Ignacio Ribas Marqués
Ferramentas
Xeral
Imprimir/exportar
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 21 de abril de 1901 Palma, España |
Morte | 1996 (94/95 anos) Santiago de Compostela, España |
Catedrático de universidade | |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | España |
Educación | Universidade de Valencia Universidade Complutense de Madrid |
Actividade | |
Ocupación | profesor universitario , químico |
Empregador | Universidade de Valencia |
Lingua | Lingua castelá e lingua catalá |
Premios | |
Ignacio Ribas Marqués, nado en Palma de Mallorca o 12 de abril de 1901 e finado en Santiago de Compostela en 1996, foi un químico español, catedrático de Química Orgánica das universidades de Salamanca, Valencia e Santiago de Compostela, esta última desde 1942 até a súa xubilación en 1971.
É coñecido sobre todo polos seus traballos sobre as substancias naturais, especialmente polos alcaloides vexetais, dos que descubriu dous novos para a ciencia, e pola fundación da Escola Compostelá de Produtos Naturais, famosa a nivel internacional.
Ignacio Ribas estudou o bacharelato no instituto Ramón Llull de Palma, trasladándose despois á Universidade de Valencia para estudar alí ciencias químicas, na que obtivo o título de licenciado en 1921, coa cualificación de sobresaínte e premio extraordinario.[1] Iniciouse na investigación na Universidade Complutense de Madrid baixo a dirección de Antonio Madinaveitia, conseguindo o grao de doutor o ano 1928 coa tese Estudio de los ácidos succínicos bisustituídos. Completou a súa formación, grazas a unha bolsa do Laboratorio de Química Biolóxica da Junta para la Ampliación de Estudios (JAE),[1][2] no Instituto Pasteur de París, de 1925 a 1928, no Laboratorio de Química Terapéutica, baixo a dirección do profesor Ernest Fourneau,[3] co que traballa, entre outros temas, sobre a estereoquímica da amilocaína (ou estovaína), o primeiro anestésico local.[4] Con Fourneau, obtivo indirectamente os enantiómeros desta molécula desdobrando o aminoalcohol inicial polo ácido propanoico e benzoilando as dúas bases derivadas.[5][6]
Froito do seu labor no citado Instituto foron catro traballos publicados en 1926, 1927 e 1928, en colaboración con Ernest Fourneau, tres no Bulletin de la Société Chimique de France, e un nos Anales de la Sociedad Española de Física y Química: "Sur la preparation de l'amonochlorrydrine de la glycerine" (1926), "Action de l'eau et des alcools sur les oxydes d'ethylne en présence de catalyseur" (1926), "Condensation des oxydes d'éthyléne aves les alcools en présence d'acide sulfurique comme catalyseur" (1927),[1] e "Stéréoisomérie et action anesthésique locale: Séparation du diméthylaminodiméthyléthylcarbinol en ses isomères optiques et préparation des deux stovaïnes actives"[7], publicado no Bulletin des sciences pharmacologiques 30 (5): 273-278.
Moitos anos máis tarde, en 1972, participaría, representando á Universidade de Santiago, na homenaxe que a Société de Chimie Thérapeutique lle rendeu ao doutor Fourneau na Facultade de Farmacia de París.
En outubro de 1927 foi nomeado profesor auxiliar de Química Orgánica da Facultade de Ciencias da Universidade de Madrid, cargo que ocupou até decembro de 1928, en que ganou as oposicións á cátedra de Química Orgánica da Facultade de Ciencias da Universidade de Salamanca, que exerceu desde xaneiro de 1929 a febreiro de 1941. No discurso que pronunciou na inauguración do curso 1930-31 na Universidade de Salamanca, o novo catedrático Ignacio Ribas defendía que a investigación era o mellor método de ensino da química, denunciaba o estado das universidades españolas, fábricas de títulos, «pobrísimas en produción científica», e pedía que se incrementase o gasto en laboratorios e bolsas para os investigadores.[1]
No verán de 1929 estivo en Viena, traballando no laboratorio do profesor Ernest Spëthy, e nos anos 1930 e 1931 realizou viaxes visitando os laboratorios máis importantes de Europa. En 1934 foi vogal da comisión organizadora do IX Congreso Internacional de Química Pura y Aplicada que tivo lugar en Madrid. Entre 1934 e 1936 dirixiu o Laboratorio de Investigación de Química Orgánica que a Fundación Nacional para Investigaciones Científicas y Ensayos de Reformas fundou na Universidade de Salamanca. En 1936 foi vogal do Comité Científico do XVI Congreso da Société de Chimie Industrielle de París.[1]
En 1940 pasou á Universidade de Valencia. Foi vítima da represión franquista, polo cal non puido conseguir a cátedra de Química Orgánica da Universidade Complutense de Madrid cando daquela era o químico orgánico con máis méritos, e o continuador da moderna escola de química orgánica. Deste xeito, o profesor Ribas foi apartado da primeira liña da investigación e a docencia, así que tivo que ir á Universidade de Santiago de Compostela, onde conseguiu a cátedra de Química Orgánica e Bioquímica en 1942.[1][8]
Desde esa data, e até a fin dos seus días, Ribas adoptou a Galicia como a súa segunda patria, traballando na universidade compostelá até a súa xubilación en 1971, e residindo en Santiago até o seu falecemento.[9]
Pasados os primeiros tempos da ditadura puido conseguir tamén unha praza de investigador no Laboratorio de Química Orgánica do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), onde traballou até o ano 1982, no edificio situado xusto entre a nova facultade de Química e a chamada Casa dos Catedráticos, onde residía, no Campus Sur.
Ribas, que asinou non menos de cento trinta e cinco publicacións científicas, levou a cabo a maior parte das súas investigacións no campo das substancias naturais e a súa síntese. O seu traballo centrouse, entre outros temas, nos compostos químicos próximos á hormona xuvenil dos insectos, na constitución química da cortiza e o estudo dos alcaloides das leguminosas (ou fabáceas), que o levaron cara ao descubrimento da adenocarpina, (C19H24N2O), presente no adenocarpo de España (Adenocarpus hispanicus), e do seu derivado, a santiaguina (C38H48N4O2).[10]
Por outra parte, a dirección de sesenta e oito teses de doutoramento e a fundación da Escola Compostelá de Produtos Naturais, famosa a nivel internacional, que leva a cabo estudos de illamento e elucidación estrutural de alcaloides, substancias nitroxenadas que sintetizan as plantas a partir de aminoácidos e que na súa maioría posúen unha acción fisiolóxica intensa nos animais, polo que son moi utilizados en medicina para tratar problemas da mente, calmar a dor e contra o cancro (exemplos serían a cocaína, a morfina, a quinina ou a nicotina), demostran suficientemente a extensión e a calidade das súas ensinanzas.
No catálogo Iacubus da Biblioteca da Universidade de Santiago de Compostela, buscando por "Ribas Marqués, Ignacio", aparecen 216 referencias bibliográficas do traballo do autor e das teses por el dirixidas.[11]
Personalidades homenaxeadas o Día da Ciencia en Galicia | |
---|---|
|