Campionato Mundial de Voo de Esquí: realizado cada dous anos en pistas con K-point superior a 170 metros. A primeira edición tivo lugar en 1972 na pista de Planica (Eslovenia), a primeira pista de voo de esquí do mundo. Entre 1973 e 1985 organizouse nos anos impares, pasando a ser disputada nos anos pares en 1986.[33]
  • Grand Prix de Verán: comezou a ser disputado en 1994 e realízase en pistas de plástico con ramplas cubertas de herba. Realízase en varias etapas, normalmente entre os meses de xullo e setembro.[34]

Récords

Peter Prevc, autor do salto máis longo da historia.

Desde o salto de Ole Rye en 1808 rexistráronse 97 récords mundiais nesta modalidade. O primeiro saltador non noruegués en bater o récord foi o estadounidense Henry Hall, que saltou 61,9 m en 1917. Desde a creación das pistas de voo de esquí en 1934, todos os récords se rexistraron neste tipo de pista. A pesar de que a maioría dos récords dende aquela foron rexistrados na pista eslovena de Planica, o salto máis longo da historia foi rexistrado en Vikersund (Noruega), polo saltador esloveno Peter Prevc, que saltou 250,0 m en 2015, superando o récrod de 246,5 m do noruegués Johan Remen Evensen, que databa de 2011.[6][35] A continuación algúns dos récords na historia do salto de esquí nas distintas competicións:

CategoríaSaltadorRécord
Xogos Olímpicos (1924–2010)
Vitorias individuais Simon Ammann4
Medallas totais (Individual + Equipo) Matti Nykänen5
Vitorias por equipo Finlandia
Alemaña
Austria
2
Medallas de equipo Austria5
Campión individual máis novo (Albertville'92) Toni Nieminen16 a, 261 d
Campión individual máis vello (Lillehammer'94) Jens Weißflog29 a, 214 d
Máis presenzas nos Xogos Olímpicos Noriaki Kasai6
Campionato do Mundo de Esquí Nórdico (1925–2011)
Máis vitorias individuais Adam Małysz4
Máis medallas individuais Adam Małysz6
Medallas totais (Individual + Equipo) Janne Ahonen
Martin Schmitt
10
Equipo con máis vitorias Austria9
Máis medallas de equipo Austria15
Campión individual máis novo (Thunder Bay'95) Tommy Ingebrigtsen17 a, 222 d
Campión individual máis vello (Liberec'09) Andreas Küttel29 a, 308 d
Máis presenzas no Campionato Noriaki Kasai11
Campionato do Mundo de Voo de Esquí (1972–2010)
Máis vitorias individuais Walter Steiner
Sven Hannawald
Roar Ljøkelsøy
2
Máis medallas individuais Matti Nykänen5
Medallas totais (Individual + Equipo) Janne Ahonen7
Máis vitorias de equipo Australia3
Máis medallas por equipo Noruega
Finlandia
Austria
4
Campión individual máis novo (Oberstdorf'08) Gregor Schlierenzauer18 a, 47 d
Campión individual máis vello (Vikersund'12) Robert Kranjec30 a, 224 d
Máis presenzas no Campionato Janne Ahonen9
Torneo dos Catro Trampolíns (1952–2011)
Máis vitorias totais Janne Ahonen5
Máis vitorias individuais Jens Weißflog10
Campión individual máis novo (Oberstdorf'91) Toni Nieminen16 a, 212 d
Campión individual máis vello (Bischofshofen'96) Jens Weißflog31 a, 169 d
Campión máis novo Toni Nieminen16 a, 220 d
Campión máis vello Jens Weißflog31 a, 169 d
Copa do Mundo (1979–2013)
Máis vitorias totais Matti Nykänen
Adam Małysz
4
Máis vitorias individuais Gregor Schlierenzauer52
Máis podios individuais Janne Ahonen108
Máis Top 10 individuais Janne Ahonen247
Máis vitorias por equipo Austria27
Máis medallas por equipo Austria56
Máis saltos individuais Noriaki Kasai443
Máis saltos por equipos Noriaki Kasai47
Máis saltos (Individual + Equipos) Noriaki Kasai490
Máis tempadas Noriaki Kasai24
Máis vitorias individuais de voo de esquí Gregor Schlierenzauer14
Campión individual máis novo (Lahti'80) Steve Collins15 a, 362 d
Campión individual máis vello (Kulm'14) Noriaki Kasai41 a, 219 d
Campión máis novo (1991–92) Toni Nieminen16 a, 303 d
Campión máis vello (2011–12) Anders Bardal29 a, 207 d
Saltador individual máis vello da Copa do Mundo Takanobu Okabe43 a, 91 d
Podio individual máis vello da Copa do Mundo Noriaki Kasai41 a, 233 d
Saltador individual máis vello no Top 10 Noriaki Kasai41 a, 241 d
Máis vitorias individuais nunha tempada Gregor Schlierenzauer13
Máis puntos nunha tempada (individual) Gregor Schlierenzauer2083
Máis veces gañador de puntos (individual) Noriaki Kasai344x
Outros récords (de todos os tempos)
1º salto por riba dos 100m – caída (Ponte di Legno, Italia, 1935) Olav Ulland103.5 m
1º salto oficial por riba dos 100m (Planica, Eslovenia, 1936) Sepp Bradl101.5 m
1º salto por riba dos 200m – caída (Planica, Eslovenia, 1994) Andreas Goldberger202.0 m
1º salto oficial por riba dos 200m (Planica, Eslovenia, 1994) Toni Nieminen203.0 m
Máis saltos por riba dos 200m Robert Kranjec156
Récord mundial (Vikersund'11) Peter Prevc250.0 m
Récord mundial con casco con cámara (Planica'13) Jurij Tepeš223.5 m
Récord mundial con máis de 30 anos (Vikersund'12) Robert Kranjec244.0 m
Récord mundial con máis de 35 anos (Planica'10) Noriaki Kasai224.0 m
Récord mundial con máis de 40 anos (Planica'13) Noriaki Kasai221.5 m
Récord mundial Júnior (Planica'08) Gregor Schlierenzauer232.5 m
1º evento individual da Copa do MundoCortina d'Ampezzo, Italia1979
1º evento por equipos da Copa do MundoPredazzo, Italia1992
1º evento mixto por equiposMostec, Ljubljana, Eslovenia2012
1º evento por equipos mixtos da Copa do MundoLillehammer, Noruega2012

Récords nacionais

Esquiadores de dezaoito países foron quen de realizar saltos de máis de 200 m de distancia. Os únicos países do hemisferio sur que contan con récords nacionais son Australia (53 m), que xa tiña pistas construídas na década de 1950, e Uganda (50 m), grazas a Dunstan Odeke, que comezou a practicar este deporte en Noruega, país no que realizou os seus estudos universitarios na década de 1990.[6][36] A continuación amósanse os récords nacionais actuais:


ClasificaciónPaísSaltadorLonxitudeSedeAnoFonte
1. EsloveniaPeter Prevc250,0 mVikersund2015[35]
2. NoruegaJohan Remen Evensen246,5 mVikersund2011[6]
3. AustriaGregor Schlierenzauer243,5 mVikersund2011[6]
4. FinlandiaJanne Happonen240,0 mVikersund2011[6]
XapónDaiki ItoVikersund2012[6]
6. SuízaSimon Ammann238,5 mVikersund2011[6]
7. República ChecaAntonín Hájek236,0 mPlanica2010[6]
8. PoloniaPiotr Żyła232,5 mVikersund2012[6]
Kamil StochVikersund2013[6]
9. RusiaDenis Kornilov232,0 mVikersund2012[6]
10. AlemañaMichael Neumayer231,0 mVikersund2013[6]
11. FranciaVincent Descombes Sevoie225,0 mVikersund2012[6]
12. Estados UnidosAlan Alborn221,5 mPlanica2002[6]
13. ItaliaAndrea Morassi216,5 mPlanica2012[6]
14. BulgariaVladimir Zografski213,5 mPlanica2013[6]
15. SueciaIsak Grimholm207,5 mPlanica2007[6]
Corea do SurChoi Heung-ChulPlanica2008[6]
17. CanadáMackenzie Boyd-Clowes205,0 mHarrachov2013[6]
18. EstoniaKaarel Nurmsalu204,0 mVikersund2012[6]
19. BelarúsPetr Chaadaev197,5 mKulm2006[6]
20. CasaquistánRadik Zhaparov196,5 mPlanica2007[6]
21. EslovaquiaMartin Mesik195,5 mKulm2006[6]
22. UcraínaVitaliy Shumbarets189,5 mPlanica2009[6]
23. GreciaNico Polychronidis186,0 mOberstdorf2013[6]
24. Países BaixosChristoph Kreuzer162,0 mPlanica2002[6]
25. TurquíaFaik Yüksel150,0 mOberstdorf2000's[37]
26. XeorxiaKoba Tsakadze142,0 mVikersund1967[38]
27. EspañaBernat Sola141,0 mTauplitz1986[6]
28. HungríaGábor Gellér139,0 m?1980's[6]
29. DinamarcaAndreas Bjelke Nygaard137,0 mLillehammer2000's[6]
30. RomaníaRemus Tudor125,0 mKlingenthal2012[6]
31. KirguizistánDmitry Chvykov124,0 mInnsbruck2002[39]
32. ChinaTian Zhandong121,5 mBischofshofen2004[40]
33. Reino UnidoGlynn Pedersen113,5 mSalt Lake City2001[41]
34. CroaciaJosip Šporer102,0 mPlanica1940's[6]
LetoniaKristaps NežbortsLiberec2012[42]
36. LituaniaZbigniew Kiwert86,0 mNizhny Novgorod1960[43]
37. IslandiaSkarphéðinn Guðmundsson80,0 mSquaw Valley1960[44]
38. Macedonia do NorteGoga Popov62,0 mPlanica1952[45]
39. AustraliaHal Nerdal53,0 mSquaw Valley1960[6]
Chris HellerudFalun1974[46]
40. UgandaDunstan Odeke50,0 mOslo1990's[46]
41. MontenegroBožo Čvorović46,0 mŽabljak1960's[47]
42. SerbiaVid Černe40,0 mJahorina1949[48]
43. Bosnia e HercegovinaDžemo Zahirović36,0 mJahorina1949[49]
44. BélxicaRembert Notten35,0 mRückershausen2012[50][51][52]
IrlandaRichard BrownGotemburgo2002[6]
46. GroenlandiaHans Holm23,3 mNuuk1949[53]
47. Nova ZelandiaBrian MacMillan18,6 mMount Cook1937[54]

Pistas no mundo

Existen 115 pistas homologadas pola Federación Internacional de Esquí, sendo cinco delas de voo de esquí. A maior parte destas pistas están en Europa, e todas están en cidades do hemisferio norte. A pista máis setentrional é a de Vadsø (Noruega), localizada a unha latitude de 70ºN. O país con máis pistas homologadas é Alemaña, con 26.[55][56]

No pasado, foron construídas pistas en diversos países e territorios do hemisferio sur, sendo a máis meridional a de Grytviken, en Xeorxia do Sur (territorio británico de ultramar). Australia e Nova Zelandia tamén contaron con pistas, todas elas están fóra de uso. O único rexistro dunha pista construída en África é o de Alxer, capital de Alxeria, cando aínda era colonia francesa, en 1906; esta pista, con K-point de 25 m, foi destruída durante a segunda guerra mundial. Entre os países de América do Sur, a única pista é a de Bariloche (Arxentina), de 1958, e que tamén está fóra de uso.[56][57][58]

Sedes destacadas

Pistas de Garmisch-Partenkirchen, onde ten lugar unha das etapas do Torneo dos Catro Trampolíns.
Copa do Mundo

Pistas de voo de esquí

Nome[55]LugarInauguradaK-pointLonxitude totalRécord
VikersundbakkenVikersund, Noruega1936K-195HS 225246,5m
Letalnica Bratov GorišekPlanica, Eslovenia1969K-185HS 215239,0m
Heini-Klopfer-SkiflugschanzeOberstdorf, Alemaña1950K-185HS 213225,5m
KulmBad Mitterndorf, Austria1950K-185HS 200215,5m
ČerťákHarrachov, República Checa1979K-185HS 205214,5m

Saltadores destacados

Selo emitido en Finlandia en 1988 para homenaxear a Matti Nykänen e as súas conquistas nos Xogos Olímpicos de Inverno de 1988 celebrados en Calgary.

Ata 1952, todos os campións olímpicos de salto de esquí foron noruegueses. Un deles, Birger Ruud, conquistou dous ouros e unha prata entre 1932 e 1948. Como os eventos olímpicos daquela tamén eran contabilizados como Campionatos do mundo, Rudd posúe cinco títulos e dous subcampionatos mundiais, xa que tamén foi campión en 1931, 1935 e 1937 e subcampión en 1939.[59]

O saltador con máis medallas nos Xogos Olímpicos de Inverno é o finlandés Matti Nykänen, que venceu a proba de pista longa nos Xogos de Saraxevo 1984 e os tres eventos (pista normal, pista longa e equipos) en Calgary 1988, ademais de conseguir a prata en pista normal en 1984. Nykänen tamén ten unha medalla de ouro en Campionatos do Mundo en pista longa, catro na proba por equipos e cinco no Mundial de Voo de Esquí.[60][61] O suízo Simon Ammann tamén posúe catro ouros olímpicos, con vitorias nas pistas normal e longa nos xogos de Salt Lake City 2002 e Vancouver 2010.[62]

Na Copa do Mundo, o saltador con máis podios (ata o inicio da tempada 2013-14) é o finlandés Janne Ahonen, con 108, seguido do polonés Adam Malysz, con 92, e do austríaco Gregor Schlierenzauer, con 81. Schlierenzauer, porén, é o saltador con máis títulos en etapas da Copa, con 50, seguido por Matti Nykänen, con 46.[63]

En categoría feminina, os principais nomes son a estadounidense Sarah Hendrickson e a xaponesa Sara Takanashi, ambas campioas mundiais en 2013 (Hendrickson en pista normal e Takanashi na proba de equipos mixtos).[64][65] Por outra banda, a alemá Carina Vogt converteuse en Sochi 2014 na primeira campioa olímpica da modalidade.

Saltos perfectos

Os saltos de cada esquiador son puntuados e a puntuación de cada xuíz que avalía o estilo pode acadar un máximo de 20 puntos. Ao longo da historia, tan só cinco saltadores conseguiron un salto tecnicamente perfecto:

NomeDataLugarCompeticiónPosición
Anton Innauer7 de marzo de 1976[66] OberstdorfVoo de esquí (International ski flying weeks)1
Kazuyoshi Funaki25 de xaneiro de 1998 OberstdorfVoo de esquí, Campionato do Mundo, segundo salto[67]1
Kazuyoshi Funaki15 de febreiro de 1998[68] NaganoXogos Olímpicos de inverno, pista longa, segundo salto1
Kazuyoshi Funaki17 de xaneiro de 1999[69] ZakopaneCopa do Mundo, pista longa, primeiro salto2
Sven Hannawald8 de febreiro de 2003[70] WillingenCopa do Mundo, pista longa, primeiro salto1
Hideharu Miyahira8 de febreiro de 2003[70] WillingenCopa do Mundo, pista longa, segundo salto6
Wolfgang Loitzl6 de febreiro de 2009[71] BischofshofenTorneo dos Catro Trampolíns, pista longa, primeiro salto1

Sven Hannawald e Wolfgang Loitzl conseguiron catro veces un 20 (ademais doutro 19,5) para o seu segundo salto, deste xeito recibiron nove veces a nota máxima de 20 puntos nunha competición.

Accidentes

A pesar de non haber rexistros de mortes relacionadas directamente co salto de esquí, rexistráronse diversos accidentes nesta modalidade ao longo dos anos, a maior parte deles causados por erros na aterraxe. O iugoslavo Vinko Bogataj sufriu un accidente en 1970 na pista alemá de Oberstdorf: cando se preparaba para saír da barra de saída, Bogataj desequilibrouse, caeu arrolando pola pista e bateu a cabeza na zona de salto.[72] Outro accidente raro tivo lugar en 2009 na pista italiana de Val di Fiemme, ó noruegués Bjørn Einar Romøren, que obtivera o récord mundial en 2005, soltóuselle esquí dereito despois do salto, facendo que o saltador perdese o equilibrio e caese desde unha altura de aproximadamente sete metros.[73]

Nun dos accidentes máis graves dos últimos anos, acontecido en xaneiro de 2007 na pista de Zakopane (Polonia), o checo Jan Mazoch sufriu lesións cerebrais ao perder o equilibrio durante un salto e caer de cabeza na rampla, chegando a ser sometido a un coma inducido durante algúns días. Mazoch volveu competir apenas sete meses despois, mais non conseguiu bos resultados e puxo punto final á súa carreira esa tempada.[74][75] Entre as mulleres, Sarah Hendrickson rompeu o ligamento cruzado do xeonllo dereito despois dunha caída nunha competición no verán de 2013 en Oberstdorf (Alemaña).[76]

Para previr as lesións, non só no salto senón tamén nas outras modalidades de esquí, a Federación Internacional creou en 2006 o Injury Surveillance System (Sistema de Vixilancia de Lesións), un estudo composto de entrevistas con atletas e análises de competicións para determinar as principais causas de lesións e os riscos de cada modalidade. O salto foi considerado a segunda modalidade máis segura (por detrás do esquí de fondo).[77] Entre as tempadas 2006-09, a lesión máis común era a rotura do ligamento cruzado do xeonllo, que representou o 43% das lesións nese período. A maioría destas lesións, o 34%, non comportaron afastamentos da competición. Por outra banda, o 24% provocou afastamentos superiores a 28 días.[78][79]

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

  • Ashburner, Tim (2003). The History of Ski Jumping (en inglés). Quiller Press. ISBN 9781904057154. 
  • Anson, Harold "Cork" (2010). Jumping Through Time - A History of Ski Jumping in the United States and Southwest Canada (en inglés). PORT HOLE PUBN. ISBN 9780976810773. 
  • Schlosser, Tina; Minkoff, Sammy (2001). Skispringen verständlich gemacht (en alemán). Copress Sport. ISBN 9783767905467. 
  • Thiele, Dirk (2007). Skispringen Kompakt: Skispringen von A-Z (en alemán). A-Z Sport Media. ISBN 9783939978015. 
  • Wiseman, Blane (2009). Ski Jumping (en inglés). Weigl Educational Publishers Limited. ISBN 9781553889472. 

Outros artigos

  • Esquí nórdico
  • Combinada nórdica
  • Esquí acuático (salto de esquí acuático)

Ligazóns externas

🔥 Top keywords: