Pussy Riot

Pussy Riot é un colectivo ruso de punk rock feminista, que pon en escena performances extemporáneas de provocación política sobre temas como a situación das mulleres en Rusia e, máis recentemente, en contra da campaña electoral do primeiro ministro Vladimir Putin á presidencia de Rusia.

Pussy Riot
Sete mulleres do colectivo Pussy Riot.
OrixeMoscova, Rusia
Período2011 – presente
Xénero(s)punk rock, riot grrrl
Selo(s) discográfico(s)Ningún
MembrosNadezhda Tolokónnikova
Yekaterina Samutsévich
María Alyójina
Na rede
pussy-riot.livejournal.com
IMDB: nm5706829 Facebook: wearepussyriot Twitter: pussyrrriot Instagram: pussyriot Youtube: UCQYcCfKYfYMcuCsem8z5CyQ Bandcamp: pussyriotSouncloud: pussy-riot Spotify: 2hThsqaVEAWhWPBXnaOfB9 iTunes: 515935989 Last fm: Pussy+Riot Musicbrainz: 631e3bc5-428a-432b-87f7-5d357a007fc0 Songkick: 5387358 Discogs: 2823210 Allmusic: mn0002988911 Deezer: 4398019 Genius: Pussy-riot Editar o valor em Wikidata

En marzo de 2012, durante un concerto improvisado e sen autorización na Catedral de Cristo Salvador de Moscova, tres mulleres da banda foron arrestadas e acusadas ​​de vandalismo. O xuízo comezou a finais de xullo, e recibiron unha condena de dous anos de cárcere. As mulleres atraeron unha considerable simpatía, tanto en Rusia como no exterior, debido ás denuncias de malos tratos mentres estaban baixo custodia. O xuízo foi comparado por algúns observadores estranxeiros cun xuízo-espectáculo[1][2].

Performances e influencias

Os membros do grupo acostuman poñer nas súas performances vestidos axustados de cores chamativas, mesmo no inverno. Cobren as súas caras con pasamontañas, tanto nas súas actuacións como durante as entrevistas, nas cales utilizan pseudónimos. O colectivo está composto de 10 intérpretes, e aproximadamente 15 persoas que se ocupan de aspectos técnicos da rodaxe e edición de vídeos que soben a Internet.[3][4].

Entre as súas influencias musicais, o grupo cita bandas de punk-rock e Oi! como Angelic Upstarts, Cockney Rejects, Sham 69, Era e The 4 Skins[5][6]. O grupo tamén cita como inspiración a banda de punk-rock Bikini Kill e ao movemento dos noventa Riot grrrl. Afirmaron:

«O que temos en común é imprudencia, letras con carga política, a importancia do discurso feminista e unha imaxe feminina non convencional»[7].

Protesta na Catedral

Interior da Catedral de Cristo Salvador de Moscova.

O 21 de febreiro de 2012, como parte da súa protesta contra a reelección de Vladimir Putin, tres mulleres do grupo entraron na Catedral de Cristo Salvador de Moscova da Igrexa ortodoxa rusa, fixeron o sinal da cruz, unha reverencia ante o altar, e comezaron a interpretar unha canción. Un minuto despois foron detidas pola policía[8]. A gravación da performance foi usada posteriormente para crear un videoclip da canción.

Na canción, o grupo pedía a "Theotokos" (Madre de Deus, a Virxe María) (rus. Богородица Bogoróditsa) que «botase a Putin». Na canción tamén describe o patriarca ruso, Cirilo I, como alguén que cre máis en Putin que en Deus.[9]. Cirilo I amosara o seu apoio a Putin antes da elección presidencial[10].

Arresto e persecución

O 3 de marzo de 2012, María Alyójina e Nadezhda Tolokónnikova, dous supostos membros de Pussy Riot, foron arrestadas polas autoridades rusas e acusadas de vandalismo. Ao principio, ambas negaron ser membros do grupo e iniciaron unha folga de fame en protesta por seren encarceradas e apartadas dos seus fillos ata o comezo do xuízo en abril[11]. O 16 de marzo outra muller, Ekaterina Samutsévitch, que fora interrogada como testemuña do caso, foi igualmente arrestada e acusada[12].

O 4 de xullo presentáronse contra o grupo cargos formais e un escrito de acusación de 2800 páxinas[13]. Ese mesmo día notificóuselles sen previo aviso que tiñan de prazo para preparar a súa defensa ata o 9 de xullo. Como resposta, anunciaron unha folga de fame argumentando que dous días laborables era un prazo de tempo non apropiado para preparar a súa defensa[14]. O 21 de xullo o tribunal ampliou a súa prisión preventiva durante seis meses máis[15].

As detidas son recoñecidas como presas políticas pola Union of Solidarity with Political Prisoners.[16]. Amnistía Internacional considéraas presas de conciencia «pola severidade da resposta das autoridades rusas»[17].

Acusadas

Nadezhda Tolokónnikova durante o xuízo.
  • Maria Alyójina, 24 anos, estudante de cuarto ano de xornalismo en Moscova e nai dun neno pequeno, ten unha historia de voluntaria e activista con Greenpeace Rusia. Durante o xuízo desempeñou un papel activo preguntando ás testemuñas e cuestionando agresivamente a natureza dos cargos e do procedemento.[18].
  • Yekaterina Samutsévich, 30 anos, enxeñeira polo Colexio Técnico Superior de Enxeñeiros de Enerxía de Moscova, é unha informática interesada en colectivos LGTB. Titulada tamén en fotografía e multimedia. Ao xuízo asistiu o seu pai Stanislav Samutséich.[19].
  • Nadezhda Tolokonnikova, 22 anos, estudante de Filosofía na Universidade Estatal de Moscova cunha historia de activismo político co grupo de arte na rúa Voiná. Está casada con Piotr Verzílov e ten unha filla de 4 anos.[20].

Sentenza e condena

As tres foron sentenciadas o 17 de agosto de 2012 a dous anos de prisión. O xuíz afirmou que «socavaran a orde social» coa súa protesta mostrando unha «absoluta falta de respecto» aos crentes. Tolokónnikova replicou que «a sentenza é un claro e inequívoco síntoma de que a liberdade está desaparecendo do noso país».[21]. Defensores e críticos da banda acudiron a manifestarse pola sentenza[21]. Serguéi Udaltsov, un dos líderes da oposición a Putin, foi detido mentres se manifestaba en apoio da banda[22]. O excampión mundial de xadrez Garri Kasparov, que pretendía asistir á lectura da sentenza, foi arrestado e golpeado[23][24][25].

Os avogados defensores afirmaron que apelarían a sentenza, aínda que vían poucas posibilidades de que fora anulada. «Baixo ningunha circunstancia as rapazas pedirán perdón a Putin», dixo Mark Feygin.[26] A Igrexa Ortodoxa Rusa comunicou que aínda que as accións de Pussy Riot eran ofensivas para millóns de persoas, a igrexa facía un chamamento «ás autoridades estatais para que mostraran clemencia coas condenadas dentro do marco da lei coa esperanza de que non repetiran actos blasfemos».[27].

Reacción internacional

Amnistía Internacional calificou a condena como «un golpe amargo contra a liberdade de expresión».[26] Hugh Williamson, de Human Rights Watch, afirmou que «os cargos e o veredicto [...] distorsionan os feitos e a lei [...] Estas mulleres nunca deberían ter sido acusadas dun delito de incitación ao odio e deberían ser liberadas inmediatamente».[28].

Notas

Véxase tamén

Outros artigos

Ligazóns externas

🔥 Top keywords: