Pandemia de COVID-19

pandemia causada polo virus SARS-CoV-2

A pandemia por coronavirus de 2019–2023 é unha pandemia global actual de doenza do coronavirus 2019 (COVID-19) causada polo coronavirus 2 da síndrome respiratoria aguda severa (SARS-CoV-2). O virus foi identificado por vez primeira en Wuhan, na provincia chinesa de Hubei, en decembro de 2019, estendéndose finalmente a cada provincia do país.[1][2] O 11 de marzo de 2020, a Organización Mundial da Saúde declarou o abrocho como unha pandemia.[3] A data do 13 de agosto, máis de 20 millóns de casos foron confirmados en máis de 200 países e territorios, co maior número de casos nos Estados Unidos, Brasil, India, Rusia, Suráfrica, Perú, México, Colombia, Chile, España, Irán e o Reino Unido.[4][5] Máis de 13 millóns de persoas conseguiron recuperarse da doenza e máis dun millón morreron.[5]

Extensión da pandemia o 13 de agosto de 2020.
  + 10 000 casos confirmados por millón
  3 000–10 000 casos confirmados por millón
  1 000–3 000 casos confirmados por millón
  300–1 000 casos confirmados por millón
  100–300 casos confirmados por millón
  >0–100 casos confirmados por millón
  Sen casos confirmados ou sen datos
Con motivo da pandemia da COVID-19 as autoridades sanitarias de todo o mundo lanzaron mensaxes de como actuar para previr a enfermidade ou que facer de ter síntomas con mensaxes en televisión, radio, Internet e nas rúas. Na imaxe un decálogo das autoridades sanitarias de Galicia de como actuar no caso de ter síntomas exposto nun comercio galego.

A transmisión do virus entre as persoas é semellante á da gripe, a través das vías respiratorias por tusir ou esbirrar.[6][7][8] O tempo entre a exposición e a aparición dos primeiros síntomas é polo xeral de cinco días, mais pode variar dende os dous ós catorce días.[8][9] Os síntomas máis comúns son febre, tose e falta de alento.[8][9] As complicacións poden incluír pneumonía e síndrome de dificultade respiratoria aguda. No presente, non existe unha vacina ou tratamento antiviral específico, mais estanse a facer investigacións. Os esforzos están dirixidos a controlar os síntomas e coidados de apoio. As medidas preventivas recomendadas inclúen a hixiene das mans, manter a distancia con outras persoas (particularmente aquelas que estean enfermas), e a monitorización e illamento durante catorce días das persoas sospeitosas de estaren infectadas.[7][8][10]

A resposta das autoridades sanitarias en todo o mundo inclúe medidas como as restricións de viaxes, corentenas, toques de queda e peches de colexios. Isto supuxo a corentena de toda Italia e da provincia chinesa de Hubei; toques de queda na China e en Corea do Sur;[11][12][13] métodos de detección en aeroportos e estacións de tren;[14] e advertencias de viaxes a rexións con transmisión comunitaria.[15][16][17][18] As escolas foron pechadas a nivel local ou nacional en máis de 190 países, afectando a máis do 90% dos estudantes do mundo.[19]

Os efectos mundiais da epidemia implicaron inestabilidade política e social,[20][21] xenofobia e racismo contra persoas de ascendencia chinesa ou de Asia oriental,[22][23][24][25][26] e a difusión en liña de desinformación e teorías da conspiración sobre o virus e a súa orixe.[27][28][29]

Historia

Casos confirmados por país trazado nunha escala logarítmica

Existen diversas teorías sobre onde apareceu o primeiro caso, ou paciente cero. O primeiro caso coñecido data o 1 de decembro de 2019 na cidade chinesa de Wuhan[30]

Unha teoría, sen confirmar, citando documentos gobernamentais chineses, suxire que a primeira vítima foi un home de 55 anos que enfermou o 17 de novembro de 2019[31] No mes seguinte o número de casos de coronavirus en Hubei aumentaron gradualmente a un par de centos, antes de experimentar un rápido incremento en xaneiro de 2020. O 31 de decembro de 2019, o virus causara os suficientes casos dunha pneumonía descoñecida como para informar ás autoridades sanitarias en Wuhan, a capital da provincia de Hubei [32], para iniciar unha investigación[33]. Na súa maior parte os casos estaban relacionados co mercado para grosistas de produtos do mar de Huanan, onde tamén se vendían animais vivos; xa que logo pénsase que teña unha orixe zoonótica[34].

Durante os primeiros estadios, o número de casos dobrábase aproximadamente cada sete días e medio [35]. Ao longo da primeira quincena de xaneiro o virus espallouse por outras provincias chinesas coa axuda dos movementos de poboación por mor da celebración do ano novo chinés, e máis sendo Wuhan un importante centro de comunicacións, e rapidamente a infección propagouse ao longo do territorio chinés[36]. O 20 de xaneiro, China informou de case 140 casos novos nun día, incluíndo dous en Pequín e un en Shenzhen.[37] Posteriormente informouse que o 20 de xaneiro xa 6.174 persoas desenvolveran síntomas[38]

O 10 de xaneiro, seguindo informes das autoridades chinesas, a OMS aconsellou os viaxeiros tomar precaucións ao viaxar a ou dende a área afectada, entón a cidade de Wuhan[39] aínda que desaconsellou aplicar restricións comerciais ou turísticas coa China. O 12 de xaneiro, seguindo información da Comisión Nacional de Saúde chinesa, a OMS informou que non existía evidencia de transmisión entre humanos[40]. O 24 de xaneiro, a OMS recomendou controis de saída e entrada pero amosouse en contra da aplicación de restricións do tráfico internacional[41].

O 30 de xaneiro a OMS declarou a epidemia Emerxencia de Saúde Pública de Ámbito Internacional[42]. O 24 de febreiro o director da OMS Tedros Adhanom avisou que o virus podería virar en pandemia global polo aumento de casos fóra da China[43].

O 11 de marzo a OMS declarou oficialmente pandemia á epidemia de coronavirus tras un período de aumento sostido da transmisión en múltiples rexións do mundo[44]. O 13 de marzo a OMS declarou que Europa era o novo centro da pandemia logo que a velocidade de novos casos europeos superara o das outras rexións do mundo, agás China.[45] O 19 de marzo, China informou da aparición de novos casos locais mentres o número de mortes en Italia superaba ás da China[46].

A 13 de agosto de 2020 había máis de 20 millóns de casos confirmados no mundo, máis de 750 000 mortos e máis de 13 millóns de recuperados.[4] Os Estados Unidos convertéronse en abril no primeiro país en casos confirmados do mundo, superando á China e a Italia.[4][47]

Resposta internacional

Restricións das viaxes

Países que prohibiron a entrada de visitantes estranxeiros (en vermello)

Como resultado da pandemia, moitos países e rexións impuxeron corentenas ou prohibicións de entrada para cidadáns ou visitantes das zonas máis afectadas pola enfermidade[48].

A Unión Europea rexeitou a idea de suspender a zona de libre circulación e introducir controis fronteirizos con Italia [49], polo que recibiu críticas por parte de dalgúns políticos europeos [50]. Despois dalgúns estados membros pecharen totalmente as súas fronteiras nacionais a cidadáns foráneos [51] a presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen afirmou que determinados controis poderían estar xustificados pero que en xeral a prohibición de viaxar non semellaba o máis efectivo segundo a OMS [52]. Os Estados Unidos suspenderon a circulación de persoas procedentes da zona Schengen e posteriormente tamén da Common Travel Area [53].

Evacuación de cidadáns estranxeiros

Ucraína evacúa cidadáns ucraínos e estranxeiros de Wuhan

Por mor da efectiva corentena do transporte público en Wuhan e en toda a provincia de Hubei, varios países puxeron en marcha plans para evacuar os seus cidadáns e o persoal diplomático da zona, especialmente por medio de voos chárter. O Canadá, os Estados Unidos, O Xapón, A India, Francia, Australia, O Xapón, Sri Lanka, Alemaña e Tailandia estiveron entre os primeiros en planear a evacuación dos seus cidadáns[54][55]. O 7 de febreiro, O Brasil evacuou 34 brasileiros, ou os seus familiares, ademais de catro polacos, un chinés e un hindú[56]. Nese día tamén 215 canadenses (176 nunha primeira aeronave, e 39 nunha segunda provista polo goberno norteamericano) foron evacuados ao Canadá[57]. O 11 de febreiro, outro avión con 185 canadenses de Wuhan aterrou no Canadá[58].

As autoridades australianas evacuaron 277 cidadáns o 3 e 4 de febreiro cara ao centro de detención da Illa de Nadal[59]. Un voo de evacuación de Nova Zelandia chegou a Auckland o 5 de febreiro e o 15 de febreiro, os Estados Unidos anunciaron que habían evacuar os norteamericanos no barco de cruceiro Diamond Princess[60]. O 21 de febreiro un avión con 129 canandenses evacuados do Diamond Princess aterrou en Trenton (Ontario) [61]. A primeiros de marzo, o goberno hindú comezou a evacuar os seus cidadáns de Irán[62]

O 14 de marzo un avión de South African Airways fretado polo goberno surafricano repatriou 114 dos seus cidadáns, deixando na China a catro persoas con síntomas para mitigar os riscos[63]

Respostas nacionais

Médico durante a pandemia en 2020 en San Salvatore, Italia.

Un total de 188 países e territorios informaron de cando menos un caso de COVID-19. Por mor da pandemia en Europa moitos países do espazo Schengen restrinxiron a liberdade de movementos e estableceron controis nas fronteiras[64]. As reaccións nacionais inclúen medidas de contención como corentenas e toques de queda[65]

A 26 de marzo arredor de 1 700 millóns de persoas estaban baixo algunha forma de confinamento [66] que aumentou a 3900 millóns na primeira semana de abril, o que supón máis da metade da poboación mundial.[67][68]

A finais de abril, uns 300 millóns de persoas estaban baixo toque de queda en Europa, incluíndo Italia, España, Francia ou Reino Unido. Mentres en América latina eran 200 millóns[69]. Nos Estados Unidos eran outros 300 millóns, o 90% da poboación[70], 100 millóns en Filipinas,[69] 59 millóns en Suráfrica[71] e 1.3 millóns na India[72][73]. O 21 de maio informáronse de 100 000 novas infeccións nas últimas 24 horas, a meirande cifra desde que principiou a pandemia, superándose os 5 millóns de casos[74].

Notas

Véxase tamén

Outros artigos

Ligazóns externas

🔥 Top keywords: