Tenzin Gyatso
Jetsun Jamphel Ngawang Lobsang Yeshe Tenzin Gyatso ou Tenzin Gyatso (nomes relixiosos), Lhamo Dondrub[1] (nome de nacemento), nado o 6 de xullo de 1935 na localidade tibetana de Taktser, rexión de Amdo, é o 14º e actual Dalai Lama, así como o titular máis lonxevo que ocupou o cargo ata o momento. Foi o líder político do Tíbet ata 2012. Foi recoñecido en 1937 e entronizado o 17 de novembro de 1950 en Lhasa, sendo proclamado dirixente político do Tíbet e líder espiritual do lamaísmo, ou budismo tibetano, mudando o seu nome de nacemento polo actual.
En 1959 tivo que fuxir do Tíbet cruzando a pé o Himalaia para entrar na India, acompañado doutros 80.000 tibetanos, e declarou o goberno no exilio. En 1963 publicou unha constitución baseada na Declaración Universal dos Dereitos Humanos, e creou na localidade india de Dharamsala unha "capital no exilio".
En 1989 recibiu o Premio Nobel da Paz pola súa resistencia constante ó uso da violencia na loita da súa xente para recuperar a liberdade. En marzo de 2011 anunciou a súa renuncia a tódolos cargos políticos do goberno no exilio.[2]
Traxectoria
Primeiros anos
Lhamo Döndrub (ou Thondup) naceu o 6 de xullo de 1935 nunha familia de granxeiros e vendedores de cabalos da pequena aldea de Taktser,[3] na fronteira oriental da antiga rexión de Amdo, daquela xa asimilada na provincia chinesa de Qinghai.[4][5] Foi un dos sete irmáns que sobreviviu á infancia. O maior era a súa irmá Tsering Dolma, dezaoito anos maior. Seu irmán máis vello, Thupten Jigme Norbu, foi recoñecido aos oito anos de idade como a reencarnación do Lama Taktser Rinpoche. A súa irmá, Jetsun Pema, pasou a maior parte da súa vida adulta no proxecto Tibetan Children's Villages. A primeira lingua do Dalai Lama era, nas súas propias palabras, "unha lingua Xining chapurreada que era (un dialecto da) lingua chinesa" e a súa familia non falaba a lingua tibetana.[6][7]
Un grupo de busca foi enviado a localizar a nova encarnación cando o neno se converteu no 14º Dalai Lama cando tiña dous anos de idade.[8] Dise que, entre outros presaxios, a cabeza do corpo embalsamado do 13º Dalai Lama, que primeiro miraba ao sueste, misteriosamente virouse ao nordeste -que indica a dirección na que se deberá atopar o seu sucesor. O rexente, Reting Rinpoche, pouco despois tivo unha visión no lago sagrado de Lhamo La-tso indicando a Amdo como a rexión na que buscar -especificamente unha casa de planta baixa con caleiros e baldosas. Despois dunha extensa busca, a casa de Thondup, cuxas características eran similares ás da visión de Reting, foi finalmente atopada.
Presentáronselle a Thondup varias reliquias, incluíndo xoguetes, algúns deles pertenceran ao 13º Dalai Lama e outros non. Informouse de que identificara correctamente todos os obxectos do anterior Dalai Lama exclamando: "Isto é meu! Isto é meu!"[9]
O xeneral chinés musulmán Ma Bufang non quería que o 14º Dalai Lama sucedese o seu predecesor. Ma Bufang mandou os seus homes para poñer o Dalai Lama baixo arresto domiciliario, dicindo que era necesario para a súa "protección", negándose a permitir a súa marcha ao Tíbet.[10] Ma Bufang fixo todo o posible para atrasar a marcha do Dalai Lama de Qinghai ao Tíbet, demandando grandes sumas de cartos en prata.[11] O pago exixido por parte de Ma Bufang ascendía a 100.000 dólares chineses de prata.[12]
Lhamo Thondup foi recoñecido como o Dalai Lama reencarnado e renomeado Jetsun Jamphel Ngawang Lobsang Yeshe Tenzin Gyatso (Santo Señor, Gloria Benévola, Compasivo, Defensor da Fe, Océano de Sabedoría) aínda que a súa entronización non se realizou formalmente ata que tiña 15 anos de idade; no seu lugar, o rexente exerceu como xefe do Kashag ata ese momento. Os budistas tibetanos refírense normalmente a el como Yishin Norbu (O que cumpre os desexos da Xoia), Kyabgon (Salvador), ou simplemente Kundun (A Presenza). Os seus devotos, así como gran parte do mundo occidental, adoitan referirse a el como Súa Santidade o Dalai Lama, o xeito empregado no sitio web do Dalai Lama.
Comezou a súa educación monástica aos seis anos, sendo os seus principais mestres Yongdzin Ling Rinpoche e Yongdzin Trijang Rinpoche. Aos 11 anos de idade coñeceu o montañeiro austríaco Heinrich Harrer, quen se converteu no seu videógrafo e titor nos temas referentes ao mundo fóra de Lhasa. Os dous foron amigos ata a morte de Harrer en 2006.[13]
En 1959, aos 23 anos, realizou o seu exame final no Templo de Jokhang en Lhasa durante o Monlam ou Festival de rezo Festival. Aprobou con honores e concedéuselle o grao Lharampa, o máximo nivel de grao geshe, máis ou menos equivalente ao doutoramento en filosofía budista.[8][14]
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas
- Páxina oficial do Goberno do Tibet no Exilio Arquivado 27 de setembro de 2009 en Wayback Machine. (en inglés)