Vacina da COVID-19

Unha vacina da COVID-19 é unha vacina que protexa contra a infección polo virus SARS-CoV-2, causante da COVID-19, que polo momento está en fase de elaboración. Aínda que ningunha vacina completou os ensaios clínicos, hai en marcha múltiples intentos de desenvolver unha. A finais de febreiro de 2020, a Organización Mundial da Saúde (OMS) dixo que non esperaba que estivese dispoñible unha vacina contra o SARS-CoV-2 en menos de 18 meses.[1] A Coalition for Epidemic Preparedness Innovations (CEPI), que está organizando un fondo de 2 mil millóns de dólares en todo o mundo para un rápido investimento e desenvolvemento de candidatos a vacinas,[2] indicou en abril que se podería dispoñer dunha vacina seguindo os protocolos de uso de emerxencia a inicios de 2021.[3]

O virus SARS-CoV-2

En abril de 2020 estaban en desenvolvemento 115 candidatos a vacinas,[3][4] e dúas organizacións iniciaran estudos de seguridade e eficacia en fase I-II en suxeitos humanos.[5][6] Cinco candidatos a vacinas estaban en estudos de seguridade en fase I en abril.[3]

Traballos sobre vacinas de coronavirus anteriores

Producíronse vacinas contra varias doenzas causadas por coronavirus para uso animal, incluíndo as vacinas contra o virus da bronquite infeccionsa das aves, contra o coronavirus canino e contra o coronavirus felino.[7]

Os traballos anteriores para desenvolver vacinas contra os virus da familia Coronaviridae que afectan a humanos centráronse na síndrome respiratoria aguda grave (SARS) e na síndrome respiratoria aguda de Oriente Medio (MERS). As vacinas contra a SARS[8] e a MERS[9] foron testadas en animais modelo non humanos. Porén, en 2020, aínda non hai unha cura ou vacina protectora contra a SARS que mostrase ser segura e efectiva en humanos.[10][11] Segundo os artigos científicos publicados en 2005 e 2006, a identificación e desenvolvemento de novas vacinas e medicinas para tratar a SARS era unha prioridade para os gobernos e axencias sanitarias públicas de todo o mundo.[12][13][14]

Non hai tampouco unha vacina comprobada para a MERS.[15] Cando apareceu a MERS, críase que as investigacións xa existentes sobre a SARS podían proporcionar un modelo útil para desenvolver vacinas e terapéuticas contra a infección polo MERS-CoV.[10][16] En marzo de 2020, unha vacina baseaada no ADN contra o MERS completou a fase I de ensaios clínicos en humanos,[17] e había outras tres en marcha, todas as cales eran vacinas de vectores virais, dúas con vectores adenovirais (ChAdOx1-MERS, BVRS-GamVac) e unha convectores MVA (MVA-MERS-S).[18]

Traballos emprendidos en 2020

A COVID-19 identificouse en decembro de 2019.[19] Converteuse nunha pandemia estendida por todo o mundo en 2020, o que orixinou importantes investimentos e investigacións para desenvolver unha vacina.[19][20] Moitas organizacións están usando os xenomas publicados do virus para desenvolver unha posible vacina contra o SARS-CoV-2.[19][21][22][23]

Unhas 50 empresas e institucións académicas están implicadas no desenvolvemento de vacinas,[4][24][25] e tres delas están a recibir o apoio da Coalition for Epidemic Preparedness Innovations (CEPI), incluíndo proxectos das empresas de biotecnoloxía Moderna,[26] e Inovio Pharmaceuticals, e a Universidade de Queensland.[27] En marzo de 2020, había rexistrados no Rexistro de Ensaios Clínicos da Organización Mundial da Saúde cincocentos estudos clínicos en todos o mundo, en todas as etapas de desenvolvemento e candidatos terapéuticos para a COVID-19.[28]

A inicios de marzo de 2020, a CEPI anunciou un obxectivo de financiamento de dous mil millóns de dólares EUA nunha asociación global entre organizacións públicas, privadas, filantrópicas e sociedade civil para acelerar o desenvolvemento das vacinas da COVID-19, con compromisos ata agora dos gobernos de Dinamarca, Finlandia, Alemaña, Noruega e o Reino Unido.[2]

O 2 de abril de 2020, os investigadores da Escola de Medicina da Universidade de Pittsburgh informaron da creación dunha prometedora posible vacina da COVID-19, chamada PittCoVacc e esperan seguir unha vía acelerada para a súa aprobación, que dure menos que o habitual ano de probas, pola FDA norteamericana.[29][30]

Ensaios clínicos en marcha

Segundo informan os científicos do CEPI en abril de 2020, había un total de 115 candidatos a vacinas nas etapas iniciais de desenvolvemento, das que 78 estaban confirmados como proxectos activos (79, segundo o Instituto Milken[4]), e outras 37 anunciados, pero con pouca información pública dispoñible (seguramente estaban en planeamento ou sendo deseñadas).[3] Dos 79 proxectos activos confirmados,[4] 74 están en desenvolvemento "exploratorio" ou "preclínico", segundo o informe de principios de abril do CEPI.[3]

En abril, despois de que se publicou o informe do CEPI, empezaron os ensaios en fase I-II aleatorizados intervencionais para estudar a dose e avaliar os efecos secundarios en Wuhan, China sobre o candidato a vacina Ad5-nCoV (CanSino Biologics, táboa),[5] e en Inglaterra sobre o candidato a vacina ChAdOx1 nCoV-19.[6] A mediados de abril só hai outros cinco ensaios de candidatos a vacina en ensaios en fase I en humanos.[3]

Os ensaios en fase I comproban principalmente a seguridade e a dosificación preliminar nunhas poucas ducias de suxeitos con boa saúde, mentres que os ensaios en fase II – despois de ter éxito na fase I – avalían a inmunoxenicidade, niveis de dose (eficacia baseada en biomarcadores) e efectos secundarios do candidato a vacina, normalmente en centos de persoas.[31][32] Un ensaio en fase I-II realiza probas de seguridade preliminar e inmunoxenicidade, está tipicamente aleatorizado, controlado por placebo e realizado en sitios múltiples, e determina de forma máis precisa as doses efectivas.[32] Os ensaios en fase III implican máis participantes, incluíndo un grupo de control, e comproban a efectividade da vacina para previr a doenza, e monitorizan os efectos secundarios na dose óptima.[31][32]

COVID-19: candidatos a vacina en ensaios en fase I-II
Candidato a vacina

(desenvolvedor/patrocinador)

TecnoloxíaFase do ensaio

(participantes)

LocalidadeDuraciónReferencias

e notas

Ad5-nCoV

(CanSino Biologics)

vector de adenovirus recombinante tipo 5Ensaio en fase II intervencional para a dosificación e efectos secundarios (500)Wuhan, Chinamarzo de 2020 a decembro de 2020[5][33]
Ad5-nCoV

(CanSino Biologics)

vector de adenovirus recombinante tipo 5Fase I (108)Wuhan, Chinamarzo de 2020 a decembro de 2020[3][34] continuando durante 2020 durante o inicio da fase II[5]
ChAdOx1 nCoV-19

(Universidade de Oxford)

vector de adenovirusFase I-II, aleatorizada, controlada por placebo, en múltiples sitios (510)Inglaterra, Reino Unidoabril de 2020 a maio de 2021[6][35]
mRNA-1273

(Moderna, Instituto Nacionl da Alerxia e Enfermidades Infecciosas dos Estados Unidos)

ARN mensaxeiro que contén unha dispersión de nanopartículas lipídicasFase I (45)Estados Unidosmarzo de 2020 a primavera-verán de 2021[3][36][37]
Covid-19/aAPC

(Instituto Médico Xenoinmune de Shenzhen)

vector lentiviral, células dendríticas presentadoras de antíxenos artificiais específicas de patóxenosFase I (100)Shenzhen, Chinamarzo de 2020 a 2023[3][38]
LV-SMENP-DC

(Instituto Médico Xenoinmune de Shenzhen)

vacina de minixene lentiviral, células dendríticas modificadas con vector lentiviralFase I (100)Shenzhen, Chinamarzo de 2020 a 2023[3][39]
INO-4800

(Inovio Pharmaceuticals, CEPI)

plásmido de ADN introducido por electroporaciónFase I (40)Estados Unidosabril de 2020 a novembro de 2020[3][40]

Limitacións

É posible que as vacinas en desenvolvemento non sexan seguras ou efectivas.[41] Un estudo atopou que entre 2006 e 2015, a taxa de éxito na obtención de aprobación desde os ensaios en fase I aos ensaios exitosos en fase III foi do 16,2% no caso das vacinas.[42]

Aínda que a vacina da gripe é normalmente producida en masa inxectando o virus en ovos embrionados de polo, este método non funcionará coas vacinas para o coronavirus, xa que o novo coronavirus non se pode replicar dentro dos ovos.[43]

Cronoloxía das investigacións preclínicas

  • O 24 de xaneiro de 2020 en Australia, a Universidade de Queensland anunciou que está investigando a potencialidade dunha vacina de abrazaeira molecular que modificaría xeneticamente as proteínas virais para estimular unha reacción inmunitaria.[27]
  • O 24 de xaneiro de 2020, o Centro de Vacinas Internacional (VIDO-InterVac) na Universidade de Saskatchewan anunciou os comezos dos traballos sobre unha vacina que pretende iniciar as súas probas en 2021.[44]
  • O Centro para o Control e Prevención de Enfermidades chinés e a Universidade de Hong Kong anunciaron o comezo dos traballos para facer unha vacina.[45][46]
  • O 29 de xaneiro de 2020, Janssen Pharmaceutical Companies, dirixidas por Hanneke Schuitemaker, anunciaron que empezaran a desenvolver unha vacina.[47] Janssen é o codesenvolvedor dunha vacina oral co seu socio biotecnolóxico Vaxart.[48] O 18 de marzo de 2020, Emergent BioSolutions anunciou unha asociación de fabricación con Vaxart para desenvolve a vacina.[49]
  • O 8 de febreiro de 2020, o laboratorio OncoGen de Romanía publicou un artigo sobre o deseño dunha vacina, "deseñada cunha tecnoloxía similar á usada para a terapia de vacinación de neoantíxenos do cancro" contra a COVID-19.[50] O 25 de marzo a dirección do instituto de investigación anunciou que finalizaran a síntese da vacina e que comezaran os tests.[51]
  • O 27 de febreiro de 2020, unha compañía filial de Generex, NuGenerex Immuno-Oncology anunciou que estaba empezando un proxecto de vacina para crear unha vacina de péptido Ii-Key contra a COVID-19. Queren producir unha vacina candidata que poida ser testada en humanos "en 90 días."[52]
  • A Universidade de Washington en St. Louis anunciou que empezaba o desenvolvemento dunha vacina o 5 de marzo de 2020.[53]
  • O 5 de marzo de 2020, o United States Army Medical Research and Materiel Command en Fort Detrick e o Walter Reed Army Institute of Research en Silver Spring, ambos no oeste de Maryland, anunciaron que estaban a traballar nunha vacina.[54]
  • Emergent Biosolutions anunciou que formara equipo con Novavax Inc. para desenvolver e fabricar unha vacina. Teñen plans para os ensaios preclínicos e un ensaio clínico en fase I para xullo de 2020.[55]
  • O 12 de marzo se 2020, O Ministro de Sanidade da India anunciou que estaban traballando con 11 illamentos e que incluso cun procedemento acelerado tardarían polo menos de ano e medio a dous anos desenvolver a vacina.[56]
  • O 12 de marzo de 2020, a compañía biotecnolóxica Medicago da cidade de Quebec, Quebec, informou do desenvolvemento dunha partícula similar a virus de coronavirus co financiamento parcial dos Institutos Canadenses para a Investigación Sanitaria.[57][58][59] O candidato a vacina está en investigación de laboratorio, e as probas en humanos están planeadas para xullo ou agosto de 2020.[58][59]
  • O 16 de marzo de 2020, a Comisión Europea ofreceu un investimento de 80 millóns de € á compañía biotecnolóxica alemá CureVac para que desenvolva unha vacina de ARNm.[60] Algo antes nesa semana, The Guardian informou que o presidente dos Estados Unidos Donald Trump ofrecera a CureVac "'grandes cantidades de diñeiro' para ter acceso exclusivo á vacina da COVID-19", e que o goberno alemán rexeitou ese intento.[61]
  • O 17 de marzo de 2020, a compañía farmacéutica norteamericana Pfizer anunciou a súa asociación coa compañía alemá BioNTech para desenvolver conxuntamente unha vacina baseada en ARNm.[62] A vacina candidata baseada en ARNm BNT162, actualmente en probas preclínicas con ensaios clínicos que se espera que comecen en abril de 2020.[63]
  • En Italia o 17 de marzo de 2020, Takis Biotech, unha compañía biotecnolólxica italiana anunciou que terían resultados preclínicos en abril de 2020 e a súa vacina candidata final podería empezar as probas en humanos en outono.[64]
  • En Francia o 19 de marzo de 2020, a Coalition for Epidemic Preparedness Innovations (CEPI) anunciou un investimento de 4,9 millóns de dólares EUA no consorcio de investigación da vacina da COVID-19 que implica ao Instituto Pasteur, Themis Bioscience (Vienna, Austria), e a Universidade de Pittsburgh, o que fai ascender o investimento total da CEPI na vacina da COVID-19 a 29 millóns de dólares.[65] Outros socios financeiros da CEPI para a elaboración da vacina da COVID-19 son Moderna, Curevac, Inovio, Novavax, a Universidade de Hong Kong, a Universidade de Oxford e a Universidade de Queensland.[65]
  • O 20 de marzo de 2020, funcionarios da sanidade rusa anunciaron que os científicos empezaron as probas en animais de seis vacinas candidatas diferentes.[66]
  • Os investigadores do Imperial College London anunciaron o 20 de marzo de 2020 que están desenvolvendo unha autoamplificación da vacina de ARN da COVID-19. A vacina candidata foi desenvolvida en 14 días despois de recibir a secuencia xenética da China.[67]
  • A finais de marzo, o goberno canadense anunciou un financiamento de 275 millóns de dólares canadenses para 96 proxectos de investigación sobre contramedidas médicas contra a COVID-19, incluíndo numerosas vacinas candidatas en empresas e universidades canadenses, como nas iniciativas de Medicago e a Universidade de Saskatchewan.[44][57][58][59] Aproximadamente no mesmo momento, o goberno canadense anunciou outra asignación de 192 millóns de dólares canadenses especificamente para o desenvolvemento dunha vacina da COVID-19, con plans para establecer un "banco de vacinas" nacional de varias vacinas novas que poderían utilizarse se aparece outro gromo de coronavirus.[58]
  • O 2 de abril de 2020 o ministro de Ciencia e Innovación de España informou que “probablemente antes do fin de abril teremos un primeiro candidato de vacina a nivel mundial feito co virus completo”. Os traballos realízanse no Centro Nacional de Biotecnoloxía do Consello Superior de Investigacións Científicas (CNB-CSIC).[68]

Ampliación de escala tecnolóxica

En marzo de 2020, o goberno dos Estados Unidos, a industria e tres universidades sumaron recursos para acceder a supercomputadores da IBM, combinados con recursos de computación na nube de Hewlett Packard Enterprise, Amazon, Microsoft e Google.[69][70] O Consorcio de Compuación de Alto Rendemento da COVID-19 está sendo utilizado para predicir a propagación da enfermidade, facder modelos de posibles vacinas e cribar miles de compostos químicos para deseñar unha vacina da COVID-19 ou unha terapia.[69][70]

Outro consorcio formado por Microsoft, seis universidades (incluíndo unha das do primeiro consorcio) e o Centro Nacional para Aplicacións de Supercomputadores, que traballa baixo os auspicios de C3.ai, unha compañía financiada polo multimillonario desenvolvedor de software Thomas Siebel, están actualmente combinando os seus recursos de supercomputación para os mesmos usos xunto co desenvolvemento de protocolos médicos e reforzo das estratexias de saúde pública arredor do mundo, así como concedendo grandes bolsas de investigación aos científicos que propoñen usar AI para levar a cabo tarefas similares en maio.[71][72]

Rumores e desinformacións

Algunhas informacións aparecidas nos medios sociais promoveron unha teoría da conspiración que afirma que o virus causante da COVID-19 xa era coñecido e que xa está dispoñible unha vacina. As patentes citadas por varios medios sociais fan referencia a patentes existentes para as secuencias xenéticas e vacinas para outras cepas de coronavirus como o coronavirus da SARS,[73][74] polo que non teñen que ver coa COVID-19.

Notas

Véxase tamén

Outros artigos

Ligazóns externas

🔥 Top keywords: