Esta páxina serve como introdución ao proxecto Wikipedia para os visitantes. Existe tamén un artigo enciclopédico sobre o tema: Wikipedia. Se o que queres é unha introdución á edición na Wikipedia, vai á introdución.
A Galipedia nestes intres
A Galipedia execútase na versión 1.43.0-wmf.1 (8e1947e) de MediaWiki.
A Wikipedia é un proxecto de enciclopediamultilingüe e de contido libre baseado nun modelo editable abertamente. O nome "Wikipedia" vén das palabras wiki (unha tecnoloxía para crear páxinas web colaborativas, procedente do termo hawaianowiki, que significa "rápido") e enciclopedia. Os artigos da Wikipedia proporcionan ligazóns que guían o usuario cara a páxinas relacionadas con información adicional.
A Wikipedia está escrita de xeito colaborativo por moitos voluntarios anónimos que o fan de balde. Calquera con acceso á internet pode escribir e facer cambios nos artigos da Wikipedia (agás en certos casos onde a edición está restrinxida para previr vandalismos). Os usuarios poden contribuír anonimamente, baixo pseudónimo, ou coa súa identidade real, se así o queren.
Os principios fundamentais baixo os que opera a Wikipedia son os cinco piares. A comunidade da Wikipedia desenvolveu moitas políticas e normas para mellorar a enciclopedia; porén, non é un requisito formal estar familiarizado con todas elas antes de contribuír.
Desde a súa creación en 2001, a Wikipedia medrou rapidamente e converteuse na meirande páxina web de referencia, atraendo a preto de 78 millóns de visitantes ao mes en xaneiro de 2010. Existen máis de 91.000 colaboradores activos traballando en máis de 16.000.000 artigos en máis de 270 linguas. A día de hoxe, hai 206.072 artigos en galego. Cada día, centos de visitantes de todo o mundo editan e crean numerosos artigos para aumentar o coñecemento presente nesta enciclopedia. (Véxase tamén: Wikipedia:Estatísticas.)
Xente de todas as idades e culturas poden engadir ou editar o texto, as referencias e as imaxes dos artigos. O que quedará depende de se é axeitado segundo as políticas da Wikipedia, incluído o feito de que debe ser verificable mediante fontes fiables, deixando a un lado as opinións e crenzas do editor e as investigacións non publicadas, e libre de restricións por dereitos de autor e materiais controvertidos sobre persoas vivas. As contribucións non poden danar a Wikipedia porque o software permite reverter facilmente os erros e moitos usuarios experimentados vixían para axudar e asegurarse de que as edicións melloran o texto anterior. Para comezar só hai que premer na ligazón "editar" presente en cada páxina editable!
A Wikipedia difire enormemente das referencias en papel de varias maneiras. Ao contrario que as enciclopedias impresas, a Wikipedia créase e actualízase continuamente. Os artigos máis vellos tenden a medrar para ser máis exhaustivos e equilibrados; os novos, poden conter información incorrecta, contidos enciclopédicos ou vandalismo. Cómpre ter isto presente para obter información válida e evitar a información errónea.
A Wikipedia fundouse como sucesora de Nupedia, un proxecto agora abandonado para producir unha enciclopedia libre. Nupedia tiña un sistema elaborado de revisión que necesitaba colaboradores altamente cualificados, de modo que a escritura de artigos era lenta. No ano 2000, Jimmy Wales, fundador de Nupedia, e Larry Sanger, empregado de Wales para traballar no proxecto, debateron sobre xeitos de facer de Nupedia un proxecto máis aberto e complementario. Varias fontes suxeriron a idea de que un wiki permitiría a todos colaborar con material de seu, e o primeiro wiki de Nupedia apareceu o 10 de xaneiro de 2001.
Produciuse unha considerable resistencia por parte dos editores e revisores de Nupedia con respecto á idea de converter Nupedia nun wiki, de modo que o novo proxecto obtivo o nome de "Wikipedia" e tivo o seu propio dominio, wikipedia.com, o 15 de xaneiro (no que algúns usuarios chaman o "Día da Wikipedia"). O ancho de banda e mais os servidores en San Diego foron doados por Wales. O dominio cambiou ao actual wikipedia.org cando se creou a Fundación Wikimedia, a organización sen fins lucrativos que xestiona a Wikipedia. O uso dun dominio ".org" denota a súa natureza non comercial.
Meses despois rexistrouse Antonio Gregorio Montes (Agremon) e converteuse no primeiro administrador galego da Wikipedia en galego. El mesmo emprega por vez primeira o termo Galipedia para referirse amigablemente ao proxecto, que aínda contaba con menos dun ano de existencia. Aos poucos, mentres tanto, a Galipedia vai sendo citada por algunhas páxinas web de xornais e outras entidades, que se interesan polo labor realizado nela.
O 4 de marzo de 2013, dez anos despois da súa creación, superou os 100.000 artigos. Foi a Wikipedia número 43 en facelo.
Esta Wikipedia está escrita en galego. Comezada en 2003, actualmente contén 206.072 artigos. A Wikipedia tamén existe, entre outras, nas seguintes linguas:
Cómpre ter en conta que aínda que moitos outros sitios usan software MediaWiki e polo tanto teñen unha aparencia semellante á Wikipedia, poden ter un nome que inclúa "wiki-" ou "-pedia" ou un nome de dominio similar, os únicos proxectos que forman parte da Fundación Wikimedia son os listados enriba e mais a Wikipedia, mesmo se eses proxectos declaran ser parte dela.