Voo 9525 de Germanwings

Accidente deliberado dun Airbus A320 nos Alpes franceses o 24 de marzo de 2015

O voo 9525 de Germanwings (4U9525/GWI18G)[1] foi un voo regular internacional entre o Aeroporto de Barcelona-El Prat e o Aeroporto Internacional de Düsseldorf, operado por Germanwings, filial de baixo custo de Lufthansa.

Voo 9525 de Germanwings
D-AIPX, o avión accidentado
nunha imaxe de maio de 2014.
Resumo
Data 24 de marzo de 2015
Causa voo deliberadamente controlado
contra o terreo; baixo investigación
Lugar Prads-Haute-Bléone,
Alpes da Alta Provenza
Coordenadas 6°26′20″L / 44.280083, 6.43875
Orixe Aeroporto de Barcelona-El Prat
Destino Aeroporto de Düsseldorf
Finados 150 (todos)
Aeronave
Tipo de aeronaveAirbus A320-200
Operador Germanwings
Rexistro D-AIPX
Pasaxeiros 144
Tripulación 6
Superviventes 0

O día 24 de marzo de 2015 o avión que realizaba a ruta estrelouse nos Alpes Franceses, no departamento dos Alpes da Alta Provenza, tras un descenso constante que comezou un minuto despois do seu derradeiro contacto rutineiro co control aéreo e ao pouco tempo de alcanzar a súa altitude de cruceiro. O fiscal do caso, as autoridades francesas e alemás, e un voceiro de Germanwings afirmaron que o accidente foi intencionado.[2][3][4] O choque matou os 150 ocupantes do aparello, 144 pasaxeiros e 6 tripulantes.

O avión

O aparello involucrado no accidente era un Airbus A320 de 24 anos de idade, co número de serie 147 e rexistro D-AIPX. Realizou o seu primeiro voo o 29 de novembro de 1990.[5] Foi entregado a Lufthansa o 5 de febreiro de 1991, compañía coa que voaría ata que foi transferido a Germanwings o 10 de xullo de 2013. Un ano despois, o 22 de xullo de 2004 volvería a Lufthansa co nome de Mannheim, e volvería operar coa súa filial dende o 31 de xaneiro de 2014.[6]

O avión acumulara ao redor de 58.300 horas en 46.700 voos.[7] O tempo de servizo deseñado para ese avión (DSG) era de 60.000 horas ou 48.000 voos. No ano 2012 aprobouse un tempo de servizo estendido (ESG1), levando a súa vida ata as 120.000 horas ou 60.000 voos, a condición de que se realizasen cambios estruturais e de sistemas antes de acadar o DSG.[8] Tras o accidente a aeroliña informou que o aparello fora revisado o día anterior por técnicos de Lufthansa.[9]

Tripulación e pasaxe

O piloto ao mando era o Capitán Patrick Sondenheimer, que tiña 10 anos de experiencia (unhas 6.000 horas) voando en A320 de Germanwings, Lufthansa e Condor.[10][11]

O primeiro oficial era Andreas Lubitz, de 27 anos de idade.[12][13] Lubitz deixara por un tempo o seu adestramento de piloto en 2009; un coñecido seu afirmou que foi debido a que sufrira síndrome de Burnout e depresión.[14] Tiña 630 horas de voo de experiencia antes do accidente.[15]

Había dous pilotos, catro tripulantes de cabina e 144 pasaxeiros no avión de polo menos 18 países, principalmente de Alemaña e España. Os primeiros datos foron confusos debido á dobre nacionalidade dalgunhas das persoas que voaban no aparello.[16]

Entre a pasaxe había 16 alumnos e dous profesores do instituto Joseph-König-Gymnasium de Haltern am See, en Renania do Norte-Westfalia. Regresaban a casa tras un intercambio de estudos co instituto Giola en Llinars del Vallès.[17] O baixo-baritono Oleg Bryjak e a contralto Maria Radner, cantantes da Deutsche Oper am Rhein, tamén estaban no voo.[18][19]

O accidente

Traxectoria do voo.

O voo 9525 engalou na pista 07R do aeroporto de Barcelona ás 10:01:12 CET (09:01.12 UTC) e agardábase que chegase a Düsseldorf ás 11:39 CET (10:39 UTC).[20][21] A saída prevista do voo era ás 09:35 CET (08:35 UTC).[22]

A Direction Générale de l'Aviation Civile (DGAC), a autoridade civil de aviación francesa, declarou o avión en perigo tras comezar a descender e ao perder o contacto por radio. Segundo a oficina francesa de investigacións de aviación civil, a Bureau d'Enquêtes et d'Analyses pour la Sécurité de l'Aviation Civile (BEA), os pilotos confirmaron as instrucións do control de tráfico francés ás 10:30 CET.

Ás 10:31.02 CET, tras cruzar a costa francesa preto de Toulon, o avión realizou unha leve corrección do rumbo, abandonando a altitude de cruceiro asignada de 38.000 pés (12.000 m) e sen aprobación ningunha comezou un rápido descenso. O radar observou un rango de descenso duns 3.500 pés por minuto (17,8 metros por segundo). Os intentos do control aéreo francés por contactar co avión a través da frecuencia de radio asignada non foron respondidos. O tempo de descenso dende os 38.000 foi duns 10 minutos.[23] Enviouse un Mirage 2000 da Forza Aérea francesa dende a base de Orange para interceptar o avión.[24][25] Segundo a BEA, o contacto por radar perdeuse ás 10:40.47 CET; a esa hora o avión estaba voando a unha altitude de 6.175 pés (1.882 m).[26]

O avión estrelouse no territorio da remota comuna de Prads-Haute-Bléone, a uns 100 quilómetros ao noroeste de Niza.

Investigación

Notas

🔥 Top keywords: