Costro

O costro (do latín colostrum[1], tamén chamado formigo ou leite tenreiro[2]) é un tipo de leite elaborado polas glándulas mamarias dos mamíferos (humanos incluídos), que é o primeiro leite producido, e empeza a segregarse ao final do embarazo. A maioría das especies xeran costro xusto despois de dar a luz. O costro contén anticorpos que protexen ao neonato de enfermidades, e é máis baixo en graxas[3] e máis alto en proteínas que o leite normal.

Comparación entre o costro e o leite humanos.
Á esquerda costro recollido no 4º día de lactación, e á dereita leite recollido no oitavo día. O costro adoita a ter un ton máis amarelo que o do leite.

Costro humano

Os neonatos teñen un aparato dixestivo moi inmaturo, e o costro libera os seus nutrientes nunha forma de baixo volume e moi concentrada. Ten un efecto suavemente laxante, o que favorece o paso polo intestino das primeiras feces do meniño, que se denominan meconio. Isto elimina o exceso de bilirrubina, un produto residual dos glóbulos vermellos mortos, que se produce en grandes cantidades no nacemento debido a unha redución do volume de sangue no corpo do meniño e axuda a previr a ictericia. O costro contén células inmunitarias como os linfocitos,[4] e moitos anticorpos fundamentalmente do tipo IgA, IgG, e IgM. Estes son os principais compoñentes do sistema inmunitario adaptativo. Por exemplo, as IgA son absorbidas polo epitelio intestinal. Outros compoñentes inmunitarios do costro son os principais compoñentes do sistema inmunitario innato, como a lactoferrina,[5] lisozima,[6] lactoperoxidase,[7] sistema do complemento,[8] e polipéptidos ricos en prolina (PRP).[9] No costro atópanse tamén varias citocinas (pequenos péptidos mensaxeiros que controlan o funcionamento do sistema inmunitario),[10] como as interleucinas,[10] factor de necrose tumoral,[11] quimiocinas,[12] e outros. O costro contén ademais varios factores de crecemento, como o IGF-1 (factor de crecemento similar á insulina I),[13] e o IGF-2,[14] os factores de crecemento transformante alfa (TGF-alfa),[15] beta 1 e beta 2,[16][17] os factores de crecemento de fibroblastos,[18] o factor de crecemento epidérmico,[19] o factor estimulante das colonias de granulocitos-macrófagos,[20] o factor de crecemento derivado de plaquetas,[20] factor de crecemento endotelial,[21] e o factor estimulante das colonias 1.[22]

O costro é moi rico en proteínas, vitamina A, e cloruro de sodio, pero contén baixas cantidades de carbohidratos, lípidos, e potasio en comparación co leite maduro. Os compoñentes bioactivos máis significativos no costro son os factores de crecemento e os factores antimicrobianos. Os anticorpos do costro proporcionan inmunidade pasiva, mentres que os factores de crecemento estimulan o desenvolvemento do intestino. Pasan ao neonato e proporcionan unha primeira protección contra os patóxenos.

Na cría de gando

O costro é fundamental para o gando neonato. As crías non reciben unha transferencia pasiva de inmunidade a través da placenta antes do nacemento, polo que deben inxerir todos os anticorpos que necesitan. Esta transferencia por vía oral da inmunidade pode ocorrer grazas a que o estómago dos neonatos é poroso. Isto significa que proteínas grandes como os anticorpos poden pasar a través da parede gástrica. O animal neonato debe recibir costro nas seis primeiras horas despois de nacer para que haxa unha transferencia máxima de anticorpos. A parede gástrica permanece aínda algo permeable ata as 24 horas despois de nacer, pero a transferencia xa é máis limitada.[23]

Os gandeiros con frecuencia almacenan o costro dos seus animais e conxélano, pero perde algunhas das súas cualidades. O costro producido na granxa propia considérase de superior calidade (para esa granxa) que o procedente doutras fontes, porque o produciron animais que xa estaban expostos aos patóxenos presentes nesa granxa (e fabricaron anticorpos contra eles). Un estudo feito en Alemaña informou que as eguas multíparas producían como media un cuarto de litro de costro, que contiña uns 70 gramos de IgG.[24]

Na maioría dos rabaños de vacas produtoras de leite, as tenreiras son separadas das súas nais pouco despois do nacemento e son alimentadas con costro por un biberón.

Consumo humano de costro bovino

Costro solidificado nun posto de venda de doces na India.
O molozyvo é un alimento tradicional da cociña ucraína, que é un queixo doce feito de costro de vaca.

Tense afirmado que o consumo de costro é beneficiosa para un humano adulto, pero isto é cuestionable porque a maioría dos seus compoñentes sofren unha dixestión no estómago maduro, incluíndo os anticorpos e todas as demais proteínas.O costro bovino e os seus compoñentes son inofensivos para o consumo humano, agás en casos de intolerancia ou alerxia á lactosa ou outros compoñentes. Malia as evidencias que existen de que a maioría dos compoñentes non son absorbidos intactos, os que propoñen os seus beneficios consideran que o costro é útil para o tratamento ou prevención dunha variedade de enfermidades.[25][26][27]

O costro bovino das vacas que se alimentan de herba contén inmunoglobulinas específicas de moitos patóxenos humanos, como Escherichia coli, Cryptosporidium parvum, Shigella flexneri, Salmonella, Staphylococcus,[28] e rotavirus (os cales causan diarreas infantís). Antes do desenvolvemento dos antibióticos, o costro era a principal fonte de inmunoglobulinas, que se utilizaban para combater infeccións. De feito, cando Albert Sabin elaborou a súa primeira vacina oral contra a polio, a inmunoglobulina que utilizou procedía de costro bovino.[29] Cando empezaron a aparecer os antibióticos, o interese polo costro minguou, pero agora que empezaron a aparecer cada vez con máis frecuencia cepas bacterianas resistentes a antibióticos, está volvendo o interese por alternativas naturais aos antibióticos, como o costro.[30]

Algúns atletas teñen usado o costro nun intento de mellorar o seu rendemento[31] diminuír o tempo de recuperación,[32] e impedir a enfermidade durante os maiores niveis de rendemento.[33][34] A suplementación con costro bovino (20 g/día) en combinación con exercicios de adestramento durante 8 semanas pode incrementar a masa corporal sen graxa libre de óso en homes e mulleres activos.[31][35]

As persoas con trastornos de nutrición teñen baixos niveis de IGF-1 debido a malnutrición,[36] e tamén as persoas obesas.[37] Aínda que o IGF-1 do costro non se absorbe intacto polo corpo, si estimula a produción de IGF-1 cando se toma como suplemento.[38]

O costro tamén ten compoñentes antioxidantes, como a lactoferrina[39] e a hemopexina, que se unen aos grupos hemo libres no corpo.[40]

Costro hiperinmune

A obtención de costro hiperinmune foi un intento inicial de aumentar a efectividade do costro bovino natural inmunizando vacas cun patóxeno específico e despois recollendo o costro unha vez que a vaca pariu. Isto parecía inicialmente moi prometedor, xa que se formaban anticorpos contra o patóxeno específico ou contra os antíxenos que se utilizaran na inmunización. Non obstante, unha vez examinado e comparado a fondo ese costro, atopouse que os niveis de IgG no costro natural contra 19 patóxenos humanos específicos eran iguais que os do costro hiperinmune, e o costro natural case sempre tiña maiores títulos de anticorpos que a versión hiperinmune.[28] Porén, un fármaco chamado travelan, utilizado para previr a diarrea do viaxeiro, obtense utilizando este método, e impide a enfermidade no 90% das persoas.[41]

Polipéptidos ricos en prolina (PRP)

Os polipéptidos ricos en prolina son pequenos péptidos de sinalización inmune, que foron descubertos independentemente no costro e outras fontes, como o plasma sanguíneo, nos Estados Unidos de América,[42] e Polonia.[43] Aparecen na literatura con varios nomes como Colostrinina, CLN, factor de transferencia e PRP. Funcionan como moléculas de transdución de sinais que modulan o sistema inmunitario, activándoo cando o corpo sofre o ataque dun patóxeno ou outros axentes infecciosos, e amortecéndoo cando o perigo foi eliminado ou neutralizado.[44] Ao principio pensábase que transferían a inmunidade dun sistema inmunitario a outro, mais hoxe parece que os PRP simplemente estimulan a inmunidade mediada por células.[45]

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas

🔥 Top keywords: